Os accidentes con animais en Galicia: 15 cada día, en ascenso e sobre todo con xabaríns

Dende o 2016 o número de sinistros de tráfico con animais aumentou un 50% en Galicia © Montaxe: Praza.gal

Dende o 2016 o número de sinistros de tráfico con animais aumentou un 50% en Galicia. No caso dos xabaríns case se duplicou

Cada día rexístranse en Galicia máis de 15 accidentes de tráfico nos que está involucrado algún animal. As estatísticas da Dirección Xeral de Tráfico elevan a case seis mil o número anual de sinistros deste tipo (5.723 en 2024), un dato con tendencia de ascenso -ata o 2017 eran menos de catro mil ao ano- e que amosa a crecente importancia deste problema no país, cun aumento de case o 50% en só nove anos.

As cifras da DXT exclúen os accidentes que tiveron lugar en zonas urbanas, rúas e travesías, aínda que se pode supoñer que, se falamos de animais salvaxes, estes son unha minoría. No conxunto de España rexistráronse en 2024 máis de 36.000 sinistros deste tipo, máis habituais en Galicia e as dúas Castelas. Galicia suma case un de cada seis accidentes con animais no Estado, unha proporción moi superior á da súa poboación ou á da súa superficie.

O pasado verán a Asociación Española de la Carretera  publicou un estudo sobre este tipo de sinistros, propoñendo medidas como a instalación de barreiras e pasos seguros para os animais, a retirada de vexetación nas marxes para mellorar a visibilidade ou a mellora da iluminación

O pasado verán a Asociación Española de la Carretera  publicou un estudo sobre este tipo de sinistros, alertando de que na última década se duplicou o número de incidencias, chegando a representar un terzo dos accidentes notificados en vías interurbanas. O tipo de sinistro máis común é o atropelo a animais, que representa a inmensa maioría dos casos; porén, tamén se rexistran saídas de vía sen atropelo, derivadas de manobras evasivas por parte dos condutores ao tentar evitar a colisión.

O estudo incluía a proposta da posta en marcha dunha serie de medidas para reducir estes sinistros, algunhas xa en marcha por parte da DXT, como a identificación dos denominados Treitos con Especial Frecuencia de Incidentes Viais con Implicación de Animais (TEFIVA). Tamén a instalación de barreiras e pasos seguros para os animais, a retirada de vexetación nas marxes para mellorar a visibilidade ou a mellora da iluminación.

"Aínda que os proxectos e construcións de novas estradas teñen incorporadas cada vez máis medidas de permeabilización para reducir o seu impacto, aínda existe unha ampla rede viaria que xera importantes efectos na biodiversidade, sendo necesario a implementación de medidas de mitigación e permeabilización nas devanditas vías que reduzan os seus impactos", destaca o informe.

Lugo e Ourense son as provincias cun maior número de sinistros con animais

Lugo e Ourense son as provincias cun maior número de sinistros con animais, a pesar de estar moito menos poboadas que as dúas provincias occidentais. Lugo, máis extenso, lidera esta estatística con máis de 1.700 accidentes nos dous últimos anos con datos, aínda que por debaixo do máximo acadado en 2018. As restantes provincias presentan en cambio un crecemento sostido nos últimos anos, especialmente A Coruña, que rexistrou a súa cifra máxima no ano 2024, último con datos.

Aínda que o número de accidentes é moi elevado, a inmensa maioría dos sinistros son de carácter leve. De feito, en 2024 tan só en 73 casos (o 1,3%) resultou ferida algunhas das persoas ocupantes dos vehículos implicados

Aínda que o número de accidentes é moi elevado, a inmensa maioría dos sinistros son de carácter leve. De feito, en 2024 tan só en 73 casos (o 1,3%) resultou ferida algunhas das persoas ocupantes dos vehículos implicados, un número semellante ao de anos anteriores. No resto, houbo só danos materiais.

Entre 2016 e 2024 tan só en tres exercicios algunha persoa morreu nestes sinistros (4 en 2016, 1 en 2017 e 1 en 2023). As persoas feridas, ao redor de medio cento por ano, habitualmente non necesitan ser hospitalizadas, ao tratarse de lesión de carácter leve. Coa excepción do ano 2016 (11 feridos hospitalizados), no resto de anos o número de persoas feridas que necesitaron atención hospitalaria moveuse entre 1 e 5 cada exercicio.

