O pleno do tribunal de garantías estima parcialmente o recurso que formulou Vox e declara inconstitucional os artigos que restrinxían a libre circulación de persoas. Tamén anula o punto que habilitaba ao ministro de Sanidade a "modificar" ou "ampliar" as medidas establecidas no propio estado de alarma
O Tribunal Constitucional vén de facer público o resultado da deliberación do seu pleno sobre o recurso que formulou Vox contra o Decreto-Lei 463/2020 polo que o 14 de marzo do pasado ano o Goberno de España declarou o primeiro estado de alarma, posteriormente prorrogado ata xuño, para facer fronte á pandemia da COVID-19. O tribunal estima parcialmente o recurso, por seis votos contra cinco, e anula as disposicións do texto restrinxían a libre circulación de persoas, o que deixa no aire as sancións que se impuxeron con amparo neses preceptos.
O Constitucional limitouse este mércores a facer pública unha nota de prensa coa parte dispositiva da súa decisión, na que se indica que “nos próximos días notificarase o contido íntegro da sentenza e dos votos particulares” que formularon o propio presidente e catro maxistrados.
O comunicado este mércores polo tribunal é que decidiu inadmitir a pretensión de inconstitucionalidade contra unha Orde do Ministerio de Sanidade que a finais de marzo estableceu restricións a velorios e estimar parcialmente o recurso contra o real decreto-lei do estado de alarma e declarar nulos catro dos seus puntos, desestimando as demais peticións. En concreto, o Constitucional anula os puntos 1, 3 e 5 do artigo 7 do real decreto-lei, que restrinxían a circulación de persoas polas vías públicas salvo determinadas excepcións xustificadas e permitían o peche de estradas á circulación.
A sentenza ten como pano de fondo o bloqueo da renovación do TC, cuxos membros nomeados polo Congreso teñen o mandato caducado. O Goberno de España reafírmase en que aquel decreto e as súas medidas foron axustadas á lei e "imprescindibles para salvar vidas"
Igualmente, corrixe o apartado 6 do artigo 10 que habilitaba ao ministro de Sanidade “para modificar ampliar ou restrinxir as medidas, lugares, establecementos e actividades” que se tiñan que pechar ou restrinxir a súa actividade por razóns de saúde pública, de xeito que o tribunal retira desa redacción os termos “modificar, ampliar ou”, co que anula a posibilidade de que o ministro de Sanidade modificase posteriormente pola súa conta o propio contido do real decreto-lei do estado de alarma.
Esta sentenza ten como pano de fondo o bloqueo da renovación do propio TC. Os catro membros do Tribunal nomeado polo Congreso teñen o seu mandato caducado dende finais de 2020 e para a nova elección é imprescindible un acordo de, cando menos, o PSOE co PP.
Unha vez coñecida a decisión, o Goberno de España reafirmouse en que aquel decreto e as medidas incluídas nel resultaron "absolutamente imprescindibles para salvar vidas" e que fora adoptado conforme á Constitución e á lei que regula a propia figura do Estado de Alarma. O Executivo do PSOE e UP tamén amosa a súa sorpresa polo que considera un ditame "inédito" do TC. A prórroga daquel primeiro Estado de Alarma foi avalada polo Congreso dos Deputados por 321 votos a prol, 28 abstencións e ningún voto en contra.