A Xunta encoméndase á sentenza do Constitucional sobre o Estatut de Catalunya para xestionar o litoral galego

Reunión do 28 de xullo na que Alfonso Rueda entregou a Pedro Sánchez o ditame do Consello Consultivo que ampara na sentenza do Constitucional sobre o Estatuto de Catalunya que Galicia poida xestionar o litoral CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego esgrime ante o Estado que en 2010 o Tribunal Constitucional, ao resolver sobre a norma catalá, “matizou” ou “precisou” a súa doutrina previa e admite que comunidades como Galicia poidan xestionar as concesións costeiras 

Na súa campaña para perpetuar a ocupación privada de terreos públicos do litoral a través de concesións ou prórrogas de longo prazo, coa fábrica de Ence na ría de Pontevedra como gran paradigma, a Xunta ten fundamentalmente dous obxectivos: que o Estado, que é quen hoxe outorga as concesións en Galicia, as dea ou prorrogue polos prazos máis amplos posibles, ou que sexa o propio Goberno galego quen se encargue de outorgar esas concesións. 

No primeiro eido a Xunta vén de recibir unha resposta negativa do Tribunal Constitucional ao seu intento de anular un artigo da lei estatal de cambio climático aprobada o pasado ano que limitou a un máximo de 75 anos calquera concesión no litoral. No segundo eido, o presidente Rueda vén de reclamar a Pedro Sánchez que sexa a Xunta quen xestione as concesións amparándose nun ditame que o propio Goberno galego encargou ao Consello Consultivo de Galicia que di que é posible sen necesidade de reformar o Estatuto de Autonomía de Galicia e sen que haxa unha transferencia expresa de competencias. Segundo ese ditame, o Tribunal Constitucional “matizou” ou “precisou” a súa doutrina ao respecto en 2010 a raíz da súa análise do Estatuto de Autonomía de Catalunya, interpretación grazas á que Galicia podería exercer unha competencia que se considera que xa é autonómica.

Unha imaxe do litoral galego CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

A propia Xunta pediu ao Consultivo que analizase "os pronunciamentos" que o Constitucional fixo sobre o Estatuto de Autonomía de Catalunya

O Estatuto de Autonomía de Galicia di que entre as competencias da Xunta está a “ordenación do territorio e do litoral”, o que para o Goberno galego o habilita para poder xestionar as concesións costeiras. Pola contra, o Goberno de España considera a redacción demasiado xenérica e di que habería que reformar o estatuto para que a Xunta asuma esa competencia. 

Ante esta disparidade de visións foi a propia Xunta quen pediu ao Consello Consultivo de Galicia que emitise un ditame que, entre outras cuestións, analizase “os pronunciamentos” que o Constitucional fixo sobre o Estatut de Catalunya a respecto das competencias autonómicas sobre o litoral. E o que di o Consultivo, nun ditame no que é relator o seu presidente, José Luis Costa Pillado, é que o Tribunal Constitucional tiña unha doutrina previa, antes de analizar o Estatuto de Catalunya, máis restritiva á hora de considerar que competencias en materia de xestión do litoral podían exercer as comunidades. Pero en 2010, na sentenza que anulou ou reinterpretou boa parte da norma catalá, o Constitucional “introduciu un matiz” ou “precisión”. 

O Constitucional, di o ditame do Consultivo esgrimido pola Xunta, realmente non interpreta o Estatuto de Catalunya senón que interpreta a Constitución a raíz do debate aberto polo estatuto catalán, que estableceu que corresponde á Generalitat a xestión dos títulos de ocupación e uso do litoral. O tribunal estableceu que ese precepto era legal porque as competencias sobre o litoral realmente non están atribuídas na Constitución en exclusiva ao Estado por máis que o que si diga a Constitución é que eses espazos deben ser públicos. Isto é, o litoral debe ser público pero non só o Estado pode xestionalo. 

Ditame do Consello Consultivo que salienta que a doutrina do Constitucional sobre a xestión do litoral mudou tras analizar o Estatuto de Catalunya CC-BY-SA Praza Pública

O Consultivo precisa que “o cambio na delimitación das competencias estatais” como o establecido polo Constitucional na súa sentenza 31/2010 a raíz do Estatuto de Catalunya non é froito do que se decidiu escribir nese estatuto “senón que é o Tribunal Constitucional o que, a instancia do lexislador estatutario e por estimar conforme á Constitución Española a ‘precisión’ feita por este, cambia a súa doutrina sobre o reparto competencial previamente establecida”.

Así, segundo o Consultivo, “esta nova doutrina sobre o reparto competencial non pode circunscribir os seus efectos á Comunidade Autónoma catalá e a aquelas outras (como a andaluza, a balear e a canaria) cuxos estatutos recollan a mención expresa da xestión dos títulos de dominio público marítimo-terrestre”. “Pola contra”, engade o ditame, “este cambio doutrinal proxéctase así mesmo sobre a competencia autonómica galega en materia de ordenación do litoral”. 

O Consultivo conclúe que "da doutrina actual do Constitucional" derivada da súa sentenza sobre o Estatut "dedúcese" que a Xunta tamén ten "as facultades sobre a 'xestión'" das concesións

O Consultivo conclúe que dos termos da actual redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia “e da doutrina actual do Tribunal Constitucional” derivada da súa sentenza de 2010 sobre o Estatuto de Catalunya “dedúcese que a competencia asumida pola Comunidade Autónoma galega sobre a ‘ordenación do territorio e do litoral’ comprende todas as facultades ou funcións que naturalmente son desenvolvibles en relación con tal materia, incluídas as facultades sobre a ‘xestión’ dos títulos de uso e ocupación”.

Feijóo e o presidente do Consello Consultivo, José Luis Costa Pillado, autor do ditame, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Consultivo tamén di que para que a Xunta poida exercer efectivamente esa competencia “resulta necesario o traspaso de medios e servizos por parte do Estado, debendo evitarse, por lealdade constitucional, que persista a situación anómala de que o Estado siga exercitando transitoriamente funcións que non lle corresponden”. Porén, o propio Consultivo lembra que o exercicio desas competencias debe realizarse respectando o marco lexislativo xeral ditado desde o Estado, isto é, as condicións e límites establecidas polas leis estatais para as concesións no litoral como espazo público de titularidade estatal que é.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.