Dende 2021, o Ministerio para a Transición Ecolóxica impulsa o Plan Estratégico Nacional para la Protección de la Costa frente a los efectos del cambio climático. Trátase dun documento estratéxico, pensado para o longo prazo -cun horizonte mínimo do ano 2045- e financiado pola Unión Europea coa intención de trazar os obxectivos "para a redución das presión sobre o litoral e para a protección, preservación e xestión integrada dos recursos costeiros".
A redacción dos primeiros documentos nesta primeira fase previa, que durou arredor dun ano, está liderada pola organización internacional Coastal and Marine Union xunto ao Instituto de Hidráulica Ambiental da Universidade de Cantabria e mais ao Instituto Universitario de Investigación en Acuicultura Sostenible y Ecosistemas Marinos da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria. Neste mes de xuño, o Transición Ecolóxica presentou un primeiro avance dos traballos e abriu un prazo de recepción de achegas.
Este é o pano de fondo co que a Xunta vén lanzando diversas alertas sobre o futuro das construcións costeiras, máis aínda despois de que o Estado frease a súa intención de permitir ampliar ata un 50% o volume de boa parte delas. É tamén o contexto no que o Goberno galego reactivou a petición das competencias sobre a xestión do dominio público marítimo-terrestre (a concesión de permisos e xestión das ocupacións nesa franxa litoral) tras máis dunha década aparcada e no que agora opta por acirrar os concellos de toda a costa contra o plan estatal.
A conselleira de Medio Ambiente alerta os concellos de que o plan estatal "parece pretender a total liberación" dos terreos da costa e apoia os seus argumentos nun treito da Carta Europea do Litoral de 1981, pero obviando que o documento tamén instaba a "loitar contra a privatización" destes espazos "escasos"
Nunha carta asinada o pasado 21 de xuño pola conselleira de Medio Ambiente e remitida a todos os concellos da costa galega, Ángeles Vázquez láiase de que o plan que prepara o Goberno de España para adaptar a costa aos efectos do cambio climático "realmente parece pretender a total liberación do dominio público marítimo-terrestre". Nesta liña, Vázquez critica que os documentos previos do plan "conclúan literalmente, tomando como base unha enquisa" que "o valor socioeconómico da costa" constitúa "a principal ameaza para a protección" do litoral polo "uso humano que se fai dela" por mor "do vencello entre dito valor e a ocupación humana da costa".
Neste punto da misiva, á que tivo acceso Praza.gal, a conselleira alude a un documento redactado hai máis de 40 anos, a Carta Europea do Litoral de 1981 para advertir que o plan de Transición Ecolóxica para adaptar a costa á crise climática contradí o "papel estratéxico no desenvolvemento económico e na reestruturación da economía mundial" que esa declaración outorgaba aos terreos costeiros. A Carta, non obstante, tamén advertía de que a "escaseza de espazo costeiro" obrigaba a ser "selectivos" coas actividades e ocupacións que se autorizan nel, instaba a "loitar contra a privatización do litoral" e mais a "asegurar o acceso público á costa", así como a priorizar a protección do medio ambiente sobre calquera outro criterio. [Texto íntegro da Carta Europea do Litoral]. Ese era o espírito tamén dunha resposta da Comisión Europea ao PP en 2021, cando o Executivo comunitario advertiu o eurodeputado conservador pontevedrés Francisco Millán Mon de que as concesións para o uso do litoral non son ilimitadas.
Nun contexto no que a Xunta acusa o Estado de "evitar dar voz aos concellos do litoral" nesta fase do plan, Medio Ambiente opta por lles remitir unha ligazón -allea aos sitios web e repositorios oficiais- para a descarga íntegra dos documentos do proxecto do Ministerio. Asegura que a súa intención é "que poidades participar activamente nun proceso que vos afecta de xeito directo" e "facernos chegar á Consellería as vosas alegacións e suxestións" ata o 15 de xullo (a consulta do Ministerio finaliza unha semana despois).
A conselleira evidencia na carta que a intención política de reactivar a petición das competencias de xestión do litoral é pular no sentido contrario á progresiva liberación de construcións na costa
A carta de Ángeles Vázquez aos concellos conclúe recoñecendo, como xa fixera en diversas declaracións nos últimos meses, que a intención política de volver reclamar agora as competencias sobre a xestión do litoral é pular no sentido contrario aos plans do Estado para a costa e da súa progresiva liberación de construcións. Isto é, afondar no que xa fixa a actual lexislación en materia de costas.
"O meu obxectivo é que (...) sigamos sumando esforzos para conseguir as funcións executivas" nesta área "e así frear as interpretacións do Goberno central sobre o dominio público marítimo-terrestre", afirma antes de reiterar que están "en perigo preto de 4.000 edificacións". "Dende Galicia -proclama- temos que presentar unha fronte común sólida coa que seguir reclamando ao Estado o traspaso da xestión efectiva das competencias do litoral" porque "Galicia pode e debe decidir sobre o futuro da súa costa", conclúe. As últimas competencias que a Xunta recibiu datan de hai 14 anos, no verán de 2008 -aínda con Zapatero na Moncloa e o goberno de coalición PSdeG-BNG en Galicia- e actualmente transita polo período máis prolongado da historia da autonomía sen obter un só traspaso.