O tribunal considera probada a “conduta neglixente” da concesionaria nun accidente múltiple por xeo rexistrado en Guísamo en 2010
A propia Audiencia da Coruña xa se pronunciara anteriormente ao analizar os casos doutros usuarios da AP-9 afectados polo mesmo accidente e volve ratificarse case unha década despois dos feitos: O sinistro múltiple ocorrido por xeo sobre a calzada a primeira hora da mañá do 3 de decembro de 2010 no ramal cara a Ferrol, nas proximidades da peaxe de Guísamo, tivo como causa a “conduta neglixente” de Audasa, que tiña en “condicións pésimas” a autoestrada e que terá que indemnizar á aseguradora dun condutor que resultou lesionado medular.
Aquel sinistro derivou en varias causas xudiciais emprendidas por varias das persoas afectadas e as súas aseguradoras. En outubro de 2018 o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Betanzos condenou a Audasa a aboar á aseguradora dun deses condutores os 334.000 euros que custou a atención sanitaria da lesión medular que sufriu, que o deixou tetrapléxico. Audasa recorreu aquela condena e agora, nunha sentenza do pasado decembro que non se divulgara ata estes días, a Audiencia Provincial da Coruña ratifica a condena.
No xuízo Audasa tentou culpar á "condución neglixente" dos accidentados e no recurso alegou que non se acreditara "a relación causal" entre o accidente e a súa actuación, algo que a Audiencia si considera probado
Segundo a primeira sentenza, agora ratificada, aquel accidente múltiple, no que se viron implicados unha quincena de vehículos, foi provocado polo xeo acumulado na estrada, que dificultaba que mesmo os axentes da Garda Civil que acudiron ao lugar se puidesen manter en pé. Estaba activa unha alerta amarela climatolóxica, polo que tanto o primeiro xulgado como agora a Audiencia desbotan o argumento da concesionaria de que a aparición de xeo era imprevisible.
Durante o xuízo Audasa tentou culpar á “condución neglixente” dos propios accidentados, algo que non puido probar. E no seu recurso ante a Audiencia, segundo salienta esta, a concesionaria argumentou que “non quedou acreditada” a súa “conduta neglixente “nin, no seu caso, a relación causal entre o accidente e dita conduta”. Porén, a Audiencia desestímao e considera “acreditada a relación causal existente entre o sinistro” producido “debido ao feito de estar xeada a calzada, co conseguinte resultado danoso, e a actuación neglixente da demandada apelante, ao non realizar todas as labores de mantemento necesarias para evitar o alto risco derivado do estado esvarante da vía”.
A Audiencia lembra que sobre aquel accidente xa se pronunciara ela mesma en similar senso, culpando a Audasa, noutro caso previo doutra persoa afectada, como tamén o fixeron outras sentenzas doutros xulgados inferiores. Naquelas sentenzas, repasadas por Praza.gal no marco dunha ampla análise sobre como Audasa culpa aos condutores para tentar eximirse das súas propias neglixencias na AP-9, os xulgados rexeitaron o intento da concesionaria de evitar a súa propia responsabilidade poñendo en dúbida que os condutores tivesen dereito a reclamar porque non acreditaran o pagamento da peaxe. Porén, a Audiencia da Coruña retrucáralle dicindo que “o feito de que o vehículo circulaba pola autoestrada acredita” por si só a relación contractual entre o usuario e Audasa.