A concesionaria da AP-9 ingresou 192 millóns de euros en 2023, dos que 134 foron pagados polas persoas usuarias e 58,5 polo Estado a través dos diversos descontos que foi implantando nos últimos anos.
Audasa, concesionaria da AP-9, fixo públicos este mércores de Semana Santa a través da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) os seus resultados anuais de 2023, exercicio no que bateu o seu récord histórico de beneficios tras impostos, con 82,6 millóns de euros. A cifra é un 34% máis que os beneficios de 2022 e supera o máximo histórico acadado en 2010 de 68 millóns de euros.
Uns resultados que chegaron no ano en que debía rematar a concesión se o Goberno de José María Aznar non a prorrogase ata 2048.
Segundo o divulgado por Audasa, o pasado ano a concesionaria ingresou 192,6 millóns de euros polas peaxes, dos que case 134 foron pagados polos propios usuarios e 58,5 millóns foron achegados polo Estado a través das diversas bonificacións ou peaxes en sombra implantados na autoestrada ao longo dos anos. Esta cifra de bonificacións foi o pasado ano un 26% superior ao ano anterior, pasando de 46,2 a 58,5 millóns de euros.
O desconto do 25% implantado pola propia Audasa nas viaxes de volta en día laborable pagadas con telepeaxe foi de 7,7 millóns, e ese sistema de pagamento xa supón o 72% do total
Fronte ás rebaixas de peaxes asumidas polo Estado e ao pagado polos usuarios, a rebaixa facilitada pola propia Audasa do 25% nas viaxes de volta pagadas con telepeaxe en día laborable ou sábado supuxeron 7,7 millóns de euros. Esta foi unha medida pensada para incentivar o uso dos dispositivos de telepeaxe, a través dos que xa se paga o 72,1% de todos os tránsitos realizados na vía. Se ademais se suman as denominadas "vías automáticas" de pagamento con tarxetas, a porcentaxe de pagamentos que non se realiza en man a persoal da empresa ascende ao 98,2%.
En total, pola principal infraestrutura de comunicación galega realizáronse 113 millóns de viaxes, cunha intensidade media diaria de 25.458 vehículos, un 3,6% máis que o ano anterior e superando amplamente as cifras de tráfico previas á pandemia do coronavirus.