O pasado mes de abril completouse a transferencia á Xunta das competencias en materia de ordenación do litoral, o primeiro traspaso de funcións que recibía Galicia en 17 anos. Este movemento, que seguiu á lea política iniciada pola Lei do Litoral da Xunta recorrida nun primeiro momento polo Goberno central e ao traspaso desta mesma competencia a Canarias (2022) e País Vasco (2024), pode abrir á porta a novos traspasos de competencias nos vindeiros anos.
Varias competencias aínda non traspasadas a Galicia levan tempo sobre a mesa, ben por ter sido xa transferidas a outras comunidades autónomas, ben por ser reivindicadas por algunhas formacións políticas. Nomeadamente o BNG, pero mesmo o PP, que dende o 2009 as inclúe nos seus programas electorais
Algunhas delas levan xa tempo sobre a mesa, ben por ter sido xa transferidas a outras comunidades autónomas, ben por ser reivindicadas por algunhas formacións políticas. Nomeadamente o BNG, que hai dous anos lanzaba a reclamación de 35 novas competencias, unha demanda reiterada hai uns días polo deputado Iago Tabarés.
Pero mesmo o PP inclúe dende o ano 2009 nos seus programas electorais a demanda dun gran número de traspasos de funcións, peticións presentes nos seus programas en 2012, 2016, 2020 e 2024, pero que non se converteron en realidade, malia ocupar os populares o Goberno da Xunta nos últimos 16 anos e o Goberno central entre 2011 e 2018.
Moitos destes traspasos foron mesmo reivindicados a través de acordos parlamentarios que acadaron a unanimidade de todos os grupos da cámara: museos e bibliotecas estatais, arquivos, bolsas de estudo, Inspección de Traballo, servizos meteorolóxicos, sanidade penitenciaria ou as autoestradas AP-9 e AP-53. E algúns mesmo comezaran a ser negociados co Executivo central.
Pode que este sexa o inicio dunha nova xeira de transferencias para Galicia ou de que, cando menos, o tema se sitúe no centro da axenda política galega. Tráfico e Seguridade Viaria, Servizos Meteorolóxicos ou os Servizos Ferroviarios son algunhas das materias con máis posibilidade de ser traspasadas nos vindeiros anos
A ausencia de novas competencias para Galicia en 17 anos coincidiu, é certo, cun período de poucos traspasos de funcións ás comunidades autónomas, despois dun gran desenvolvemento do Estado Autonómico nos anos 80, sobre todo, e tamén nos anos 90 e primeira década do século XX. Fronte aos 1.071 reais decretos de traspasos promulgados entre 1981 e 1990 e aos 576 da década seguinte, entre 2001 e 2010 foron só 239 e entre 2011 e 2020 o seu número limitouse a 40, unha mostra de que o reparto de funcións entre Estado central e Autonomías foise estabilizando co paso dos anos.
Porén, nos últimos anos varias Comunidades Autónomas retomaron as súas trasferencias, como Cataluña (con catro decretos de ampliación de funcións e cesións patrimoniais en 2025), País Vasco (que obtivo as competencias de xestión do litoral e da xestión do tren de proximidade) ou Navarra (que recibiu as materias de tráfico e seguridade viaria ou a de sanidade penitenciaria).
Pode que este sexa o inicio dunha nova xeira de transferencias para Galicia ou de que, cando menos, o tema se sitúe no centro da axenda política galega. Tráfico e Seguridade Viaria, Servizos Meteorolóxicos ou os Servizos Ferroviarios son algunhas das materias con máis posibilidade de ser traspasadas nos vindeiros anos.
Que competencias están sobre a mesa?
Que competencias non ten Galicia e si xestionan outras comunidades autónomas? Unha das diferenzas máis evidentes é a da facenda propia da que gozan País Vasco e Navarra, co Concerto Económico e o Convenio Económico que lles permiten recadar directamente todos os impostos (a través das Deputacións Forais) e cederlle unha parte ao Estado central (o cupo), para pagar polos servizos non transferidos. Estes dous territorios teñen, ademais, máis autonomía para regular tributos. Nos últimos meses o BNG redobrou a reivindicacións do establecemento dun concerto económico para Galicia, semellante ao vasco e navarro.
O BNG fai fincapé no traspaso das competencias de Tráfico e Seguridade Viaria, unha materia cuxa negociación co Goberno central mesmo chegara a comezar hai dúas décadas
A outra diferenza, moi visible, parece en materia de seguridade: Cataluña, Euskadi e Navarra contan con corpos policiais propios (Mossos d'Esquadra, Ertzaintza e Policía Foral) con amplas funcións. A Policía Autónoma de Galicia, un corpo adscrito á Policía Nacional creado en 1991, pero ten moi escasas responsabilidades. Aínda este ano o PP rexeitou unha proposta para cumprir a Lei da Policía Galega e solicitar as competencias de tráfico, que asumiría este corpo propio, creado por Fraga e agora rexeitado polos populares.
