A concesionaria da AP-9 reclamou ao primeiro accidentado por danos en 14 elementos da autoestrada pero rexeitou asumir os custes do segundo sinistro porque o condutor non precisou o obxecto concreto contra o que chocou de noite
A Audiencia Provincial da Coruña vén de facer pública unha sentenza na que condena a Audasa, concesionaria da autoestrada AP-9, a asumir os custes dun accidente ocorrido en 2020 na entrada a Vigo cando un condutor chocou circulando de noite cos restos doutro sinistro previo que non foran recollidos nin sinalizados polos operarios da empresa que xa visitaran a zona. A concesionaria reclamou ao primeiro accidentado por danos en 14 elementos da autoestrada pero rexeitou asumir os custes do segundo sinistro porque o condutor non precisou o obxecto concreto contra o que chocara.
Esta semana Praza.gal avanzou que Audasa reclamara ata 46 millóns de euros ao Estado polo que deixou de gañar durante a pandemia pero o Supremo vén de desbotar esa petición.

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza da Audiencia da Coruña, ás 5.34 horas da madrugada do 17 de xullo de 2020 o 112 alertou a Audasa dunha chamada sinalando a existencia dunha defensa dun vehículo tirada na calzada, á altura da saída a Teis do ramal de acceso da AP-9 a Vigo.
Un operario da empresa chegou ao lugar 12 minutos máis tarde e non atopou ningún vehículo accidentado pero si detallou danos en 14 elementos distintos da vía, como barreiras, postes, fitos verdes cilíndricos e o denominado fito diverxente que marca o inicio do carril de saída a Teis separándoo do tronco principal da calzada. O operario tamén atopou unha matrícula e a través dela Audasa reclamou ao seguro dese vehículo os danos causados aos elementos da autoestrada.
A sentenza relata que malia os danos rexistrados e o feito de que era de noite, o que impedía detectar outros restos, os operarios da concesionaria "non colocaron ningún sinal de perigo que servira de advertencia aos demais usuarios da vía". E uns minutos despois outro vehículo chocaba contra algún dos elementos afectados polo primeiro sinistro perdendo o control do vehículo. Segundo o atestado da Garda Civil, o condutor do segundo vehículo deu aviso ás 6.10 horas, pero os axentes non foron quen de atopar o obxecto contra o que chocara.
O seguro do segundo vehículo sinistrado reclamou os danos a Audasa e unha primeira sentenza dun xulgado de primeira instancia de Vigo desestimou a petición, pero foi recorrida e agora a Audiencia da Coruña vén de decidir en sentido contrario nunha sentenza que xa é firme.
"Non nos parece relevante a concreta identificación do obxecto", di a Audiencia, que salienta que a propia concesionaria admite que resultaran danados polo primeiro accidente ata 14 elementos distintos da vía
A concesionaria tentou evitar a súa responsabilidade argumentando que o condutor do segundo vehículo non puidera concretar as características do obstáculo contra o que chocara, se fora un fito verde cilíndrico ou restos do fito diverxente. Pero a Audiencia desbota ese aspecto: "Non nos parece relevante a concreta identificación do obxecto", di a sentenza, unha vez que a propia concesionaria admitiu os danos sufridos por diversos elementos da vía no accidente anterior. A Audiencia tamén resta importancia a que a Garda Civil non puidese atopar o obxecto xa que "non resulta estraño que rodase e desaparecese polo efecto da colisión", lembrando que tampouco os operarios da concesionaria o advertiran porque "era de noite".
A Audiencia conclúe condenando a Audasa a pagar á aseguradora do segundo vehículo sinistrado uns 2.000 euros polos danos que rexistrou e ao condutor e unha acompañante outros mil euros polos prexuízos persoais que sufriron.