O Concello de Pontevedra cifra en 5,8 millóns de metros cúbicos a auga do río que consomen ao ano os concellos da ría e entre "entre 12 e 17 millóns" o que capta ENCE
Cos encoros no nivel máis baixo da última década e coa Xunta e diversos concellos advertindo desde hai semanas da necesidade de controlar o consumo de auga ante a persistente seca e as elevadas temperaturas deste verán, este xoves Alfonso Rueda informou por iniciativa propia na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de que a planta de ENCE en Pontevedra, en aplicación das limitacións de consumo que ten fixadas, vén de deter a súa produción polo baixo nivel do río Lérez, do que se abastece.
A Xunta tamén informou de que vén de situar a conca do Lérez, da que se abastecen os concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Bueu, Sanxenxo e Ponte Caldelas, en situación de "prealerta por escaseza". É a situación na que está en xeral toda a conca Galicia-Costa e que pode ir aínda seguida dos niveis de alerta e emerxencia.
Segundo Rueda desde o 1 de xullo a Xunta detectou unha “caída abrupta do caudal do Lérez” por baixo dos límites que ten ENCE para poder seguir collendo o volume de auga do río que ten autorizado. Esa situación foi posta en coñecemento da empresa e esta, di Rueda, “ante a imposibilidade de manter o ritmo de produción sen o caudal normal tomou a decisión de parar a súa actividade”.
Rueda pide á cidadanía “moito sentidiño á hora de usar un recurso escaso, tamén en Galicia”
Posteriormente a Xunta indicou que no Lérez "o caudal circulante reduciuse de forma abrupta desde principios de mes pasando dun caudal de máis de 3,7 metros cúbicos por segundo a escasamente 1 metro cúbico por segundo, o que supón unha redución do 73% en menos de 20 días, circunstancia que pode comprometer o abastecemento".
Este mesmo xoves o Concello de Pontevedra tamén advertiu de que "a captación de auga de Ence no Lérez non é compatíbel co abastecemento dos municipios da ría". O Goberno local sinalou que o abastecemento está garantido tras a parada da fábrica, pero puxo cifras ao consumo anual de Ence sinalando que mentres todos os concellos da ría captan ao ano 5,8 millóns de metros cúbicos, só a factoría consome "entre 12 e 17 millóns".
Na súa rolda de prensa Rueda tamén lanzou un chamamento á cidadanía en xeral, á que reclamou “moito sentidiño á hora de usar un recurso escaso, tamén en Galicia”, e pediu ao resto de administracións que, como a Xunta, vaian tomando medidas.