O número de accidentes de tráfico con implicación de animais medra un 35% dende 2017, a maior parte por xabaríns

A N−640 ao seu paso por Cuntis CC-BY-SA Lmbuga

Durante o pasado ano 2022 rexistráronse en Galicia 5.512 accidentes de tráfico nos que estiveron implicados animais. Representan o 15,45% de todos os sinistros deste tipo no conxunto do Estado

Durante o pasado ano 2022 rexistráronse en Galicia 5.512 accidentes de tráfico nos que estiveron implicados animais. Representan o 15,45% de todos os sinistros deste tipo no conxunto do Estado e a cifra amosa unha tendencia á alza nos últimos anos, dende os 3.207 do ano 2013 ou os 4.085 do ano 2017. Nos últimos cinco anos o número de accidentes con animais aumentou un 35% en Galicia, a mesma porcentaxe que no conxunto de España.

A Dirección Xeral de Tráfico publicou este martes o seu informe anual de Sinistralidade vial con implicación de animais, un documento que detalla as circunstancias nas que se produciron este tipo de sucesos e as especies máis habitualmente implicadas. 

Xabaríns e corzos suman tres de cada catro accidentes rexistrados

Neste caso, non hai datos específicos de Galicia, pero o xabarín estivo presente no 40% dos sinistros con animais que se produciron no conxunto do Estado e en practicamente a metade dos accidentes con animais salvaxes. Foron un total de 14.278 accidentes. A outra especie que protagonizou un maior número de sinistros foi o corzo, con 12.397 accidentes, un 34% do total. Entre xabaríns e corzos suman tres de cada catro no conxunto do Estado. Cervos (1.795), con menor presenza en Galicia, e raposos (1.017) son as outras dúas especies salvaxes que superaron o milleiro de sinistros. No apartado de animais domésticos, destaca o can, con 3.155 accidentes.

En Lugo está o treito de estrada no que o pasado ano se rexistrou un maior número de sinistros en todo o Estado: a N-640, entre os quilómetros 82 e 88

Con todo, a pesar do número crecente de sinistros con animais, só nunha pequena parte destes algunha persoa resultou ferida. En concreto, houbo 69 accidentes con vítimas humanas en Galicia, cun total de 89 persoas feridas, das que 5 necesitaron de atención hospitalaria. Non houbo vítimas mortais

Por provincias, son Ourense e Lugo -con maior territorio rural que as occidentais- as que rexistraron no ano 2022 un maior número de sinistros con animais. Con todo, chama a atención que o número de sinistros en Lugo leva tres anos en descenso

Por provincias, son Ourense e Lugo -con maior territorio rural que as occidentais- as que rexistraron no ano 2022 un maior número de sinistros con animais. Con todo, na estatística chama a atención que o número de sinistros en Lugo leva tres anos en descenso, dende o máximo acadado en 2019. Nas outras tres provincias galegas os accidentes seguen en ascenso, o mesmo que na maior parte de provincias do resto do Estado.

Na provincia de Lugo está, precisamente, o treito de estrada no que o pasado ano se rexistrou un maior número de sinistros en todo o Estado. Trátase da N-640, entre os quilómetros 82 e 88, nas proximidades da cidade de Lugo, cun total de 169 accidentes o pasado ano. A outra estrada galega que figura entre as vinte con máis sucesos é a OU-540, entre os quilómetros 8 e 13, con 110 accidentes, no posto vinte.

O 40% dos accidentes ten lugar entre as 20 horas e a medianoite e outro 23% entre a medianoite e as sete da mañá

O informe da DGT informa doutros detalles sobre a sinistralidade viaria con animais. Por exemplo, que o 86% dos accidentes se producen en estradas convencionais (só o 14% en autovías e autoestradas). Ou que o 69% dos sinistros con vítimas corresponderon a colisións co animal, fronte a un 25% de saídas de vía.

Domingos (19%) e sábados (17%) son os días da semana con máis accidentes con vítimas e agosto e outubro os meses con máis sinistros. A maior parte dos accidentes prodúcense pola noite: o 40% ten lugar entre as 20 horas e a medianoite e outro 23% entre a medianoite e as sete da mañá.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.