Baltar desmárcase do argumentario da dirección do PP galego sobre o AVE: "Ourense é Galicia"

José Manuel Baltar, durante o pleno da Deputación de Ourense deste 27 de xuño © Deputación de Ourense

A dirección do PP galego vén optando por restar valor á inauguración da conexión entre Galicia e a Meseta por tren de alta velocidade, inaugurada a finais do pasado 2021 tras máis de dúas décadas de traballos e sucesivos prazos. Dende esa posta en servizo, os conservadores viñeron centrando os seus reproches en que o servizo AVE só chega inicialmente ata Ourense.

"Seguimos agardando a chegada do AVE a Galicia. O AVE chegou a Ourense, pero non chegou a Galicia", sostivo Prado, 'número dous' do PPdeG

Esa circulación ata Ourense, tendo que cambiar de convoi para seguir percorrido no resto da rede galega, producirase ata que entre en servizo o tren e ancho variable coñecido como Avril, cuxa construción non foi encargada ata finais de 2016, tras media década de Goberno do PP no Estado e cando xa era coñecida a dificultade que existiría para conectar a liña de alta velocidade coa Meseta (de ancho internacional) coa interior, de ancho ibérico. O actual Goberno de España dixo prever que comezarían a operar neste verán.

Prado, Tellado e outros dirixentes do PP, ante a estación ferroviaria de Ourense o pasado 25 de xuño CC-BY-SA PPdeG

A pasada semana, os populares escenificaron estas críticas cunha viaxe en tren entre Ourense e Santiago dunha comitiva encabezada por Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, e mais por Miguel Tellado, o seu antecesor no cargo e actual vicesecretario de organización do partido a nivel estatal. Alí Prado teimou nunha das ideas-forza que a cúpula do PPdeG defende dende hai meses ao respecto: "Seguimos agardando a chegada do AVE a Galicia. O AVE chegou a Ourense, pero non chegou a Galicia", sostivo, para despois engadir que "Non chegou a Santiago, non chegou a Vigo, non chegou a Pontevedra, non chegou a Lugo".

Baltar: "Eu considero que o AVE chegou a Galicia, ninguén pode dicir que non porque Ourense é Galicia"

O comentario da número dous de Alfonso Rueda no PPdeG non foi do agrado do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome -que goberna en bipartito co PP-, que o considerou "intolerable" e "un desprezo absoluto" á cidade. Nesta liña, Democracia Ourensana defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción para reclamar a dimisión de Paula Prado, secretaria xeral do seu socio de goberno. Tampouco gustaron ao presidente do PP e da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar. Así o fixo saber o barón ourensán no pleno da institución provincial, celebrado o pasado luns.

O secretario xeral do PSdeG e voceiro socialista na institución, Rafael Rodríguez Villarino, convidou na quenda de rogos e preguntas a Baltar a aclarar "que opinión lle merecen" as consideracións da secretaria xeral do PPdeG sobre a suposta chegada do AVE a Ourense, pero non a Galicia. Asegura Baltar que a súa opinión é a mesma de "calquera persoa que as vexa", porque "Ourense é Galicia, Galicia é Ourense".

"Outra cousa é que se critique que non chegase a outras vilas e cidades", sostén Baltar sobre as palabras de Prado. Pero "eu considero que o AVE chegou a Galicia" e "ninguén pode dicir que non chegou a Galicia, porque Ourense é Galicia". En días previos, Villarino ironizara con que "por fin" a dirección dos populares "recoñece que para eles, Ourense nin de Galicia é". "Algúns xa o notabamos dende hai 35 anos", chanceou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.