O tribunal desestima o recurso que presentou Feijóo e mantivo Rueda contra a lei estatal de cambio climático que o pasado ano restrinxiu o cómputo das prórrogas fronte ao desexo do PP de prolongar as ocupacións do litoral
O Tribunal Constitucional fixo público este xoves que o seu Pleno decidiu esta semana “desestimar” o recurso de inconstitucionalidade que presentou a Xunta contra a lei estatal de cambio climático aprobada o pasado ano polo Congreso na que se restrinxiu o cómputo dos prazos das concesións privadas de terreos públicos na costa. Malia que o PP estatal e os deputados populares galegos no Congreso non votaron en contra da lei senón que se abstiveron, o Goberno galego, con Feijóo á cabeza, recorreu a norma para tentar facilitar máis tempo de ocupacións privadas do litoral.
Agora o Constitucional desestima o recurso, segundo a decisión que se fixo pública este xoves, aínda que os argumentos xurídicos aínda tardarán uns días en ser coñecidos.
A Constitución establece que a costa debe ser pública e que a súa ocupación privada só é posible cunha concesión estatal, que en España están limitadas a un máximo de 75 anos. Durante os gobernos de Mariano Rajoy reformouse a Lei de Costas e o seu regulamento deixando no aire se novas prórrogas das concesións debían estar ou non limitadas por ese máximo, ambigüidade que foi criticada polo Consejo de Estado daquela presidido polo tamén popular José Manuel Romay Beccaría. É contra a corrección desa ambigüidade contra a que recorreu a Xunta.
“Hai unha espada de Damocles no sector que nos preocupa de forma especial, que é a posibilidade de que ningunha concesión de Costas dure máis de 75 anos”, insistía Feijóo en xaneiro
O pasado ano, aproveitando a tramitación da lei de cambio climático, o Goberno de Pedro Sánchez introduciu un artigo -primeiro o 18.4 e despois numerado como 20.4- para desfacer a ambigüidade de Rajoy e deixar claro que os prazos das concesións “computaranse en todo caso desde o seu outorgamento e incluirán todas as súas prórrogas”. A redacción inicial do borrador dese punto engadía que serán “nulos de pleno dereito os actos administrativos ditados en incumprimento do previsto neste artigo”, o que varios partidos e a Xunta consideraron que podía ter efecto retroactivo e anular as prórrogas xa concedidas previamente. Porén, finalmente o PSOE aceptou mudar a redacción dese punto e substituíu a palabra “ditados” por “que se diten” para deixar claro que o novo cómputo só se aplicaría a partir da entrada en vigor da nova lei.
Malia esa aclaración e que o PP estatal non votou en contra da lei, a Xunta e o PPdeG insistiron en cargar contra a norma e a recorreron no Constitucional. “Hai unha espada de Damocles no sector que nos preocupa de forma especial, que é a posibilidade de que ningunha concesión de Costas dure máis de 75 anos”, insistía Feijóo aínda en xaneiro, coa lei xa aprobada. E agora o Constitucional, á espera de coñecer os seus argumentos, vén de desestimar o seu recurso.
A Xunta vén de reactivar a súa campaña en favor da ocupación privada de terreos públicos no litoral, agora en contra do borrador plan estatal de loita contra o cambio climático
A decisión do Constitucional chegan cando a Xunta vén de reactivar a súa campaña en favor da ocupación privada de terreos públicos do litoral. Ao tempo que reclama a xestión das competencias sobre o litoral para que sexa o Goberno galego quen decida sobre as concesións aínda que a súa titularidade siga sendo estatal, a Xunta criticou nos últimos días un borrador dun plan estatal contra o cambio climático co argumento de que pretende unha “retirada paulatina e controlada dos seres humanos da costa”. Nesta nova campaña o Goberno galego quere que os concellos a secunden tamén na súa loita contra o Goberno de España.