A APDR impulsou a primeira manifestación logo de que a Audiencia Nacional anulase a prórroga da concesión á pasteira: "ENCE xa é pasado"
Máis dun milleiro de persoas saíron á rúa este domingo na Marcha contra celulosas que organiza cada ano a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e que saíu das alamedas de Pontevedra e Marín para rematar ante a factoría de ENCE, que "xa é pasado" para os convocantes da protesta, que instaron agora a "loitar polo futuro" da zona.
Foi unha manifestación "optimista" e "especial" ao ser a primeira que se celebra logo de que a Audiencia Nacional anulase a prórroga da concesión á pasteira e que, agardan, sexa ratificada polo Supremo para poder afrontar o futuro tantas veces desexado "sen ENCE na ría".
"ENCE é pasado", insistiu Antón Masa, presidente da APDR, que chamou a "loitar polo futuro da ría, da comarca e da saúde da cidadanía". "Sen contaminación", insistiu, e co obxectivo de que a ría viva da "explotación natural dos recursos naturais, do marisqueo, da pesca, do ocio e do deporte".
Ao final da marcha colocouse unha coroa de flores na porta da factoría: "A morte de ENCE xa é unha realidade"
Ademais, Masa aproveitou para advertir de que a lei de costas é "a mellor que se fixo medioambientalmente" e destacou que é a normativa que "hai que cumprir" aínda que ENCE, lembrou, non o fai.
As dúas marchas uníronse fronte á factoría de ENCE, onde tras ler o manifesto final colocouse unha coroa de flores na porta coas siglas RIP para manifestar que "a morte de ENCE xa é unha realidade".
Antes, no manifesto, insistiuse en rexeitar a presenza do "monstro" que, din, supón a fábrica de celulosa de ENCE que, "ano tras ano, arrasa co traballo, coa saúde, coa vida e co futuro". Ao tempo, a APDR advertiu de que está "máis preto ca nunca" de lograr a "tan ansiada vitoria colectivo" pero que a sociedade e a mobilización "non deben descansar aínda".
"É o momento de pelexar esta última batalla, coa alegría e co optimismo que nos dota a razón", di a APDR, que quere "continuar demostrando que a maioría social está en contra da presenza desta pasteira noxenta". "Temos que esixir dende xa mesmo a recuperación dos terreos roubados ao pobo, a recuperación da biodiversidade dos nosos montes e a recuperación da vida na Ría de Pontevedra", leuse ao final da marcha.
"Foi un camiño longo e duro e a fin está moi próxima", advertiu a Asociación Pola Defensa da Ría, que chama a "pensar e deseñar" o futuro, onde "a creación de postos de traballo e a xeración de riqueza veña da man da explotación racional dos recursos e das innumerábeis potencialidades da ría, da comarca e de Galiza".