Fronte á decisión contraria da Audiencia Nacional que consideraba que o Goberno de Rajoy non xustificara o emprazamento da fábrica en terreos públicos do litoral agora o alto tribunal acepta a prórroga porque contou con informes ambientais favorables
O Tribunal Supremo avalou este martes a prórroga da concesión de Ence na ría de Pontevedra outorgada en 2016 polo Goberno de Mariano Rajoy ata 2073. Fronte á decisión da Audiencia Nacional de anular dita prórroga por considerar que o Executivo non argumentara por que unha instalación así ten que asentarse en terreos públicos do litoral, o Supremo estima os recursos presentados pola empresa e outras entidades e considera que os informes ambientais favorables cos que contaba o Goberno central permitíanlle autorizar a prórroga dunha concesión que foi outorgada antes da Lei de Costas, de 1988, no caso de Ence por parte da ditadura franquista en 1958.
Á espera do texto íntegro da sentenza, segundo divulgou o Supremo, a súa Sala Quinta do Contencioso-Administrativo encargada de analizar o caso “considera que se poden prorrogar as concesións anteriores á Lei Xeral de Costas de 1988, como é o caso, sempre que consten informes ambientais favorables”. O tribunal sinala que “noutros recursos analizados na reunión de hoxe, tamén relativos á prórroga de concesións de dominio público marítimo terrestre pero referentes a vivendas [de Alacante], a mesma Sección ratificou a resolución da Administración, tamén apoiada pola Audiencia Nacional, de denegar a prórroga porque neses casos a denegación viña amparada con informes ambientais desfavorables”.
O Supremo di que “o contido íntegro das sentenzas, que contarán co voto particular da maxistrada Ángeles Huet, coñecerase nos próximos días”.
En terreo público litoral desde a concesión franquista de 1958, a Audiencia Nacional tombou a prórroga outorgada por Rajoy en 2016 porque non xustificou a necesidade dese emprazamento, pero agora o Supremo valídaa
Ence emprazouse como compañía estatal en terreos gañados ao mar na ría de Pontevedra grazas a unha concesión outorgada pola ditadura franquista en 1958 por 60 anos. Remataba en 2018, pero en 2013 -máis dunha década despois de ser privatizada- a empresa solicitou unha prórroga que acabou concedendo en xaneiro de 2016 o Goberno en funcións de Mariano Rajoy. Esa prórroga, que comezou a contar no momento da súa solicitude en 2013 e duraría outros 60 anos, ata 2073, é sobre a que agora vén de resolver o Supremo.
A prórroga foi recorrida polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e a Asociación pola defensa da Ría (APDR), que en xullo de 2021 lograron que a Audiencia Nacional a anulase. Naquela sentenza o tribunal non entrou a valorar a duración da concesión senón o feito de que unha instalación así teña que estar en terreos públicos do litoral, cuestión que o Goberno de Rajoy non xustificou. O Estado, lembrou a Audiencia Nacional, ten a obriga de asegurar a “integridade e debida conservación” do dominio público marítimo-terrestre “sen máis excepcións que as derivadas de razóns de interese público debidamente xustificadas” que no caso de Ence o Executivo “nin esgrimiu nin xustificou”.
De xeito paralelo a este percorrido xudicial da concesión de Ence tamén no eido político se produciron mudanzas nestes anos. Feijóo incluíu no seu programa electoral tanto en 2009 como en 2012 a retirada da factoría do seu actual emprazamento, pero en 2015, antes das eleccións municipais daquel ano, virou de postura e pasou a argumentar que o que antes consideraba viable tornara en imposible.
A empresa estimou nuns 200 millóns de euros o custo de desmantelar a factoría e avanzou a súa intención de seguir recorrendo ante o Tribunal Constitucional ou a xustiza europea
Desde aquela a Xunta, o PP e a empresa coinciden no argumento de que non hai en Galicia ningún outro sitio que poida albergar esa instalación e que, se perdía a concesión, non habería traslado senón peche. Pola contra, desde o actual Goberno de España apuntouse a posibilidade de trasladar a factoría ás contornas das Pontes ou Cerceda, lugares que ao seu ver facilitarían as necesidades de espazo, auga e enerxía que require unha instalación así.
Segundo a empresa, desmantelar a fábrica pontevedresa tería un custo duns 200 millóns de euros. Pero antes desta sentenza do Supremo que esgota o percorrido xudicial do caso en España a empresa xa avanzara que se era negativa tiña a intención de recorrela ante o Tribunal Constitucional e o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.