Ence volve ignorar o plan apadriñado pola Xunta para mantela na ría se o Supremo non lle dá a razón

Fragmentos das mencións de Ence aos seus plans en caso de a anulación da prórroga vire firme, sobre unha imaxe de arquivo da súa factoría en Lourizán CC-BY-NC-SA Foto: encefora.gal | Montaxe: Praza.gal

O Tribunal Supremo tramita dende o pasado 23 de febreiro os recursos presentados contra a primeira das tres sentenzas da Audiencia Nacional que, o pasado 2021, anularon a prórroga concedida polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións a Ence para que a súa fábrica poida seguir nos terreos públicos da beira da ría de Pontevedra ata 2073. O Tribunal fixo pública esa admisión a trámite practicamente ao mesmo tempo que a propia empresa, este 1 de marzo, escasas horas despois de que a pasteira presentase os seus resultados económicos do ano pasado ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e, por extensión, ante os seus accionistas.

A compañía reitera que tería que pechar en Lourizán entre 2023 e 2024 se o Supremo non avala a súa prórroga, sen sequera mencionar a adscrición ao porto de Marín que vén defendendo a Xunta

As grandes cifras desas contas son moi semellantes ás que Ence xa avanzara ao facer balance do primeiro semestre do pasado exercicio. A pasteira conclúe que finalizou o ano pasado con perdas por importe de 190,4 millóns de euros que serían 9,8 millóns en beneficios despois de impostos se non fose polo impacto das sentenzas que anularon a prórroga, agora pendentes da resolución definitiva do Supremo. Ese cálculo está baseado na reserva duns 200 millóns para afrontar o impacto do posible desmantelamento e peche da fábrica de Lourizán.

Referencia ás previsións de Ence no caso de que o Supremo non corrixa á Audiencia na anulación da prórroga, nos resultados de 2021 presentados pola compañía á CNMV CC-BY-NC-SA Praza.gal

Como xa fixera daquela, Ence acompaña os números e previsións económicas dunha descrición da súa situación xeral e dos plans que manexa para o caso de que o Supremo non reverta a decisión da Audiencia e a prórroga fique definitivamente anulada. Nesa hipótese, a compañía mantén a previsión de que a fábrica tería que "cesar a actividade" entre 2023 e 2024 e iniciar o desmantelamento en función dos prazos fixados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, unha vez que as resolucións xudiciais fosen firmes de vez.

Ence anotou durante 2021 case 200 millóns en perdas que, di, serían 10 millóns de beneficio se non fose polos cartos reservados para afrontar un posible peche en Pontevedra

Neses escenarios potenciais, Ence nin menciona o plan que a Xunta vén apadriñando para, segundo defende o Goberno galego, esquivar a anulación da prórroga se esta vira definitiva. Ese plan pasa por que os terreos públicos actualmente ocupados pola pasteira pasen a ser legalmente considerados como parte do porto de Marín. Pero a pasteira limítase a constatar que, se o Supremo non lle dá a razón, "decaería a concesión da empresa, polo que non se podería seguir operando" na fábrica de Pontevedra.

Así, "no caso de que, agotadas todas as vías de recurso, se confirmase a anulación da prórroga", a factoría de Lourizán pecharía. É a conclusión da propia Ence, que volve lembrar que se isto sucede "formulará reclamacións de responsabilidade patrimonial" ante o Estado "co obxecto de ser indemnizada de todos os prexuízos causados pola anulación". Esta documentación tampouco fai mención ningunha a un eventual traslado nin á posible entrada en xogo dos fondos europeos para unha reinstalación nas Pontes ou Cerceda, como suxeriu o Ministerio.

Contas con 42 millóns para o posible desmantelamento

Este é o pano de fondo dos devanditos resultados económicos de 2019, que anotan case 200 millóns en perdas pero que, matizan, "de non ser polo impacto contable das sentenzas", terían como conclusión que o grupo "volvería aos beneficios en 2021, cun resultado neto atribuíble" de case 10 millóns de euros. Pero a "normativa contable aplicable", matiza, obrígaos a rexistrar o "escenario do potencial cesamento de actividade" en Pontevedra.

Eses cálculos volven incluír "provisións de gastos" de 151,9 millóns de euros aos que se suman 42 millóns máis "para facer fronte ao custos estimados polo potencial desmantelamento" do que Ence denomina como "biofábrica". Tamén serían precisos, estiman, 6 millóns de euros para "afrontar custos estimados pola potencial cancelación de contratos. Faltaría por calcular, agrega, o "custo dun procedemento de reestruturación do excedente de man de obra", isto é, os posibles despedimentos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.