Audasa é absolta dun accidente cun xabaril nun punto con 15 en catro anos onde apagara a iluminación

Zona da AP-9 na saída da Coruña, tras pasar o enlace da Barcala, na que ocorreu o accidente © Google

A xustiza considera que a concesionaria non incumpriu ningunha obriga de prevención xa que o animal puido entrar por un enlace próximo

A Audiencia Provincial da Coruña vén de facer pública unha sentenza na que absolve a Audasa, a concesionaria da AP-9, por un accidente producido por un xabaril nas proximidades do enlace da Barcala, no punto quilométrico 8,2 saíndo da Coruña. No mesmo lugar producíranse outros 15 accidentes similares nos catro anos previos e a iluminación existente no enlace estaba apagada, pero a xustiza exime á concesionaria porque "non consta cal é a omisión da medida preventiva e eficaz para impedir a entrada de xabarís na autoestrada que deixou de implantar". 

Un xabarín CC-BY-SA Juan Carlos Calvo Barrios

Así como a xustiza vén condenando a Audasa por accidentes nos que non cumpriu co seu deber de manter a infraestrutura en condicións seguras de circulación, os tribunais tamén veñen eximindo a concesionaria nos últimos anos de sinistros por choques con animais. Como fai nesta sentenza, que ratifica outra previa dun xulgado da Coruña, a xustiza considera que para culpar á concesionaria debe atoparse unha rotura no peche da autoestrada ou que o sinistro se produza nun treito de risco de animais non sinalizado correctamente. Tamén poden ser outros os responsables se o accidente se produce ao tempo que se desenvolve unha "acción de caza". 

No caso en cuestión a sentenza sinala que "non hai proba de que houbese algunha incidencia de rotura da valla de pechamento" e o xefe de conservación e mantemento da autoestrada declarou que o animal puido entrar polo enlace de A Barcala, no punto quilométrico 7,8, "a menos de medio quilómetro de onde ses produciu o sinistro (8,2), tratándose dunha zona de entrada e saída aberta". 

A sentenza desbota "que a desconexión da iluminación artificial" existente no enlace da Barcala "alterase o resultado"

A xustiza tamén desbota o outro suposto previsto, o de "non dispoñer de sinalización específica de animais soltos en treitos con alta accidentalidade". Ese cartel atópase trescentos metros máis adiante do punto no que ocorreu o accidente, no quilómetro 8,54. E segundo a sentenza "non pode darse por probado que o punto quilométrico no que se produciu a colisión poida ser cualificado como treito de alta accidentalidade" xa que "tan só se contabilizou sinistros por intervención dun xabaril entre 2018 a 2022 dun total de 15 (en 2018, foron 6; en 2019 foron 3; en 2020 foron 2; en 2021 foron 4, e ata mediados de 2022, ningún)".

A sentenza tamén desbota "que a desconexión da iluminación artificial" existente no enlace da Barcala "alterase o resultado" e conclúe dicindo que non se concreta "cal sería a culpa ou neglixencia" da concesionaria. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.