O alto tribunal lembra que a lexislación non contempla "que o concesionario gañe sempre todo o que el espera". A concesionaria da AP-9 pechou 2020 con 33 millóns de beneficios malia a COVID-19.
Os tribunais de xustiza xa rexeitaran outras pretensión similares doutras concesionarias de autoestradas galegas ou estatais, pero agora tócalle a Audasa, responsable da AP-9, escoitar do Tribunal Supremo que non ten dereito a que a Administración a compense polo que deixou de gañar durante as restricións de mobilidade pola COVID-19. A concesionaria reclamaba 46 millóns de euros pero o alto tribunal lembra sentenzas previas que xa estableceran que a lexislación non contempla "que o concesionario gañe sempre todo o que el espera" e salienta que a pandemia tivo efecto no tráfico uns meses mentres que as concesións de autoestradas duran anos.
En 2020, o ano en que estiveron en vigor as restricións de mobilidade pola pandemia, Audasa declarou no primeiro semestre do ano uns resultados negativos despois de impostos de 664.000 euros, pero o global do ano pechouno cuns beneficios de 33 millóns de euros. Aínda así pediu ao Estado o denominado reequilibro económico da concesión, pero o Consello de Ministros denegouno e a empresa recorreu ante a xustiza.
Audasa argumentou que non darlle a compensación era inconstitucional, discriminatorio e supuña unha "expropiación lexislativa", pero o Supremo desmonta todos os seus argumentos citando xurisprudencia propia e do Tribunal Constitucional
A sentenza que agora vén de facer pública o Tribunal Supremo, con data do 15 de marzo, sinala que a concesionaria reclamaba "compensación dos danos sufridos polos efectos COVID" por un importe de 46,18 millóns de euros ou, de xeito subsidiario, varias cifras inferiores en función de se os tribunal consideraba xustificados uns ou outros conceptos. Entre outras cuestións, a empresa diferenciaba un primeiro período do 14 de marzo ao 20 de xuño de 2020, no que estivo en vigor o estado de alarma, e outro desde ese momento ata setembro daquel mesmo ano con outro tipo de restricións.
En defensa dos seus intereses a empresa argumentou cuestións como que a norma na que se baseou o Consello de Ministros para denegarlle a compensación era inconstitucional, que supuña unha "expropiación lexislativa" dos seus dereitos concesionais ou que era unha discriminación a respecto doutro tipo de concesións ou contratos públicos con compensacións máis beneficiosas para as empresas.
Na súa sentenza o Supremo cita de xeito reiterado diversa xurisprudencia tanto de sentenzas emitidas por ese mesmo tribunal en casos previos relativos a outras concesionarias de autoestradas como de sentenzas do Tribunal Constitucional sobre a diversa normativa aprobada durante a pandemia.
A sentenza lembra que a reclamación da empresa dunha compensación pola "ruptura da economía do contrato" por un risco imprevisible "non pode contemplarse illadamente nin vincularse ás perdas sufridas ou ao descenso da actividade nun período duns poucos meses, pois ditas concesións estenden a relación contractual ao longo de varios anos, de modo que non é posible considerar que a momentánea perda de ingresos durante un período breve altera substancialmente a economía da concesión ou lle impide a continuidade da mesma".
A sentenza lembra que as concesións de autoestradas esténdense "ao longo de varios anos", polo que "non é posible considerar que a momentánea perda de ingresos durante un período breve" impida a súa continuidade
E engade máis xurisprudencia que sinala que "o fundamento dese reequilibrio non consiste en que o concesionario gañe sempre todo o que el espera, senón en garantir a continuidade do contrato de concesión cando algunha circunstancia compromete seriamente o seu equilibrio económico", concluíndo que "en calquera caso, o dereito ao reequilibrio económico da concesión non asegura a ganancia do concesionario en todo caso e fronte a todos os avatares".
Como comparación, fronte aos 46 millóns reclamados pola empresa polos danos que di que sufriu en 2020 -cando en todo caso obtivo uns beneficios de 33 millóns- o último ano do que vén de presentar resultados, 2023, Audasa obtivo un beneficio récord na súa historia de 82,6 millóns de euros.
A sentenza do Supremo tamén lembra que o Real Decreto-Lei que estableceu o procedemento para compensar ás concesionarias das autoestradas polas perdas que puideran ter, non polo que deixaran de gañar, foi unha norma "con rango ou valor de lei, polo que os danos non son imputables á actuación da Administración do Estado senón ao lexislador", reiterando que o Constitucional xa estableceu que aínda que o estado de alarma non se aprobase de xeito correcto, as súas restricións si eran constitucionais e non había cabida a reclamacións de responsabilidade patrimonial ás administracións.
A empresa tamén criticaba, como discriminatorio a respecto das compensacións a outro tipo de adxudicatarias públicas, que a norma se fixase para calcular as posibles compensacións na denominada marxe bruta de explotación, a diferenza entre ingresos xerados e gastos ocasionados debidamente acreditados sen incluír amortizacións sen provisións. O Supremo di que "non pode entenderse que a limitación dos custes susceptibles de compensación sexa exclusiva nin discriminatoria respecto das restantes medidas adoptadas para outros contratos públicos".
O alto tribunal tamén di non apreciar que se "despoxase" á empresa de xeito retroactivo de ningún dereito "consolidado" e explica que o que se intentou "foi procurar, na medida do posible, que continuaran executándose os contratos e só cando a situación de feito impedía esa continuidade, suspender a súa execución e compensar por iso ao contratista; sen que, con carácter xeral, se asumise a compensación por todos o prexuízos económicos sufridos pola totalidade dos beneficios que se puideran obter se esta pandemia non existise".
Nesa liña, explica que o Real Decreto-Lei que habilitou as posibles compensacións "estableceu que non existía a imposibilidade de execución do contrato, xa fose total ou parcial, cando o concesionario cobre cos seus ingresos os seus gastos de mantemento e explotación", que foi o que ocorreu no caso de Audasa.