Lugo e Vilalba son os concellos con máis sinistros con animais, seguidos de Monforte, Ourense, Lalín, Castro de Rei, A Estrada e San Cibrao das Viñas

A DXT ofrece tamén información sobre o numero de accidentes rexistrados en cada concello, pero só para as localidades de máis de 5.000 habitantes. Esta estatística deixa fóra, polo tanto, unha parte importante dos concellos da Galicia rural, que concentran unha parte moi importantes dos sinistros. De feito, entre 2016 e 2024 ao redor da metade dos accidentes con animais en Galicia tiveron lugar nestes concellos de menos de 5.000 habitantes.

Entre os concellos para os que si se ofrece información, destacan dous por riba de todos: Lugo e Vilalba, con máis de mil accidentes no período 2016-2024, máis de cen por ano. Monforte, Ourense, Lalín, Castro de Rei, A Estrada e San Cibrao das Viñas superan tamén o medio cento de sinistros nestes nove anos, 

A A-52 (1.147 accidentes, máis de cen por ano) e a A-6 (758) foron as vías con máis sinistros entre 2016 e 2024

As estradas cun maior número de sinistros nestes nove anos son as vías de alta capacidade, polas que circula un número moi elevado de vehículos cada día. Así, a listaxe está encabezada pola A-52 (1.147 accidentes, máis de cen por ano) e a A-6 (758) e, xa a moita distancia, a A-8 (320), a A-54 (235) e a A-55 (156). 

Porén, hai tamén estradas convencionais nas que se rexistran cada ano unha cifra significativa de sinistros. Esta relación está encabezada pola AC-400, que cruza a provincia da Coruña entre Cambre e Muros e que suma 135 accidentes en nove anos. Tamén a AC-523 entre Ledoño (Culleredo) e Meirama (Cerceda), a AC-418 entre Carballo e Malpica, a AC-116 entre Ferrol e Valdoviño ou a AC-110 entre Cerdido e As Pontes. No ano 2024 destacou tamén, polo elevado número de sinistros, a AC-409 entre Ordes e Cerceda.

Entre 2016 e 2024, dos máis de accidentes con animais notificados, o xabaril estivo presente en máis de seis de cada dez (62,2%) e o corzo no 20%. Os que involucraron a cans (8,4%), raposos (2,2%), teixugos (1,35%) ou cabalos (1,2%) foron moito menos frecuentes

O xabarín é a especie involucrada nun maior número de sinistros en Galicia, con gran diferenza. Entre 2016 e 2024, dos máis de 45 mil accidentes con animais notificados, o xabaril estivo presente en máis de seis de cada dez (62,2%), unha porcentaxe que mesmo foi superior nos últimos anos: 65,2% en 2022, 64,2% en 2023 e 65,8% en 2024. Os accidentes con corzos supuxeron nos ultimos ano o 20% dos sinistros. Os que involucraron a cans (8,4%), raposos (2,2%), teixugos (1,35%) ou cabalos (1,2%) foron moito menos frecuentes. E os casos con outras especies son case residuais.

As estatísticas da DXT amosan unha clara tendencia de ascenso nos accidentes nos que se ven involucrados xabaríns, que practicamente duplicaron as súas cifras dende o ano 2016

Neste ano 2024, último con datos, houbo 3.766 accidentes de tráfico con xabaríns, 1.129 con corzos, 379 con cans, 108 con raposos, 75 con teixugos, 49 con equinos, 37 con gatos, 25 con vacas e bois, 23 con cervos, 13 con aves, 6 con lobos, 5 con gatos monteses, 4 con lebres, 3 con ovellas, 2 con cabras, 2 con lontras e 1 cun coello. Na estatística figuran tamén 23 sinistros con "outros animais" e 81 con algún animal "non identificado".

As estatísticas da DXT amosan unha clara tendencia de ascenso nos accidentes nos que se ven involucrados xabaríns, que practicamente duplicaron as súas cifras dende o ano 2016. No resto de especies non se observan tendencias tan marcadas. Sobe o número de sinistros con corzos e raposos e descende a cifra dos que tiveron algún can implicado.

Os meses de decembro e novembro concentran o maior número de sinistros, seguidos de xaneiro e outubro

Os accidentes teñen lugar ao longo de todo o ano, pero decembro e novembro concentran o maior número de sinistros, cunha media de máis de 600 no período 2016-2024, máis de vinte por día. Xaneiro e outubro suman tamén unha cifra por riba da media e os meses do final da primavera e do verán son o tempo con menor sinistralidade por esta causa, especialmente xuño, o mes cos días máis longos e menos horas de escuridade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.