A Xunta decide permitir en 198 concellos a caza de xabaríns "sen límite de exemplares", todos os días e sen autorización previa

Un exemplar de xabarín CC-BY-SA Juan Carlos Calvo Barrios

Dende este venres 198 concellos galegos pasan a ser declarados áreas de emerxencia cinexética temporal, unha medida que busca facilitar a caza do xabarín nestas zonas e que estará en vigor ata o 27 de febreiro do vindeiro ano, se non é suspendida antes. A Consellaría de Medio Ambiente publicou este xoves no D.O.G. catro resolucións (unha por provincia) nas que se detallan os concellos afectados e os cambios establecidos no abatemento deste animal.

A Xunta destaca que con esta medida busca frear os danos provocados polo xabarín na agricultura e tamén limitar os accidentes de tráfico producidos pola presenza destes animais nas estradas

A Xunta destaca que con esta medida busca frear os danos provocados polo xabarín na agricultura e tamén limitar os accidentes de tráfico producidos pola presenza destes animais nas estradas e combater a dispersión de certas enfermidades, como a peste porcina africana. O Goberno galego salienta que "as afeccións ocasionadas polas poboacións de xabaril veñen experimentando nos últimos anos un incremento no conxunto do territorio de Galicia que obedece, en gran medida, aos cambios de uso no medio e ás características ecolóxicas da especie".

En total, decláranse 'áreas de emerxencia cinexética temporal' un total de 29 comarcas, que abranguen case 200 concellos e un 68,4% da superficie total de Galicia. Non é a primeira vez que a Xunta decreta unha medida semellante, aínda que nesta ocasión afecta a un territorio moito máis amplo. En 2019 o Goberno galego declarou a emerxencia cinexética en 33 concellos das comarcas de Betanzos-Eume, Terra Chá, Viana e Deza. A Xunta defende que despois da súa aplicación, "os avisos nestas comarcas reducíronse un 29,4% respecto á tempada de caza precedente".

En total, decláranse 'áreas de emerxencia cinexética temporal' un total de 29 comarcas, que abranguen case 200 concellos e un 68,4% da superficie total de Galicia

Nos últimos anos son moitas as voces que reclaman un maior control das poboacións de xabaríns en Galicia e entre elas algunhas apostan por incrementar a caza destes animais. Con todo, tamén son moitas as voces críticas coa excesiva permisividade que a Xunta ten cara o colectivo de cazadores e os seus incumprimentos da lei, que en moitas ocasións poñen en perigo ás persoas que pasean polo monte ou realizan deporte nestas zonas.

 

As comarcas afectadas

A medida afecta aos 198 concellos das comarcas coruñesas de Arzúa, Betanzos, A Coruña, Eume, Ferrol, Ortegal e Santiago. Tamén ás lucenses de Ancares, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, A Mariña Central, A Mariña Occidental, Sarria, Terra Chá e Terra de Lemos. Igualmente ás ourensás de Allariz–Maceda, O Carballiño, A Limia, Ourense, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Valdeorras, Verín e Viana. E, finalmente, a dúas comarcas pontevedresas: Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

A caza do xabarín nestes 198 concellos a partir deste venres

En terreos cinexéticos a caza poderá practicarse durante todos os días da semana con comunicación previa á Xefatura Territorial da Consellaría de Medio Ambiente

Nas 29 comarcas afectadas pola medida permitirase "abater ou capturar sen límite de exemplares xabaríns de ambos os sexos, prioritariamente femias adultas e sub-adultas en todas as súas idades". Nestas zonas permitirase, así mesmo, abater crías e femias seguidas de crías.

En terreos cinexéticos a caza poderá practicarse durante todos os días da semana con comunicación previa á Xefatura Territorial da Consellaría de Medio Ambiente efectuada cunha antelación mínima de dez días naturais.

Con todo, nas zonas libres de caza de cada un destes concellos (que aparecen detallados nas resolucións publicadas no D.O.G.) as cazarías estarán suxeitas a autorización, que deberá solicitarse á correspondente xefatura territorial competente en materia de caza cunha antelación mínima de dez días naturais. 

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, con representantes de sindicatos e organizacións agrarias de Galicia © Xunta

En terreos de réxime cinexético especial poderase autorizar aos propietarios dos terreos a realizar, persoalmente ou mediante terceiros, agardas ou esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético

Así mesmo, en terreos de réxime cinexético especial poderase autorizar aos propietarios dos terreos a realizar, persoalmente ou mediante terceiros, agardas ou esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético. Nestas zonas poderase utilizar visores de aumentos durante a práctica da modalidade de agarda ou espera nocturna e fontes luminosas para a iluminación dos albos. 

Tamén detectores ou controladores de hora de paso ou presenza, para a posterior realización de esperas nocturnas ao xabaril. E, así mesmo, nos cultivos con destino á colleita en que se iniciasen os danos, poderase dispor de cebadoiros de gran ou froitos co obxecto de asegurar a eficacia no momento concreto dos controis. Nestes terreos permitirase, así mesmo, a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadeiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados.

Nos terreos non cinexéticos para o emprego de modalidades e procedementos de captura será necesario dispoñer dunha autorización expresa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.