Miguel Anxo Fernández Lores chegou á alcaldía de Pontevedra polo BNG en 1999 e revalidouna en seis eleccións máis. En todo este tempo, o rexedor pontevedrés foi un dos dirixentes políticos máis significados na oposición á permanencia de Ence en terreos públicos de Lourizán, á beira da ría, tanto coa compañía como empresa estatal como dende a súa privatización polo Goberno do PP de Aznar.
O alcalde de Pontevedra ve no ditame un "fracaso do Estado de dereito"
O goberno local que encabeza Lores foi un dos recorrentes da prórroga concedida a Ence polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións en 2016. A Audiencia Nacional deulle a razón en 2021 ao considerar ilegal aquela prolongación. Agora, que o Tribunal Supremo reverte a decisión, o alcalde coida que a sentenza implica "cargarse a Lei de Costas e a recuperación do litoral", pero tamén advirte: "Non deixarei de loitar".
Nunha comparecencia ante os medios na tarde do martes, escasas horas despois de que o Supremo fixese pública a súa decisión -a sentenza completa aínda non foi publicada-, Lores amosou a súa "gran sorpresa" polo "dificilmente entendible" ditame que, ao seu xuízo, implica un "fracaso do Estado de Dereito". Semella ratificado, di o rexedor, que a pasteira ten "dereito de pernada" sobre a normativa.
"Poderoso caballero es don dinero", afirma Lores, quen sinala que os servizos xurídicos do Concello analizarán se hai marxe de manobra cando a sentenza sexa pública. En todo caso, advirte: "Non deixarei de loitar por todas as vías para ver cumprido o soño de ver a ría sen Ence"
"Levamos moitos anos nesta loita e sabiamos que un Concello, aínda sendo unha capital de provincia xunto coa súa veciñanza, pelexando primeiro contra o Estado e despois contra o gran capital, foi sempre unha loita desigual", evocou Lores. "Sendo suave, poderoso caballero es don dinero, como diría Quevedo ou cantaría Paco Ibáñez", ironizou ante o que tamén considera un "agravio comparativo para todos os empresarios que cumpren coa lexislación vixente e non reciben prebendas de ninguén para levar a cabo a súa actividade económica".
E agora, que? O primeiro, evidencia Lores, é agardar ata que o Supremo publique a sentenza íntegra, toda vez que polo momento se limitou a indicar que basea o seu aval á pasteira en que contaba con informes medioambientais favorables, sen indicar ata que punto tivo en conta o argumento central da Audiencia Nacional, isto é, que o gabinete de Rajoy non xustificara por que a fábrica ten que estar no dominio público do litoral e non noutro lugar. Acto seguido, indica, será o momento de que os servizos xurídicos do Concello analicen se hai marxe de manobra ante algunha outra instancia.
En todo caso, avanza o alcalde, a súa intención e "non deixar de loitar, por todas as vías posíbeis; por terra, mar e aire, con mobilización social, con loita xudicial". Porque o seu obxectivo, subliña, segue sendo "ver cumprido o soño que ten a maioría dos pontevedreses, que é ver a ría sen Ence, vela recuperada e poñer en valor toda a súa extensión como espazo natural e elemento de futuro". Mentres, agrega, coida "incomprensible" que dende o PP, "dous pontevedreses" como o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o líder local do partido, Rafael Domínguez, "queiran tan mal" á cidade como para "facer campaña" pola permanencia de Ence e celebrar a decisión do tribunal.
Rueda celebra a permanencia "como pontevedrés e presidente"
O presidente da Xunta insta a Ana Pontón a "pedir perdón"
Rueda, precisamente, non ocultou a súa satisfacción polo ditame do Supremo pouco despois de ser público e, outra volta, este mércores durante a sesión de control no Parlamento, na que BNG e PSdeG o cuestionaban sobre a situación da sanidade pública. As preguntas, esgrimiu o popular, versaban sobre a sanidade e polo tanto, tamén a respecto "do benestar das persoas" e ademais, argumentou, se o Supremo mantivese a ilegalidade da prórroga de Ence "seguro" que Ana Pontón "empezaría por aí" a súa intervención.
Despois de que a nacionalista o instase a "pedir perdón" pola súa xestión sanitaria, Rueda repuxo que quen debería desculparse é Pontón ante os "centos de familias" que "viron en perigo os seus postos e traballo e o seu futuro" pola "súa ofensiva política" contra a permanencia de Ence, afirmou. "Como pontevedrés e presidente da Xunta, noraboa a tantos miles de familias porque se fixo xustiza", proclamou.