O tribunal nega que a lei estatal de cambio climático sexa confusa ao restrinxir a un máximo de 75 anos as ocupacións privadas de terreos públicos e remite as discrepancias que poida haber en cada caso puntual aos xulgados ordinarios
Na súa campaña en defensa da ocupación privada de terreos públicos do litoral a Xunta presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional contra a lei estatal de cambio climático aprobada hai un ano sen que o PP votase en contra. A norma restrinxiu a un máximo de 75 anos as concesións costeiras deixando claro que non sería retroactiva senón que ese límite temporal se imporía ás novas concesións ou prórrogas que se outorgasen desde a entrada en vigor da nova lei. Porén, o Goberno galego argumentou que a súa redacción era confusa e xeraba inseguridade xurídica á hora de calcular a duración das concesións xa vixentes, algo que o Constitucional nega.
Na súa sentenza o Constitucional lembra que as leis poden mudar a vontade dos lexisladores e que esta pretende “evitar a perpetuación na ocupación do dominio público marítimo-terrestre” pero “respectando os dereitos constituídos” antes da súa entrada en vigor. Tamén di que aínda que a propia lei non contemple todos os supostos posibles de cálculo de duracións de concesións, a norma debe ser interpretada en relación co resto do ordenamento xurídico, o que non fai que sexa confusa. E se hai discrepancias nalgún caso puntual, o Constitucional di que deberá ser a xustiza ordinaria quen as resolva.
O resultado negativo da sentenza do Constitucional para os intereses da Xunta coñeceuse hai case un mes, pero é agora cando o tribunal vén de facer público o contido íntegro da sentenza e os seus argumentos.
O artigo clave da lei de cambio climático cuestionado pola Xunta di que “os prazos de duración dos títulos de ocupación do dominio público marítimo-terrestre computaranse desde o seu outorgamento e incluirán todas as súas prórrogas” e que non poderán superar os prazos máximos establecidos na Lei de Costas e na Lei de Patrimonio das administracións públicas, isto é, 75 anos, ou menos en determinados supostos. E tamén engadiu que “serán nulos de pleno dereito os actos administrativos que se diten tras a entrada en vigor desta lei en incumprimento do previsto neste artigo”, isto é, que a partir desta lei non se poderán dar concesións ou prórrogas que fagan superar o máximo de 75 anos, pero sen entrar a concretar como se computan as concesións e prórrogas outorgadas antes.
A Xunta centrou o seu recurso en que a lei non fixa expresamente a duración das concesións e o sistema de cómputo das xa outorgadas previamente “vulnerando o principio de seguridade xurídica”.
O Constitucional di que o principio de seguridade xurídica esgrimido pola Xunta non pode amparar "preservar indefinidamente o réxime xurídico que se establece nun momento histórico dado"
Segundo o Constitucional, “as alegacións da Xunta concrétanse exclusivamente na incerteza” que ao seu ver supón a lei “en relación co réxime xurídico que afecta á duración dos títulos de ocupación do dominio público marítimo-terrestre preexistentes e respecto do cómputo das prórrogas anteriores”, o que ao seu ver vulnera “o principio de seguridade xurídica”. Porén, o Constitucional rexéitao.
A sentenza di sobre o artigo en cuestión que “o seu sentido é claro e a súa aplicabilidade pode determinarse acudindo aos métodos de interpretación aceptados en Dereito”, isto é, poñendo en relación a lei en cuestión co resto de leis previas en vigor ou con outro tipo de normas e principios legais. “En tanto que as normas aparecen integradas nun ordenamento xurídico determinado, os ocos que na súa regulación existan, poden ser integrados polos principios que o informan en sustentan, polo que as omisións non vician de inconstitucionalidade a norma”, engade.
Así, sobre ese aspecto o Constitucional conclúe que “debe descartarse a vulneración do principio de seguridade xurídica pois é innegable que as normas ás que se imputa a inseguridade non son normas incertas ou faltas da indispensable claridade, non obstante a inevitable interpretación que das mesmas deba facerse, sen que o principio de seguridade xurídica ampare a necesidade de preservar indefinidamente o réxime xurídico que se establece nun momento histórico dado”.
A sentenza confirma que os lexisladores quixeron deixar claro que xa non poderá haber concesións de máis de 75 anos e que as disposicións da lei “non deron lugar a unha escuridade ou insuficiencia hermenéutica, senón que, ao contrario, poden ser obxecto de interpretación meridiana polos operadores xurídicos, administracións e tribunais, non obstante a heteroxeneidade de situacións e títulos de concesións, partindo, primeiro, de que a prórroga extraordinaria introducida [na reforma da Lei de Costas de 2013 impulsada por Rajoy] tenderá a extinguirse no tempo (a fin de evitar a perpetuación na ocupación do dominio público marítimo-terrestre), pero respectando os dereitos constituídos antes da entrada en vigor” da lei que agora se cuestionaba.
E se hai dúbidas de interpretación en casos puntuais, engade o Constitucional, “o cómputo do prazo de duración da concesión e a súa prórroga é unha cuestión casuística, que lles corresponderá enxuizar aos tribunais ordinarios segundo a heteroxeneidade de réximes”. Algo no que incide insistindo en que “cada norma non constitúe un elemento illado e incomunicado no mundo do Dereito senón que se integra nun ordenamento xurídico determinado” no que “os baleiros normativos, reais ou aparentes” deben resolverse “a través da labor interpretativa encomendada á xurisdición ordinaria”.
No caso de Ence, o Supremo ten pendente analizar a xustificación pola que a fábrica debería estar na ría de Pontevedra e non os prazos da prórroga que lle deu Rajoy en 2016
Esa xurisdición ordinaria é na que está pendente, no Tribunal Supremo, a decisión sobre a prórroga que en 2016 outorgou o Goberno de Mariano Rajoy á fábrica de Ence na ría de Pontevedra. Porén, nese caso, do que a Xunta vén facendo bandeira na súa campaña defensa de que as concesións se prorroguen o máximo posible, o alto tribunal centrarase en analizar a xustificación de que unha industria dese tipo teña que ocupar terreos públicos do litoral. A sentenza da Audiencia Nacional que hai un ano anulou a prórroga de Ence, que agora está a ser revisada polo Supremo, non entrou en consideracións sobre os prazos senón só sobre os motivos, que considerou infundados.