A empresa di que a decisión xudicial "terá un impacto positivo estimado de 169 millóns de euros no beneficio de 2022", mentres que Greenpeace lamenta que "o medio ambiente sae perdendo"
Tras facer público o Tribunal Supremo a primeira hora da tarde deste martes o seu fallo sobre a continuidade de Ence na ría de Pontevedra, e á espera de que nos próximos días se coñeza a sentenza íntegra, tanto a empresa como o PP celebraron inmediatamente a resolución que revoca a decisión previa contraria da Audiencia Nacional e permite que a fábrica fique nos terreos públicos que ocupa ata 2073. Sinala a empresa que o ditame "despexa a incerteza sobre o futuro desta instalación e das 5.100 familias vinculadas á súa actividade" e "achega á compañía a seguridade necesaria para acometer os seus plans de futuro" na fábrica.
A compañía afirma que "seguirá centrada en crear riqueza e emprego sustentables" en Galicia e di que "vai establecer, de forma proactiva, un diálogo aberto coa sociedade coa que convive". "Queremos seguir escoitando a voz de todos, respondendo as inquietudes da nosa contorna para, xuntos, ser capaces de visibilizar todo o que achegamos a esta comunidade", afirmou o presidente de Ence, Ignacio Colmenares.
A empresa destaca que "a reversión das deterioracións de activos e provisións de gastos" rexistrados nos estados financeiros de 2021 como consecuencia das sentenzas da Audiencia Nacional "terá un impacto positivo estimado de 169 millóns de euros no beneficio de 2022". E lembra que ademais da continuidade na ría de Pontevedra iniciou os estudos e a enxeñaría para a posta en marcha dunha "bioplanta de reciclaxe e biomateriais nas Pontes", un proxecto que dará lugar a produtos capaces de combinar "fibra reciclada branqueada e celulosa".
Á celebración uniuse tamén o sindicato CC.OO. A central quixo "manifestar o agredecemento a todas as persoas que loitaron pola permanencia de Ence en Lourizán". "Tantos anos de loita, moitas veces en solitario, pagaron a pena", afirman, en referencia ao mantemento dos postos de traballo na fábrica. O persoal da factoría, pola súa banda, tamén celebrou na rúa a permanencia da factoría.
Na banda contraria do proceso xudicial, unha das recorrentes contra a prórroga, a asociación ecoloxista Greenpeace, non oculta a súa decepción. Greenpeace "lamenta" que o Supremo "non permita que se libere o dominio público marítimo-terrestre da ría de Pontevedra dunha actividade altamente lesiva e que resulta incompatible coa Lei de Costas, pois podería desenvolverse en calquera outro lugar". Para a organización ecoloxista, a sentenza "non está xustificada" e impide recuperar a contorna natural de Lourizán para o ben común e "restaurar o desastre xerado nos últimos 60 anos". "A pesar de todos os argumentos de peso, o medio ambiente hoxe sae perdendo", conclúe Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.
Greenpeace lembra que a prórroga de 60 anos aprobada en 2016 foi concedida por un Goberno en funcións. Remítese ademais, alén da prórroga, ao "agasallo feito polo daquela ministro de Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, ao reformar a Lei de Costas". Aquela modificación culminada polo Goberno de Rajoy en 2013, cren, favoreceu "determinados intereses privados como o de Ence" e foi aplicada "desprezando o impacto ambiental sobre a costa". Todo isto, censuran, "recibiu o visto e prace do Tribunal Supremo".
Pontón: "Esta sentenza será recordada por inxusta e inexplicábel. Nada nos impedirá seguir loitando"
Desde o eido político as principais voces de satisfacción, coincidentes coas da propia empresa, saíron do PP e a Xunta. O seu presidente, Alfonso Rueda, comentou de xeito inmediato nas redes sociais que "esta é a vitoria de moitas, moitas familias que van poder seguir vivindo e traballando en Pontevedra e en Galicia. Gaña a sensatez e gaña a legalidade. Despois de moitos meses de incerteza, os postos de traballo quedan asegurados na nosa comunidade". En similar liña manifestáronse tamén o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, e o PP de Pontevedra, malia que ata 2015 os populares eran partidaros en público de trasladar a fábrica.
Pola contra, desde o BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, amosou a súa decepeción. "Esta sentenza será recordada por inxusta e inexplicábel. Sabemos que as multinacionais teñen poderes na sombra, máis non pasarán por riba da dignidade de Pontevedra e Galiza. Nada nos impedirá seguir loitando para sacar a Ence da ría de Pontevedra".
O PSdeG, manifesta a través do seu secretario xeral o "respecto absoluto" á sentenza e coida que chegou o momento de "pasar páxina e mirar para o futuro" pero tamén, di Valentín González Formoso, de "acadar o compromiso de todos co saneamento da ría". Neste contexto, o socialista cre tamén preciso "velar polo futuro" dos postos de traballo con "garantías laborais" unha vez avalada a prórroga polo Supremo.