Audasa tentou culpar un condutor por bater nunha bicicleta tirada na AP-9 e a xustiza sentencia que a concesionaria debía retirala

Zona da AP-9, no seu treito de circunvalación de Santiago e nas proximidades da saída cara a Ourense, na que un coche chocou cunha bicicleta tirada na calzada © Google

A empresa argumentou na causa que o condutor “debeu esquivar” o obstáculo da calzada pero a Audiencia da Coruña salienta que o sinistro, ocorrido de noite, produciuse mentres a iluminación que había nese treito “estaba apagada”

O 16 de xuño de 2019 un coche que circulaba pola AP-9 no seu treito de circunvalación de Santiago, no punto quilométrico 72, nas proximidades da saída cara a Ourense, chocou contra unha bicicleta que estaba tirada na calzada. Eran as 4.50 da madrugada e “a pesar de que había iluminación artificial, non estaba acesa”

O condutor e o seguro do seu vehículo demandaron á concesionaria da autoestrada, Audasa, e á súa aseguradora, que defenderon que “o condutor debera esquivar” o obstáculo da calzada. Pero a Audiencia Provincial da Coruña vén de sentenciar que non, que a responsabilidade foi de Audasa, nunha nova sentenza que evidencia os reiterados intentos da concesionaria de culpar de accidentes aos condutores tentando eximirse das súas propias neglixencias. 

Sentenza da Audiencia da Coruña que condena a Audasa por un choque cunha bicicleta tirada na calzada da AP-9 CC-BY-SA Praza Pública

Tras o choque contra a bicicleta tirada na calzada da AP-9, o condutor e o seu seguro demandaron a Audasa e a súa aseguradora ante un xulgado de primeira instancia de Santiago que o pasado 3 de marzo deulles a razón e condenou á concesionaria a pagar uns 5.800 euros ao seguro e uns 1.500 euros ao condutor. Audasa e a súa aseguradora recorreron ante a Audiencia da Coruña e esta vén de facer pública nos últimos días a sentenza emitida o pasado outubro na que ratifica a condena a Audasa precisa as datas desde a que tanto a concesionaria como a súa aseguradora terán que pagar xuros.

"Non nos atopamos ante un feito inevitable", di a Audiencia, que considera que a concesionaria non demostrou que adoptase "toda a dilixencia necesaria" para retirar a bicicleta da vía

Na sentenza a Audiencia relata como tras a condena inicial Audasa e a súa aseguradora alegaron “que non son responsables do sinistro porque a caída ou a presenza da bicicleta se produciu inmediatamente antes do accidente e porque o condutor debeu esquivala ao producirse o accidente nun treito con visibilidade”. Baseáronse para iso nun informe emitido pola Axencia Galega de Emerxencias, dependente da Xunta, que segundo as dúas empresas “demostraría que o accidente foi inmediatamente posterior á caída ou presenza da bicicleta sobre a calzada”. Porén, a propia Audiencia di que “este tribunal non comparte dita conclusión” xa que o informe só constata a presenza da bicicleta pero non indica nin a persoa que chamou, nin a hora a que o fixo e “tampouco subministra información algunha sobre o tempo durante o cal a bicicleta estivo tirada na calzada”. 

“En definitiva, non nos atopamos ante un feito inevitable”, di a Audiencia, xa que “a concesionaria demandada non demostrou en que momento apareceu o obstáculo, nin a adopción de toda a dilixencia necesaria para retiralo da vía” e “de feito, nin sequera demostrou o tempo transcorrido desde o aviso e o accidente, cando é evidente que estaba ao seu alcance dita proba”.

Zona arredor do punto quilómetrico 72, en Santiago, na que ocorreu o accidente © Audasa

A Audiencia da Coruña non aprecia conduta imprudente do condutor e di que “é certo que no atestado se fai constar que era un treito recto e que había boa visibilidade, pero tamén se indica que o accidente foi de madrugada (en torno ás 4.50) e que no treito da vía no que se produciu a colisión, a pesar de que había iluminación artificial, non estaba acesa”. A sentenza fai fincapé nese feito e di que “en tales circunstancias, non apreciamos conduta neglixente do condutor porque se trata dunha vía na que se pode circular a unha elevada velocidade e na que, a diferenza doutras, non é esperable atoparse con algún obstáculo na calzada”. E engade que “se a iso se suma o feito de que era de noite e de que a iluminación artificial da vía estaba apagada a nosa valoración non pode ser distinta á realizada” pola sentenza de primeira instancia, que ratifica.

A Xustiza vén rexeitando pretensións de Audasa de aforrarse indemnizacións con argumentos como que as xeadas son imprevistas, que os condutores non usaban luces largas ou que non demostraron que pagaran a peaxe

A sentenza é unha máis das sucesivas condenas que vén recibindo Audasa tras intentar culpar de accidentes aos condutores que os sufriron. A Xustiza vén rexeitando pretensións da concesionaria de aforrarse indemnizacións con argumentos como que as xeadas son imprevistas, que os condutores non usaban luces largas ou que non demostraron que pagaran a peaxe malia estar circulando xa por un treito sometido á mesma. No caso actual a propia Audiencia da Coruña lembra sentenzas súas previas para salientar as obras das concesionaria como "contrapartida á confianza na seguridade e rapidez circulatoria da vía que determina a contratación do uso dos servizos prestados pola concesionaria por parte dos automobilistas que por ela circulan".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.