O Goberno galego subcontrata un servizo de apoio na supervisión das concesionarias galegas ao que tamén encargará estudos sobre autoestradas que na actualidade son estatais
A Xunta leva anos pedindo asumir a titularidade e xestión da AP-9, de titularidade estatal, especialmente desde que o Goberno de España está en mans do PSOE. Porén, o Goberno galego carece do persoal necesario mesmo para controlar as súas propias autoestradas, segundo admite agora como xustificación para subcontratar un servizo de supervisión de catro concesionarias de infraestruturas galegas de alta capacidade. Un contrato no que a Xunta vai incluír "traballos relacionados con aspectos implicados na toma de decisións da Xunta de Galicia sobre actuacións concesionais que na actualidade están integradas na Rede de Estradas de titularidade Estatal".
A petición de transferencia da AP-9 a Galicia, respaldada de xeito unánime por PP, BNG e PSdeG, vén sendo bloqueada no Congreso primeiro polo PP e agora polo PSOE con argumentos de todo tipo. Pola súa banda, esa petición de transferencia leva incluída a esixencia de que se faga co traspaso dos medios necesarios para a súa correcta xestión. Pero á espera de que iso se produza a Xunta admite que na actualidade carece de persoal para controlar sequera as súas propias concesionarias.
Así o fai nos pregos de condicións dun concurso que a Axencia Galega de Infraestruturas vén de convocar para contratar un servizo de "apoio na xestión" das concesionarias de varias autoestradas de peaxe directo ou autovías de peaxe en sombra ou con canon por dispoñibilidade: a AG-55 A Coruña-Carballo, a AG-57 Vigo-Val Miñor, a AG-55 da Costa da Morte e a AG-53 Dozón-Ourense xunto co seu ramal AG-54 ao Carballiño.
Segundo a documentación do concurso, "actualmente, a Axencia Galega de Infraestruturas non dispón dos medios humanos necesarios para levar a cabo a citada actuación", para o que quere contratar unha consultora que poña ao seu servizo un mínimo de cinco técnicos de distinto tipo durante catro anos por 625.000 euros, a algo máis de 150.000 euros ao ano.
A consultora subcontratada deberá vixiar as autoestradas A Coruña-Carballo e Vigo-Val Miñor e as autovías con peaxe en sombra da Costa da Morte, Dozón-Ourense e o seu ramal ao Carballiño
O contrato sinala que a supervisión das infraestruturas viarias en réxime de concesión "requiren un control e seguimento especial que conxugue aspectos técnicos, xurídicos, económicos e financeiros ao obxecto de corroborar o axuste ao contrato de concesión ou convenio de xestión". Para iso encargará á empresa subcontratada que revise toda a documentación das concesións, as súas obras, incidencias no seu funcionamento ou mesmo "asistencia a todas as reunións coa Administración, coa sociedade concesionaria ou con terceiros que poidan resultar convintes". A consultora subcontratada mesmo podería ser requirida para estudos concretos "no caso de que durante a execución do contrato se acorde a modificación ou ampliación das vías obxecto de concesión".
A Xunta contempla a posibilidade de que "se acorde a modificación ou ampliación das vías obxecto de concesión"
Pero o servizo que se vai contratar non só vai supervisar as autoestradas que agora son de titularidade da Xunta senón que esta tamén propón "realizar traballos relacionados con aspectos implicados na toma de decisións da Xunta de Galicia sobre actuacións concesionais que na actualidade están integradas na Rede de Estradas de titularidade estatal, así como o seguimento e evolución de convenios e procedementos nos que a Xunta é parte".
Sobre esas actuacións relacionadas con autoestradas estatais, a Xunta podería encargar á consultora que subcontrate "análise da ampliación de descontos ou bonificacións das peaxes ao usuario e o seu impacto nos orzamentos autonómicos", "análise da implementación dun réxime de explotación distinto como por exemplo o canon de demanda ou dispoñibilidade" ou "análise de alternativas para a obtención de recursos orzamentarios para asumir o custo da implantación de medidas no réxime de explotación da vía".