O BNG salienta que sempre estivo á fronte da reinvidicación e PP e PSdeG poñen o foco en que a transferencia da titularidade do Estado á Xunta "non supoña unha carga económica" para Galicia
A finais de 2018, e tras varios anos de veto ao debate por parte do Goberno de Mariano Rajoy, o Congreso dos Deputados admitiu a trámite a petición do Parlamento de Galicia de que a AP-9 agora de titularidade estatal pase a depender da Xunta. Uns meses máis tarde a disolución das Cortes para as eleccións xerais de 2019 pechaba esa tramitación sen acadar ningún resultado.
O Parlamento volveuno a intentar e a comezos de 2021 lograba novamente que o Congreso admitise a trámite unha nova petición. Pero se antes fora o PP quen demorara o inicio da tramitación, no segundo intento, co PSOE controlando a Cámara Baixa, foron sucesivas ampliacións dos prazos de emendas os que fixeron que a cuestión non avanzase e quedase novamente pechada cunha nova disolución das Cortes para as xerais do pasado 23 de xullo.
Neste contexto este martes o Parlamento volveu iniciar a tramitación, novamente por unanimidade, dunha nova proposición de lei para pedir ao Congreso a transferencia da AP-9. Foi nun debate no que PP e PSdeG puxeron o foco en que o traspaso "non supoña unha carga económica" para Galicia e no que o BNG salientou que sempre estivo á fronte da reivindicación.
Á espera do que faga agora o Congreso co texto que lle chegue desde Galicia, o debate deste martes de toma en consideración xirou arredor de dúas proposicións de lei co mesmo fin, unha rexistrada en primeiro lugar polo BNG e outra uns días despois polo PP. O rexeitamento do PP á do BNG fixo que fose a popular a que acabase recollendo o apoio unánime da Cámara galega, non sen debate.
Para o BNG a iniciativa do PP é froito da súa "mala conciencia" por bloquear durante anos que o Congreso puidese sequera debater a cuestión. Pola contra, os nacionalistas lembran que eles sempre impulsaron ou apoiaron todas as iniciativas para lograr que a AP-9 sexa xestionada desde Galicia.
Pola contra, desde o PPdeG o seu portavoz de infraestruturas, José Manuel Balseiro, obviou o bloqueo ao debate imposto polo seu partido ata 2018 e mesmo decisións dos seus gobernos centrais como a recentemente executada prórroga das peaxes ata 2048, decidida por Aznar. "Estamos cansos de ser discriminados tanto na xestión desta infraestrutura, que entendemos debe ser autonómica, como no tratamento das súas peaxes", di agora Balseiro.
O deputado popular puxo o foco na súa intervención en que a transferencia da autoestrada "non supoña unha carga económica para os galegos". Nesa liña, Balseiro salientou que o texto da súa proposición de lei "inclúe catro novos parágrafos para que a transferencia veña acompañada dos recursos necesarios con cargo aos orzamentos xerais do Estado".
Na mesma liña pronunciouse este martes a portavoz de infraestruturas do PSdeG, Patricia Otero, quen reclamou que o traspaso "non supoña unha carga para os galegos e as galegas". A socialista tamén lembrou que "foi o Goberno de Pedro Sánchez o que implantou as bonificacións ás peaxes na AP-9, que tanto PP como BNG rexeitaron ao votar en contra dos Orzamentos Xerais do Estado".