Endesa esgota o carbón nas Pontes, disponse a apagar a central e aprema o Estado para pechar de vez

Solpor na central térmica de Endesa, nas Pontes CC-BY-SA Javier Teixidor López

"Estamos rascando no chan do parque de carbóns para aproveitar todo porque xa acabamos co material; quedamos sen nada e estamos furando varios metros abaixo, tanto que nas últimas queimamos ata restos de lignito da antiga mina". 

Endesa prevé deixar de queimar carbón tras rematar esta semana co último aprovisionamento de carbón e cos restos que aínda tiña na central

Así de gráfico o explican fontes do persoal da central térmica de Endesa nas Pontes, que tiña previsto dar por finalizada na tarde deste pasado xoves a queima de carbón logo de acabar co último aprovisionamento -as 240.000 toneladas de orixe na Indonesia chegadas en marzo- e aproveitar ao máximo os restos de combustible aínda presentes na instalación. 

A central pon fin así ao proceso de reactivación que se iniciou o pasado mes de novembro, cando coas baixas temperaturas, a suba imparable dos prezos maioristas da electricidade ou as restricións nun mercado do gas disparado obrigaron ao Goberno central a tirar dunha prórroga para a térmica, que había tempo que estaba en stand-by e que tiña prevista a súa clausura xa en 2021. Todo mentres Enel -grupo propietario de Endesa- e a propia compañía apertan agora o Goberno central para que acelere o peche definitivo e outorgue a autorización administrativa para clausurar de vez a planta

Central térmica de Endesa, nas Pontes CC-BY-SA Banjo

O que pretendía ser unha solución de urxencia ata a fin de 2021 ampliouse varios meses máis. A guerra de Ucraína, os elevados prezos do gas e os importes disparados na factura da luz obrigaron a estender o tempo extra e a tirar outra vez nas Pontes do carbón, unha das fontes máis caras e contaminantes, en pleno proceso de transición enerxética e de clausura das centrais térmicas en España. 

Co gas marcando o ritmo no pool eléctrico onde se compra a enerxía e a xeración de renovables aínda insuficiente, a queima de carbón disparouse en España ata os máximos que se acadaran durante o temporal Filomena. Tanto que nalgunha xornada da pasada semana as térmicas supuxeron, segundo Red Eléctrica, máis do 5% de toda a xeración eléctrica no Estado, algo que non se producía desde as vagas de frío de xaneiro de 2020 e 2021, como destaca El Periódico de España. Con todo, a compañía asegura que a achega para paliar a situación do mercado enerxético é moi limitada. 

De feito, Endesa reactivouse baixo mínimos e non está disposta a mercar máis carbón nin a volver reactivar a planta, agás esixencia do Goberno. Os permisos e certificacións necesarios para poder seguir traballando requirirían uns investimentos que a empresa non está disposta a facer, moito menos cando agarda o permiso para a clausura e cando os prezos por tonelada de carbón e o seu transporte en barco continúan a subir. 

Endesa descarta mercar máis carbón e realizar os investimentos necesarios cando está á espera do permiso do Goberno central para a clausura

De feito, desde que se reactivara en novembro, a central só traballou nun dos catro grupos xeradores. O 3 e o 4 xa estaban paralizados ao non terse adaptado ás esixencias de sulfuración necesarias, mentres que o 2 -si adaptado aos requirimentos da UE- consumira xa as horas de funcionamento máximas antes de realizar unha revisión que suporía un investimento de entre 2 e 5 millóns de euros que Endesa nin meditou. O grupo 1, que si funcionou, remataría a súa vida útil o vindeiro outono no caso de que a compañía insista en non adaptalo ás esixencias legais. Pero nin sequera ten previsto comprar máis carbón. 

A idea da empresa, segundo fontes do persoal, é comezar en breve cos traballos para a "posta en seguridade da instalación", paso previo para o desmantelamento. Porque, malia que aínda non hai autorización de peche, traballadores da central xa foron advertidos da próxima posta en marcha de "manobras reversibles": labores como o baleirado de aceites e doutros produtos que, no caso hipotético e improbable doutra reactivación futura, non supuxesen un problema. 

José Bogas, conselleiro delegado de Endesa, Francisco Conde e Feijóo, de fronte, en San Caetano © Xunta

A decisión de Endesa é clara, tanto que xa comunicou a varios dos traballadores que regresaran temporalmente aos seus antigos postos nas Pontes, que volverán proximamente aos complexos onde foran recolocados. "Algún traballador de limpeza acaba hoxe o contrato e xa sabe que non renovará; a central vaise apagar e non será desmantelada aínda pero deixará de estar operativa tecnicamente", insisten as mesmas fontes. 

Agora mesmo, arredor de medio cento de traballadores de Endesa continúan a traballar na planta, ademais de máis dun cento en subcontratas que teñen garantido o labor na central ata o 31 de xullo. No caso de que a autorización de peche chegue antes, rescindiríanse os contratos destas empresas, que comezarían a traballar para a compañía que tutelará o proceso de demolición. "Pero nada está claro na actual situación", destaca Marcos Prieto, secretario de Organización de UGT-FICA Endesa Galicia.

Mentres isto ocorre, Endesa, que solicitou o peche da central en decembro de 2019, aprema o Goberno central para que conceda a autorización administrativa porque, aclaran, canto antes chegue máis posibilidades terán de captar fondos europeos para futuros proxectos. A empresa adoita lembrar que o desmantelamento da central xerará máis emprego do que agora ten tras a reactivación. 

Endesa aprema o Goberno central para que autorice a clausura da planta e ter máis posibilidades de captar fondos europeos para futuros proxectos

Desde os sindicatos, Prieto pide tamén implicación e celeridade ás administracións, ás que critica por ter "bloqueados" moitos proxectos de futuro, así como á propia Endesa. Lamenta que aínda non se concretasen os plans para a planta de hidróxeno e a de biocombustibles e que se desbloqueen as iniciativas para instalacións eólicas. Desde o comité reclaman que os investimentos tantas veces anunciados cheguen "de vez" e que se garanta traballo para o persoal e as auxiliares. 

"Están abandonando As Pontes; aquí o único que se sabe que se vai facer é un carril-bici, pero do resto non sabemos nada. Non só imos ter que marchar moitos, senón que non vai quedar alternativa para moitos máis", lamenta Prieto. 

Central térmica das Pontes, co lago ao fondo CC-BY-SA Manolo Feal

O BIC para a cheminea da térmica

Por outra banda, o grupo de traballo local das Pontes por unha transición xunta esixiu unha reunión urxente co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e co vicepresidente primeiro, Francisco Conde, ante o inicio dos trámites para declarar a cheminea da central térmica da vila como Ben de Interese Cultural (BIC), "decisión adoptada de xeito unilateral polo executivo autonómico".

O grupo de traballo, no que están representados o Concello das Pontes, CCOO, CIG, UGT, o comité de empresa de Endesa, Cohempo, Seara e a Asociación de Transportistas do Carbón, reclama á Xunta "unha explicación sobre os motivos polos cales se puxo en marcha este proceso administrativo, así como a súa afección a curto, medio e longo prazo en termos socioeconómicos".

Así, advirten do impacto que esta declaración pode ter sobre "o mantemento da infraestrutura, as posibles limitacións que existirían para a implantación de novos proxectos industriais para a zona, o impacto sobre o proceso de desmantelamento así como no emprego vencellado".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.