En agosto de 1973, o Goberno da ditadura deu luz verde á concesión para a construción da Autoestrada do Atlántico a un consorcio de seis bancos: Hispano Americano, Pastor, Banco del Noroeste, Banco de Bilbao, Atlántico e Unión Industrial Bancaria. O xermolo de Audasa -rescatado pouco despois en plena crise do petróleo daquela década- contou dende o inicio cos beneficios fiscais contemplados na lei de autoestradas do ano anterior, entre eles unha exención de "ata o 95%" na daquela denominada Contribución Territorial Urbana, actual Imposto de Bens Inmobles (IBI).
Audasa conservou a exención do 95% no pagamento do IBI pola AP-9 nas sucesivas prórrogas da concesión. A última, concedida polo Goberno do PP ata 2048, mantivo o beneficio ata 2023
Como é sabido, aquela primeira concesión da AP-9 ía rematar en 2012 e en 1977 o Goberno da UCD estendeuna ata 2013 por mor dos problemas financeiros da compañía, que acabaría rescatada en 1983. En 1994, durante o goberno de Felipe González e cando era unha empresa pública, a cambio da gratuidade das peaxes nos treitos urbanos da vía e de que se axilizase o treito entre Vigo e Tui, a concesión foi estendida por dez anos, ata o 18 de agosto de 2023.
Pero no ano 2000 o Goberno do PP de Aznar aprobou unha nova prórroga por 25 anos máis, ata 2048, a cambio da ampliación da AP-9 ata Ferrol e da liberación de peaxe entre Fene e a cidade departamental. Esa prórroga mantivo "todos e cada un" dos beneficios fiscais dos que Audasa gozaba dende a ditadura cun único límite: a concesionaria deixaría de "poder gozar" da exención do IBI "a partir do 19 de agosto de 2023", isto é, dende o día que a concesión finalizaría se non fose ampliada por ese mesmo Goberno que, apenas tres anos despois, privatizou a AP-9 xunto ás demais autoestradas da antiga Empresa Nacional de Autopistas (ENA).
A Deputación da Coruña, que ten delegada a recadación do IBI de 18 dos 20 concellos polos que pasa a autoestrada na provincia, confirma que este ano xa cobrará a Audasa o 100% do tributo: "Pasan duns ingresos anuais de 175.000 euros a máis de 3,7 millóns"
Este contexto é imprescindible para entender por que a trintena de concellos polos que pasa a AP-9 van poder cobrar en torno a vinte veces máis a Audasa polo IBI de agora en diante. É o propósito que hai xa máis de media década procuraran moitos deles, dende a través de litixios ata recorrendo ás institucións europeas, con gobernos locais especialmente activos na materia coma o de Abegondo.
O concello abegondés, precisamente, foi dos primeiros en comezar a moverse ao fío da caducidade do privilexio e foi este pasado martes en Abegondo onde quedou ratificado que ese cobramento está en marcha. Así o ratifica a Deputación da Coruña, que ten delegada a xestión do IBI en 18 dos 20 concellos da provincia polos que pasa a autoestrada -todos agás A Coruña e Ferrol-.
O responsable de Facenda da institución, José Ramón Riobóo, pon cifras á eta relevante mudanza: "A fin da bonificación implicará para estes 18 concellos pasar duns ingresos anuais de 175.000 euros a máis de 3,7 millóns en concepto de IBI polo paso da autoestrada polo seu territorio", resume. Os servizos tributarios da institución provincial, agrega, "xa tiñan tomada a decisión de oficio", sen que mediase litixio ningún, ao caducar o beneficio prorrogado polo gabinete de Aznar no ano 2000.
Audasa tivo 36 millóns de beneficios nos primeiros seis meses de 2023, un 78% máis que no mesmo período do ano anterior
O impacto é relevante para todos os concellos, pero especialmente para os de menor dimensión. Así, por exemplo, o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, calcula que as arcas públicas municipais pasarán de recibir apenas 30.000 euros a case 600.000 ao ano. Tamén outros consistorios, destaca, "poñen de relevancia a enorme inxección que lles suporá, como o caso de Caldas de Reis, que pasaría de 15.000 a 300.000 euros".
Estes concellos non ocultan a súa satisfacción, aínda que combinada coa prudencia ante a posibilidade de que Audasa tentase evitar ou, cando menos, dilatar o pagamento con manobras legais. O pasado 2023 Audasa obtivo 36 millóns de euros de beneficio nos primeiros seis meses do ano -último dato dispoñible-, un 78% máis que no mesmo período de 2022, exercicio que rematou con ganancias de 68 millóns de euros.