O futuro da fábrica de Ence na beira da ría de Pontevedra está nas mans do Tribunal Supremo. Del depende manter ou emendar as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga que o Goberno de Mariano Rajoy en funcións outorgou en 2016 á pasteira para permanecer en Lourizán ata 2073. Se o Supremo non corrixe á Audiencia, terá que pechar.
Con este pano de fondo, dende 2021 o Ministerio para a Transición Ecolóxica abeirou unha mesa de diálogo coa empresa e co seu persoal para abordar o posible desmantelamento e eventuais escenarios de futuro. Nese foro, o pasado xaneiro o Estado apuntou ás Pontes ou Cerceda como posibles destinos de Ence fóra da ría, por ser ambas vilas destinatarias dos fondos europeos coñecidos como "de transición xusta", destinados a compensar o impacto do peche das centrais térmicas de carbón nestes concellos.
Oficialmente, a compañía só manexa dúas hipóteses: seguir en Pontevedra ou pechar. Vén mantendo que considera inviable un traslado e, nas sucesivas informacións aos accionistas, nin sequera menciona o plan apadriñado pola Xunta para tentar esquivar as sentenzas adscribindo a factoría ao porto de Marín. Pero o escenario xa non é exactamente igual e, por primeira vez, Ence achégase ás Pontes.
Na súa primeira recepción a unha empresa como presidente, Ence presenta a Rueda un proxecto para "analizar a viabilidade" de abrir "unha planta de biocombustibles e papel tisú" no concello pontés, ao que o Estado sinalara como posible destino da pasteira fóra de Lourizán
Este 27 de xuño, a sede central da Xunta acolleu un encontro pouco usual. O presidente, Alfonso Rueda, e o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde, recibiron en San Caetano o consello de administración da compañía e reuníronse cos seus membros, encabezados polo presidente Ignacio de Colmenares, na sala que durante lustros acolleu as reunións semanais do Consello da Xunta. Alí escoitaron a presentación do proxecto de Ence para, segundo a Xunta, "analizar a viabilidade" de crear nas Pontes "un polo de economía circular e biomateriais" nos terreos da térmica.
Segundo a información divulgada polo Goberno galego, na que foi a primeira recepción a unha empresa por parte de Rueda como presidente (en semanas previas desprazouse a sedes de compañías como Stellantis ou Ferroglobe, pero aínda non suceder á inversa), Ence sinalou que "contempla instalar unha planta de biocombustibles e papel tisú". Segundo o vicepresidente Conde, viría "complementar a actividade" da fábrica de Pontevedra, se ben tamén defende que "se trata dunha iniciativa absolutamente independente da planta de Lourizán".
A Xunta, que agradece a Ence que teime en seguir en Lourizán, comprométese a "acompañar a empresa nas súas necesidades" e achegarlle fondos europeos para este proxecto
Asegura o vicepresidente Conde que Ence estaría en disposición de investir uns 350 millóns de euros no proxecto. Entre eloxios ao "compromiso con Galicia" da empresa e á súa "aposta por seguir en Lourizán" -a cal depende do que sentencie o Supremo-, asegurou que a Xunta xa se comprometeu a "acompañar a empresa nas súas necesidades" coa "máxima colaboración" para "avaliar" a súa a "viabilidade técnica, ambiental, financeira e económica". Polo momento, o Executivo asume, citando a Ence, que suporía crear uns 150 postos de traballo e arredor de "1.000 empregos entre directos, indirectos e inducidos".
"A Xunta vaise envocar, loxicamente, para colaborar con Ence", afirma Conde, quen afirma que tamén Rueda "agradeceu" o seu compromiso e que "siga crecendo". Neste sentido, avanza que que o Goberno galego está disposto a achegarlle os devanditos "fondos de transición xusta" que cheguen ás arcas galegas, así como a defender que o Estado tamén "apoie a través dos fondos europeos" polas súas propias vías.
"Non é unha planta de celulosa"
A pasteira di que precisaría "entre tres e cinco anos" para poñer en marcha a nova fábrica nos terreos da térmica que Endesa está a pechar
Tras a inusual xuntanza do seu consello de administración co presidente da Xunta, Ence emitiu un comunicado cun bosquexo da factoría que "está estudando" para As Pontes. "Non é unha planta de celulosa, senón que producirá fibras naturais recicladas" e terá "un consumo de recursos naturais moi inferior" á fábrica de Pontevedra. Di calcular que precisaría "entre tres e cinco anos" dende o "lanzamento" ata a "posta en marcha" e vén evidenciar a súa intención de captar fondos europeos para a "transformación dunha central térmica nunha moderna instalación" da "nova bioeconomía circular".
Se saíse adiante, abonda, dedicaría "o 80% da planta" á "produción de pasta reciclada branqueada" e o 20% restante, "á produción de papel para produtos hixiénicos e rolos de papel recuperado". Mantén tamén que esta fábrica sería "autosuficiente enerxeticamente" e mesmo tería "excedentes" de enerxía que "se subministrará á rede eléctrica" -Ence orienta o seu negocio ao mercado enerxético cada vez en maior medida-.