A aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado adoita ser interpretado cada ano como un termómetro do compromiso do Goberno de España coas diferentes comunidades autónomas. Non en van, un dos principais titulares e elementos de debate político en cada exercicio é o investimento previsto polo Estado en cada territorio, isto é, os fondos que prevé gastar en cada lugar fundamentalmente para obras, determinados servizos ou encomendas a empresas públicas. Esas contas son, en todo caso, unha previsión que pode cumprirse ou non. Para sabelo cómpre acudir nos anos seguintes aos datos de execución orzamentaria.
Ministerios, entes autónomos e empresas públicas prevían investir 792 millóns de euros en Galicia e executaron 532
A Intervención Xeral do Estado vén de actualizar eses datos correspondentes a 2021, o primeiro orzamento do Goberno do PSOE e Unidas Podemos, tamén o primeiro despois de tres anos de prórrogas das derradeiras contas do gabinete do PP de Mariano Rajoy. Nese ano, a suma dos investimentos executados directamente polos Ministerios, polos organismos que dependen deles e polas empresas públicas do Estado amosan que en Galicia foi executado o equivalente a un 67% do previsto: 532 millóns dun total de 792.
As empresas públicas, responsables de grandes obras como as ferroviarias, investiron en Galicia o equivalente a un 63% do que preveran en 2021, a maior porcentaxe en media década
Botando a vista atrás aos últimos cinco exercicios con datos comparables -en 2019 e 2019 non foron aprobados os orzamentos estatais e antes de 2015 a Intervención Xeral do Estado non ofrecía datos equiparables para as empresas públicas-, a conclusión é que o principal axente investidor do Estado en Galicia, as empresas públicas (por exemplo, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, a súa filial de alta velocidade, Puertos del Estado ou a Sociedade Estatal de Participacións Industriais) acadou en 2021 unha execución do 63%, a máis alta en media década. Mentres, os ministerios roldaron o 70% e os organismos autónomos gastaron máis do que orzamentaran inicialmente, algo que vén sendo habitual especialmente a causa do habitual desfase entre previsión e execución no Centro Superior de Investigacións Científicas e no Instituto Oceanográfico.
Nos fondos que dependen directamente dos Ministerios vén sendo habitual que departamentos como Interior e Defensa invistan máis do previsto inicialmente
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, xa con Rajoy era frecuente que os organismos autónomos do Estado e tamén os Ministerios gastasen máis do previsto, isto é, que superasen o 100% de execución dos investimentos previstos en Galicia. En 2017, por exemplo, o Ministerio de Defensa tiña previsto investir en Galicia 2 millóns de euros e acabara gastando 55 e Agricultura orzamentara 5,8 pero executara 11,3.
En 2018 as causas de que o gabinete de Rajoy se pasase das previsións foran tamén Defensa e Agricultura pero, sobre todo, o Ministerio do Interior, que prevía investir en Galicia apenas 72.000 euros e acabara gastando 2,6 millóns. Mentres, naquel período, as empresas públicas das que dependen as grandes obras, como a alta velocidade ferroviaria, apenas superaban o 50% de execución.
Os importes de 2021
Traducido a euros, no 2021 as empresas públicas prevían investir en Galicia algo menos de 500 millóns e acabaron executando algo máis de 300. Nese exercicio destaca o caso de Adif-Alta Velocidad, que tras anos de obras ao ralentí acabou investindo máis do duplo do que tiña previsto en Galicia: orzamentara 62 millóns e investira 164, o que supón unha execución do 264,5%.
Mentres, como amosa o gráfico, os Ministerios orzamentaran 285 millóns e executaran algo menos de 200. Outra volta, destacan as contas de Interior e Defensa por executaren máis do previsto: o departamento de Grande-Marlaska tiña previsto investir pouco máis de medio millón e acabou executando 2,32 millóns (426,4%) e o de Margarita Robles executou case 67 millóns, un 102%. Transportes, o departamento que habitualmente máis focos ten sobre si por ser o responsable das grandes obras, executou o 56% do previsto, 110 millóns de euros, e Transición Ecolóxica fixo o propio co 52% da súa previsión, 12 millóns de euros.
Como adoito, á hora de observar estas contas cómpre ter tamén en conta outro elemento. Estas cantidades refírense unicamente a investimentos (obras, servizos) e non a outros conceptos de gasto estatal. Por exemplo, non inclúen prestacións como as pensións ou o ingreso mínimo vital, achegas para eidos como a asistencia a persoas en situación de dependencia e tampouco conceptos novidosos como poden ser as bonificacións de peaxes na AP-9.
Distribución por autonomías
En 2021 a execución orzamentaria das empresas públicas só supera o 100% en Madrid
Estes datos tamén amosan como a distribución da execución orzamentaria é profundamente desigual en función da autonomía. Así, as empresas públicas -as habitualmente máis investidoras- só superaron o 100% de execución durante 2021 na Comunidad de Madrid e só quedaron por riba do 60% en Balears, Castilla y León e Galicia. Mentres, a menor execución destes departamentos rexistrouse na Comunitat Valenciana, Catalunya e Asturias, as tres por baixo do 30%.
No que atinxe aos Ministerios, en 2021 destaca a altísima execución en Navarra, seguida por Madrid e Balears. Nos organismos autónomos, que manexan menores orzamentos e por iso están máis suxeitos a variacións, destaca a alta execución en La Rioja, Catalunya e Canarias, se ben en todos os territorios supera o 100%, isto é, en todo o Estado investiron máis do que preveran.