O Congreso aprobou este martes a reforma da Lei de Costas, que dende hai meses esperta as criticas dos grupos ecoloxistas e dos partidos da oposición. A reforma saíu adiante unicamente cos votos do Partido Popular, e CiU abstívose. O resto de grupos votaron en contra dunha norma que só en Galicia legalizará milleiros de vivendas construídas na primeira liña da costa e que até agora se atopan nunha situación de ilegalidade. A Xunta considera que esta medida permitirá regularizar en Galicia unhas 12.500 vivendas, das que 4.500 se beneficiarán de forma directa e outras 8.000 dependerán de que os respectivos concellos realicen os trámites oportunos para delimitar esos núcleos rurais.
A Xunta considera que esta medida permitirá regularizar en Galicia unhas 12.500 vivendas
O máis preocupante da nova norma é que Medio Ambiente autoriza agora a reducir nas rías a servidume de protección de 100 a 20 metros equiparando as rías a ríos, o que como é evidente afecta de forma moi importante a Galicia. Tamén se ampliarán os prazos máximos das concesións até 75 anos. Ante a perspectiva do vencemiento das concesións vixentes a partir de 2018, establécese a posibilidade dunha prórroga extraordinaria das outorgadas antes da entrada en vigor da lei de reforma, por un prazo máximo de 75 anos. Moitas vivendas e urbanizacións que até agora estaban nun limbo legal pasan a estar dentro da norma e a consecuencia é que todas as rías galegas pasan a estar desprotexidas, a expensas de que calquera poida construír nelas en primeira liña de mar.
Guillermo Meijón afirma que "para Feijóo sería a escusa perfecta. O Goberno permitiralle salvar a cara e exculparse se Ence obtén a prórroga da concesión"
Estes cambios tamén afectan ás industrias, polo que ENCE podería aproveitar a lei para permanecer na ria de Pontevedra "70 anos máis", segundo ADEGA. E é que a norma tamén lle outorga ao Goberno central a decisión, por riba da Xunta, sobre la prórroga de Ence. O PP introduciu unha emenda de forma que o Goberno, "aludindo a causas de interese xeral e mediante unha exposición razoada", ten a última palabra para poder decidir en contra do criterio do Goberno galego. PSOE e BNG xa alertaron sobre esta posibilidade e socialista Guillermo Meijón afirmou que "para Feijóo sería a escusa perfecta. O Goberno permitiralle salvar a cara e exculparse se Ence obtén a prórroga da concesión".
ADEGA lembra que a lei de 1988 "foi a última liña de defensa da cidadanía para salvagardar este patrimonio público fronte ás desfeitas
ADEGA lembraba hai uns meses que a lei de 1988 "foi a última liña de defensa da cidadanía para salvagardar este patrimonio público fronte ás desfeitas, malia a que non poucas veces foron as propias administracións as principais promotoras do seu incumprimento" e salienta que "defender as nosas rías, praias, dunas, cantís, coídos e xunqueiras, é protexer un ben común e garantir un futuro sustentábel para as comunidades que viven do litoral". A asociación cre que a norma supón "traspasar terreos públicos a mans privadas, tanto por reducir a definición do DPMT como pola ampliación das concesións a 75 anos". Tamén Ecoloxistas en Acción rexeitan a modificación da Lei de Costas pois "reduce perigosamente a protección do litoral existente até agora, favorece a privatización e a especulación urbanística incontrolada en boa parte da costa e estabelece infinidade de excepcións sen xustificación".