Aínda a pasada semana o BNG reclamou á Xunta que retome as negociacións co Estado central para acadar unha serie de novas transferencias para Galicia. O Bloque, a través do seu deputado Iago Tabarés, fixo fincapé, por exemplo, no traspaso das competencias de Tráfico e Seguridade Viaria, unha materia cuxa negociación co Goberno central mesmo chegara a comezar hai dúas décadas.
Tabarés destacou a importancia de xestionar directamente esta materia, dada a gran cantidade de quilómetros de estradas existentes en Galicia e da complexa orografía do territorio galego. O deputado nacionalista lembrou que Galicia é "a cuarta comunidade en número de mortos en accidentes de circulación e a segunda en accidentes con animais”. Cómpre salientar que o País Vasco conta con esta competencia dende o ano 2004, Catalunya dende o 2010 e Navarra dende o 2023.
O BNG, pero tamén o PP, reclaman para Galicia as competencias de Servizos Meteorolóxicos, na actualidade xestionadas pola AEMET, o que permitiría crear en Galicia unha axencia con competencias plenas neste ámbito
Hai outras competencias e funcións que tamén son de xestión propia en Cataluña e Euskadi e das que a Xunta carece. É o caso dos ferrocarrís de proximidade (Rodalies en Cataluña, EuskoTren no País Vasco), que permiten que os respectivos Gobernos autonómicos xestionen directamente este servizo (a infraestrutura, iso si, non está transferida) que en Galicia, directamente, non existe, independentemente de quen o xestione.
Outra das competencias que o BNG leva tempo reivindicando para Galicia é a de Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación Mariña, unha demanda que se intensificou despois do accidente do Prestige e que adoita reaparecer nos aniversarios da catátrofe e tamén cando se producen novos accidentes, coma o episodio dos pellets do pasado ano.
Na súa intervención da pasada semana, Iago Tabarés reclamou tamén para Galicia as competencias de Servizos Meteorolóxicos, na actualidade xestionadas pola AEMET, o que permitiría crear en Galicia unha axencia con competencias plenas neste ámbito, que se ocuparía da xestión das alertas e emerxencias. O mes pasado o BNG presentou no Parlamento unha iniciativa lexislativa para pedir no Congreso esta transferencia e que contou co rexeitamento do PP que, con todo, manifesta a súa "vontade" de solicitar a transferencia dos servizos de meteoroloxía, "que se recollerán na futura Lei do Clima", indica a formación.
Outra das competencias que se leva tempo reivindicando para Galicia é a de Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación Mariña, unha demanda que se intensificou despois do accidente do Prestige e que adoita reaparecer nos aniversarios da catátrofe e tamén cando se producen novos accidentes
O BNG reclama tamén as competencias en Inspección Laboral, unha materia que considera de grande importancia, dado que as taxas de sinistralidade laboral en Galicia "seguen a ser das máis altas do Estado". E, igualmente, demanda a trasferencia da materia de inmigración -en medio das polémicas negociacións entre o Goberno central e Junts-, que inclúe a xestión de autorizacións de traballo ou das políticas de integración.
Outro dos ámbitos nos que Cataluña e País Vasco contan con competencias máis desenvolvidas que Galicia é o xudicial. Cataluña ten competencias delegadas na organización territorial dos xulgados e, neste senso, o BNG reclama as competencias en materia de planta de demarcación xudicial e pon como exemplo desta necesidade a recente creación por parte do Estado central de unidades xudiciais de violencia contra a muller en Vigo ou na Coruña pero a costa de perder un xulgado de instrución, o que supuxo “vestir un santo para espir outro”, en palabras de Tabarés.
Outra das materias cuxo traspaso se vén reivindicando dende Galicia é o da xestión dos portos e aeroportos de interese xeral, unha competencia á que nin sequera Cataluña ou Euskadi accederon. Galicia si conta coa xestión dos portos de menor entidade (a través de Portos de Galicia) e algunhas comunidades xestionan algúns aeródromos ou accederon a través de distintas vías a fórmulas de xestión compartida nalgúns servizos emprestados en aeroportos de pequeno tamaño, coma os de Vitoria-Gasteiz, Pamplona ou Sabadell. Esta cesión por parte do Estado semella das máis difíciles.
