A estratexia para a protección da costa fronte ao cambio climático que elabora o ministerio céntrase na erosión e a inundación, cun apartado sobre a ocupación do litoral aínda non definido máis alá de apostar por un “programa de revisión” das concesións
A Constitución Española, no seu artigo 132, sinala que “son bens de dominio público estatal” a “zona marítimo-terrestre” ou “as praias”. Isto é, a costa só pode ser ocupada por actividades privadas cunha concesión temporal. Esa é unha máis das consideracións que contempla o Plan estratéxico nacional para a protección da costa española considerando os efectos do cambio climático, documento que están a elaborar expertos independentes por encargo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e que centra o seu enfoque na xestión dos riscos de erosión e inundación. Non será ata dentro de varios meses que se coñecerán as actuacións concretas propostas, pero a Xunta vén de aproveitar agora que o ministerio someteu a consulta de varias administracións un borrador intermedio para reforzar a súa campaña de defensa da ocupación do litoral por actividades privadas.
Entre as diversas propostas do documento do ministerio hai unha que se limita a apostar por un futuro “establecemento dun programa de revisión dos títulos de ocupación” da costa, unha medida a desenvolver posteriormente e en principio centrada nas praias, segundo a redacción do documento do ministerio, pero que serve á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, para acirrar os concellos costeiros contra o Goberno de España e asegurar que o ministerio quere “unha costa libre e sen nada no dominio público marítimo-terrestre” cunha “retirada paulatina e controlada dos seres humanos da costa”.
O plan estratéxico que impulsa o ministerio, redactado por expertos da organización internacional EUC Coastal & Marine e das universidades de Cantabria e Las Palmas, vén sendo elaborado desde hai dous anos e ten como misión "guiar" a futura toma de decisións sobre o litoral ata 2045. Hai un ano fíxose unha primeira consulta previa a diversos actores afectados pola xestión do litoral para que achegasen as súas principais preocupacións para telas en conta á hora de elaborar a estratexia.
Agora sométese a consulta de diversas administracións ata o 22 de xullo o diagnóstico da situación actual da costa e un borrador que establece a planificación das denominadas actuacións de ámbito nacional, co obxectivo de que en novembro se poida facer unha nova consulta pública xeral incorporando as achegas que agora se realicen. De feito, o ministerio salienta que a actual consulta intermedia, no caso das estratexias, non é obrigatoria senón voluntaria.
A conselleira de Medio Ambiente asegura que Transición Ecolóxica quere unha "retirada paulatina dos seres humanos da costa" . O borrador do ministerio fala de "defender" a presenza no dominio público marítimo-terrestre de "bens e servizos estratéxicos"
O propio borrador agora facilitado ás administracións e consultado por Praza.gal insiste en varias ocasións en que será en fases posteriores cando se concreten as actuacións específicas que “serán valoradas segundo diversos criterios, priorizadas e ordenadas loxicamente para elaborar a folla de ruta de implementación” do plan. De momento, o que fai o documento é enunciar cinco grandes programas de actuación con 22 actuacións estratéxicas, centradas en mellorar a información que se ten do estado da costa e do efecto do cambio climático, planificar a xestión de cantís, sedimentos costeiros ou praias ou mellorar a reconstrución do litoral.
É no programa para a redución da presión do ser humano na costa no que se inclúen dúas actuacións denominadas “Establecemento dun programa de revisión dos títulos de ocupación do Dominio Público Marítimo-Terrestre (DPMT)” e “Elaboración dun plan para a prevención do estrangulamento da franxa costeira”.
O borrador limítase a avanzar que o primeiro programa deseñarase “con base na estimación da capacidade de carga das praias como un dos condicionantes para a concesión de títulos de ocupación do DPMT e outras actuacións específicas estritamente internas á Dirección Xeral da Costa e o mar”. E sobre o segundo sinala que se fundamente “na identificación e designación de liñas de defensa retranquear ou retirar de forma controlada en diversos horizontes temporais, así como dos bens e servizos a relocalizar ou retirar no DPMT, como consecuencia do incremento do risco producido, con base nun estudo da viabilidade e condicionantes legais para a implementación das medidas de retroceso controlado”. Pero o borrador tamén prevé ao tempo medidas de “defensa” de “bens e servizos estratéxicos a defender no DPMT”.
O borrador da estratexia non concreta como serán esas actuacións e remíteas a plans posteriores, pero admite ao tempo a súa complexidade e defende a necesidade de planificar actuacións sobre eses eidos. “Tendo en conta o criterio físico sobre o que se fundamenta a definición legal do Dominio Público Marítimo-Terrestre”, isto é, que son espazos directamente afectados pola acción do mar, o borrador da estratexia que pretende protexer ese espazo do cambio climático sinala como “evidente que todas as ocupacións do mesmo están expostas aos alcances das ondas en maior ou menor grao e, polo tanto, son susceptibles de sufrir impactos na medida da súa sensibilidade fronte á perigosidade de erosión e inundación”, as dúas cuestións nas que se centra todo o documento.
O borrador tamén admite que “reverter a gran concentración de poboación e de elementos de valor do medio socioeconómico ou infraestruturas críticas tan arraigadas no litoral supón unha gran complexidade debido ao seu valor”. E nesa liña conclúe co aparente paradoxo de que “o valor socioeconómico da costa constitúe a principal ameaza para a protección da costa en relación ao uso humano que se fai dela, a causa do vínculo entre dito valor e a ocupación humana da costa”.
O plan admite que "reverter a gran concentración de poboación e elementos de valor ou infraestruturas críticas tan arraigadas no litoral supón unha gran complexidade debido ao seu valor”
Ante este documento, a Xunta, na súa campaña de defensa da ocupación do litoral por actividades privadas, quere agora implicar aos concellos e vén de remitirlles unha carta na que asegura que o ministerio "realmente parece pretender a total liberación do dominio público marítimo-terrestre". Unha nova iniciativa tras a reclamación das competencias de xestión do litoral -a titularidade, como sinala a Constitución, seguiría sendo estatal-, o seu intento condicionado polo Goberno central de permitir ampliar ata un 50% as “edificacións tradicionais” na costa ou a súa defensa da prórroga da concesión de Ence sobre a ría de Pontevedra, considerada ilegal pola Audiencia Nacional e pendente de recursos ante o Tribunal Supremo.