O Ministerio de Sanidade alerta de 'risco alto' para a saúde en Pontevedra e parte de Ourense por mor da vaga de calor

Risco para a saúde por mor das altas temperaturas ©

Ourense superará os 40 graos varios días desta semana e o martes as cidades de Pontevedra e Vigo roldarán os 37 de máxima

Galicia vai sufrir durante toda esta semana unha vaga de calor que elevará as temperaturas máximas por riba dos 30 graos en practicamente todo o territorio. As zonas que rexistrarán os valores máis altos serán o val do Miño e, en xeral, todo o sur do país, con máximas por riba dos 40 graos. No outro extremo, a Mariña gozará de temperaturas que entre luns e xoves non superarán os 25 graos.

No que atinxe ás sete cidades, Ourense marcará as máximas, por riba dos 40 graos este luns e mais o mércores e o xoves. Ademais, Pontevedra e Vigo rexistrarán valores moi por riba do habitual, coa previsión de que este martes se superen os 37 graos. Ferrol e sobre todo A Coruña terán as temperaturas máis agradables, pero a previsión -de momento- é que a cidade herculina supere os trinta graos o venres.

Este domingo as altas temperaturas obrigaron á Xunta a suspender as actividades deportivas no exterior a partir do mediodía na maior parte da provincia de Pontevedra

Meteogalicia activou avisos por altas temperaturas na maior parte do país para este luns: laranxa nas zonas do Miño en Pontevedra e Ourense e Valdeorras e amarelo en case todo o resto de Galicia, coa excepción do litoral de Lugo e do norte e oeste da Coruña. Para o martes, a alerta é laranxa en todas comarcas litorais da provincia de Pontevedra e mais no Baixo Miño; hai aviso amarelo na maior parte da provincia de Ourense e mais no sur e no leste da provincia de Lugo.

Este domingo a Xunta viuse obrigada a elevar a nivel 2 a alerta para as zonas Litoral e Miño da provincia de Pontevedra, de xeito que en 53 concellos pontevedreses mesmo foron suspendidas as actividades deportivas no exterior a partir das 13 horas. 

Este luns a suspensión de actividades deportivas no exterior mantívose en Pontevedra e ampliouse a varios concellos da provincia de Ourense e do suroeste da Coruña.

O Ministerio de Sanidade alerta de 'risco alto' para a saúde por mor da calor en toda a provincia de Pontevedra, no sur de Ourense e en Valdeorras

Ademais dos avisos da Xunta a través de Meteogalicia, tamén o Ministerio de Sanidade lanza alertas sobre o efectos prexudiciais que as altas temperaturas poden provocar na poboación. Para este luns, practicamente toda Galicia -todas as meteozonas, agás a da Mariña- está advertida de risco para a saúde por mor da calor excesiva. 

Destaca o risco alto do que o Ministerio de Sanidade alerta en 5 das 16 meteozonas nas que está dividida Galicia: Interior de Pontevedra, Rías Baixas, Miño de Pontevedra, Sur de Ourense e Valdeorras. Ademais, alértase de risco medio no Noroeste da Coruña, Interior da Coruña, Noroeste de Ourense, Miño de Ourense, Sur de Lugo e Montaña de Ourense.

Nas zonas de alto risco, recoméndase evitar a exposición directa ao sol nas horas centrais do día, manterse fresco e beber auga con regularidade. As recomendacións son particularmente importantes para a poboación de risco: menores de 4 anos, persoas maiores, mulleres embarazadas, persoas con enfermidades crónicas e persoas que traballan ao aire libre. 

Dende o comezo da tempada estival estímase que máis de 200 persoas morreron en Galicia como consecuencia da calor excesiva

Dende o comezo da tempada estival estímase que máis de 200 persoas morreron en Galicia como consecuencia da calor excesiva: 84 en xuño, 107 en xullo e 16 máis nos tres primeiros días de agosto.

O cálculo é realizado polo sistema de Vixilancia da Mortalidade diaria (MoMo) xestionado polo Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII). Esta ferramenta monitoriza os excesos de mortalidade en España, realizando estimacións que comparan os falecementos esperados e os reais e analizando as causas destas desviacións, entre elas as temperaturas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.