A AP-9 non paga o IBI aos concellos polos que pasa grazas a un beneficio concedido polo franquismo hai máis de corenta anos. En realidade, si paga, pero tan só o 5% do total do Imposto de Bens Inmobles que particulares e empresas deben abonar aos municipios ao gravárselles o valor das titularidades que posúen en cada territorio. Este privilexio de Audasa prevé manterse ata 2023, prazo no que finalizaba a concesión orixinal da autovía á empresa e que o Goberno central ampliou logo até 2048. Pero varios concellos rebélanse contra este favor fiscal. Con Abegondo á cabeza, as 22 localidades da provincia da Coruña polas que cruza a Autoestrada do Atlántico únense para reclamar a fin desta exención e preparan xa a batalla legal en Bruxelas.
A AP-9 é a única vía de Galicia que non paga o 95% do IB grazas ás bonificacións previsas nunha lei franquista
En Galicia, é a AP-9 a única vía que non paga o 95% do IBI grazas ás bonificacións previstas na lei de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión aprobada en 1972, en pleno franquismo. O decreto do 17 de agosto de 1973 polo que se adxudicaba a concesión administrativa para a infraestrutura galega prevía que esta se beneficiase dos "beneficios" que figuraban no artigo doce da devandita lei e "ao longo do período concesional". Malia que a súa construción está máis que amortizada e a pesar dos millonarios beneficios que xera, a exención aí segue, aplicándose no nivel máximo de redución permitido pola lexislación daquela do réxime ditatorial.
O pasado xoves 20 de abril, 15 dos 22 concellos polos que pasa a AP-9 e están afectados por esta exención acudiron a unha reunión en Abegondo convocada por José Antonio Santiso, alcalde dunha das localidades máis afectadas. Representantes dos municipios de Culleredo, Cambre, Oleiros, Betanzos, Ordes, Oroso, Ames, Teo, Ferrol, Cabanas, Pontedeume, Paderne, Bergondo e Miño xuntáronse nun encontro ao que non puideron asistir A Coruña, Compostela, Fene, Narón, Mesía, Padrón e Neda. Nel, o bufete madrileño Gonzalo Abogados, especializado en facenda local e financiamento local, apuntou o recurso ante a Comisión Europea como a mellor estratexia para reclamar.
Os concellos da provincia da Coruña polas que pasa a AP-9 únense para reclamar ante a Comisión Europea o pago do IBI
Os expertos -que colaboraron con Arteixo para lograr que puidese cobrar polo uso do dominio público por parte das eléctricas- advirten que poderían recuperarse cinco millóns de euros por ano entre todos os municipios afectados e mesmo advirten da posibilidade de reclamar con carácter retroactivo o pago dos últimos dez anos: 50 millóns a repartir entre os 22 municipios.
Acudir á UE semella a opción máis factible, ao entender a consultora que existe unha norma xurídica no Estado que vai contra os principios dos tratados comunitarios, como o da autonomía local. De feito, desde 1990 as novas concesións non gozan desta exención fiscal e desde 2002 as autoestradas de peaxe son consideradas por lei Bens Inmobles de Características Especiais (Bices). Con todo, a exención mantívose e mantense.
Os avogados que colaboran cos concellos entenden que esta exención incumpre tratados comunitarios e carece de lóxica nestes tempos
"No momento no que se aplicou a exención, o beneficiado era o propio Estado, pero agora estase prexudicando aos concellos e non ten sentido ningún; acudiremos á UE para que se aplique o 100% do IBI a Audasa", explica José Antonio Santiso, alcalde de Abegondo polo PP e impulsor da iniciativa.
A UE, a única vía factible
A vía comunitaria é tamén a máis recomendada vistos os precedentes xudiciais no Estado. Logo dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra para reclamar o pagamento de compensacións aos concellos afectados pola exención do IBI da AP-9, as sentenzas contrarias foron caendo unha a unha sobre a ducia de municipios que acudiron á xustiza. O Tribunal Superior de Madrid desbotou as reclamacións, aínda que anos antes si ditaminara a favor de Pontevedra e recoñecéralle o dereito a ingresar máis de 1 millón de euros. En 2011, o Supremo anulou o ditame e sentou xurisprudencia, advertindo que "nin os compromisos internacionais asumidos por España, nin a Constitución nin a lexislación ordinaria impoñen ao Estado, de xeito ineluctable, a obriga de transferir aos concellos as cantidades que deixen de percibir como consecuencia dos beneficios fiscais que se outorgasen ou outorguen sobre tributos locais".
Diferentes sentenzas no Estado, incluída unha do Supremo contra Pontevedra, negan a eliminación desta exención fiscal
O Goberno central, ante a reclamación que levaran a cabo formacións políticas como o BNG, denegara en varias ocasións a posibilidade de compensar os concellos afectados. A última vez, en 2011 co PSOE na Moncloa. "Desde Galicia houbo varias iniciativas que foron rexeitadas continuamente; o único que nos queda é ir á Comisión Europea para que modifique a normativa que permite manter esa exención", insiste Santiso, alcalde de Abegondo, un dos concellos máis afectados polas prebendas de Audasa. Segundo os cálculos realizados, tería que recibir preto de 600.000 euros ao ano fronte aos menos 30.000 que percibe agora. Acolle 20 quilómetros de autoestrada, peaxes e algunha outra infraestrutura.
Abegondo, que acolle 20 quilómetros de AP-9 e peaxes, pasaría a percibir 600.000 euros ao ano fronte aos 30.000 anuais
Para decidir definitivamente a estratexia a seguir, os concellos da provincia da Coruña implicados prevén novas reunións pero a idea é clara: denunciar ante a Comisión Europea a través dun recurso de incumprimento, ao non ter corrixido o Goberno de España unha actuación que consideran que vai contra tratados comunitarios. Habería que revisar a valoración catastral da autoestrada en cada localidade para, máis adiante, reclamar administrativamente en Europa xa co informe xurídico na man.
Os cálculos que fan son de 5 millóns ao ano, mentres que os 12 municipios polos que pasa a AP-9 na provincia de Pontevedra reclamaran xa 4 millóns non hai tanto tempo a través da Deputación. De aplicarse a retroactividade, cun límite de dez anos, os máis de trinta concellos afectados poderían recuperar ata uns 100 millóns.