Entre as materias que tamén se reclaman está a xestión do Ingreso Mínimo Vital ou das vivendas que a Sareb posúe en Galicia, ao igual que a xestión das autoestradas AP-9 e AP-53
O Bloque reclamou nos últimos ano igualmente a xestión das bolsas e axudas ao estudo (unha competencia traspasada recentemente a Cataluña) ou a transferencia dos centros de investigación de titularidade estatal con sede en Galicia. A formación nacionalista ten tamén reclamado a transferencia da competencia da xestión da redes básicas de gas, a supervisión e control de refinerías e almacéns de hidrocarburos. E, igualmente, reclama que a Xunta conte con competencias plenas para autorizar ou rexeitar todos os proxectos de produción de enerxía que se sitúen en territorio galego
O BNG reivindica así mesmo o traspaso a Galicia da xestión das institucións penitenciarias, nomeadamente da materia de saúde penitenciaria, un ambito sobre o que o País Vasco si dispón de xestión directa. Igualmente, reclama o traspaso da formación ocupacional, os servizos sanitarios e a asistencia a traballadores do mar e de materias coma a inspección pesquiera, os seguros agrarios ou a xestión dos Paradores de turismo.
Entre as materias que tamén se reclaman está a xestión do Ingreso Mínimo Vital ou das vivendas que a Sareb posúe en Galicia, ao igual que a xestión das autoestradas AP-9 e AP-53.
Os ritmos de desenvolvemento do Estado autonómico
O Estado autonómico nunca foi homoxéneo nin uniforme, malia os intentos de uniformizar e harmonizar o desenvolvemento estatutario, a través da política do "café para todos" introducida polo ministro de UCD Manuel Clavero e da LOHAPA (Ley Orgánica de Harmonización do Proceso Autonómico) de 1983. A Constitución española de 1978, que introduce os conceptos separados de "nacionalidades e rexións" (artigo 2), establece na súa Disposición Transitoria Segunda o acceso "inmediato" á autonomía aos "os territorios que no pasado plebiscitaron afirmativamente proxectos de Estatuto de autonomía", isto é, Catalunya, Euskadi e Galicia.
E, de feito, foron estes os únicos territorios que accederon pola vía rápida ao seu autogoberno, ademais de Andalucía, que accedeu a esta vía rápida a través da mobilización popular e un referendo. Posteriormente, iso si, tamén a Comunidade Valenciana, Aragón, Baleares e Canarias se autodefiniron nos seus Estatutos de Autonomía como "nacionalidade histórica".

Nos 80 todas as comunidades recibiron un gran bloque de competencias de enorme entidade orzamentaria, como sanidade ou educación. Nos 90 comezou unha segunda fase de transferencias e o terceiro impulso descentralizador chegou a mediados da primeira década deste século. Agora pode estar a comezar unha nova xeira
O Estatuto de Autonomía de Galicia foi o terceiro en entrar en vigor, en abril de 1981, sucedendo aos de Cataluña e País Vasco (decembro de 1979) e anticipándose aos de Andalucía, Asturias e Cantabria (decembro de 1981) e aos das rexións restantes, que promulgaron os seus textos autonómicos en 1982 e 1983. Porén, ata 1981 Galicia apenas recibira catro competencias estatais menores, mentres que Cataluña e País Vasco comezaran a construír o seu poder autonómico con moita máis velocidade e mesmo o ente preautonómico andaluz recibiu en 1981, antes que Galicia, o primeiro gran bloque de transferencias, que incluía por exemplo as competencias de sanidade, industria ou agricultura e pesca, que a Xunta non tivo ata 1982.
Con todo, especialmente nos catro anos seguintes, entre 1982 e 1985, Galicia levou a cabo un desenvolvemento acelerado do seu poder autonómico, recibindo neses período un total de 68 transferencias de competencias.
Na década dos 80 todas as comunidades autónomas recibiron un gran bloque de competencias de enorme entidade orzamentaria, como sanidade ou educación, ademais doutras de grande importancia política e de xestión, como cultura, industria, agricultura e pesca ou transportes. Primeiro Cataluña e Euskadi, despois Galicia e Andalucía e posteriormente todas as demais, foron dotándose deste corpus competencial.
Despois dun período de grande estabilidade, entre 1987 e 1993, sen apenas traspasos de competencias do Estado central ás autonomías, nos anos 90 comezou unha segunda fase de transferencias, nas que as comunidades autónomas de dotaron dalgunhas competencias adicionais, de menor importancia, ou que serviron para completar áreas de competencia xa existentes. Por exemplo, Galicia recibiu 16 novas competencias entre 1994 e 1995, no derradeiro Goberno de Felipe González, e outras 30 entre 1996 e 1999, no primeiro Executivo de Aznar.
O terceiro impulso descentralizador chegou a mediados da primeira década deste século, momento ademais no que Cataluña, Andalucía, Comunidade Valenciana, Aragón, Illas Baleares e Castela e León reformaron os seus estatutos de autonomía. Unha reforma que tamén estivo sobre a mesa en Galicia, aínda que finalmente non chegou a ver a luz. Aínda así, tanto na derradeira lexislatura de Fraga como presidente da Xunta coma no período de goberno de coalición de PSdeG e BNG chegaron novas competencias para a autonomía galega.
Nos últimos anos estamos a asistir a un novo impulso á descentralización política do Estado español, con varios traspasos de competencias a Canarias, Navarra, Euskadi, Cataluña e agora Galicia.