Ence comunica aos mercados que o tribunal xa notificou a data na que decidirá se ratifica ou revoga a sentenza da Audiencia Nacional que anulou a súa prórroga ata 2073
O Tribunal Supremo xa ten data para decidir sobre o futuro de Ence na ría de Pontevedra. O 4 de outubro é o día que xa comunicou ás partes como momento previsto para votación e fallo sobre o primeiro dos recursos que recibiu contra a sentenza da Audiencia Nacional que hai un ano anulou a prórroga que o goberno en funcións de Mariano Rajoy outorgou en 2016 á empresa para seguir no seu emprazamento de Lourizán ata 2073.
A data do 4 de outubro vén de ser comunicada pola propia Ence na información sobre as súas contas remitida á Comisión Nacional do Mercado de Valores. A propia empresa sinala que “é previsible que a correspondente sentenza se publique durante o último trimestre do exercicio”.
Foi hai agora un ano, en xullo de 2021, cando a Audiencia Nacional anulou a prórroga a Ence porque o goberno de Rajoy non xustificou que unha fábrica dese tipo deba ocupar terreos públicos do litoral. Esa será a cuestión na que se centrará a análise do Supremo, a cuxa decisión favorable aos seus intereses di Ence que confiou o futuro da fábrica, obviando outros plans da Xunta para tentar manter a instalación no lugar aínda que a sentenza diga que a concesión non pode seguir vixente. Mentres, e incidindo na idea de que non contempla outra posibilidade que unha resolución favorable do Supremo, a empresa seguiu tramitando outras actuacións dentro do actual recinto.
Ao tempo a Xunta vén intensificando a súa campaña en defensa das ocupacións privadas de terreos públicos do litoral, con iniciativas que non acaban de ser secundadas polos concellos ou que veñen de obter o rexeitamento do Tribunal Constitucional.
A empresa di que a parada da fábrica decidida a pasada semana polo baixo nivel do río Lérez pode ter impacto nas súas contas se dura máis dun mes
Nas contas agora feitas públicas, a empresa tamén lembra que como consecuencia da sentenza da Audiencia Nacional, e á espera de que o Supremo a faga ou non firme, xa “rexistrou nos estados financeiros de 2021 deterioros de activos e provisións de gastos por un importe de 200 millóns de euros”.
As contas da empresa tamén informan da parada na produción da factoría de Lourizán decidida a pasada semana como consecuencia da caída do nivel do río Lérez, do que se abastece, por baixo do límite a partir do cal ten que deixar de consumir auga del. “Coa información da que se dispón nestes momentos, non é posible determinar a duración desta situación e o efecto que terá sobre a produción da biofábrica”, di, ao que engade que “non obstante, cabe sinalar que a sociedade estima que a situación tería que prolongarse durante máis dun mes para que puidera chegar a ter un impacto material nos resultados do exercicio”.
Sobre os resultados no que vai de ano, a compañía informa de que gañou “32 millóns de euros no segundo trimestre” e eleva a “45 millóns de euros o beneficio neto na primeira metade do ano”.