O BNG sitúa a vivenda, a planificación eólica, o concerto económico e a loita contra Altri como prioridades para o 2025

Foto de familia das e dos integrantes do Consello Nacional do BNG na primeira xuntanza tras a XVIII asemblea © BNG

O BNG celebrou este sábado a primeira xuntanza do seu Consello Nacional tras a XVIII asemblea da formación, un encontro que o Bloque aproveitou para fixar as "prioridades" de cara ao inicio do ano

O BNG celebrou este sábado a primeira xuntanza do seu Consello Nacional tras a XVIII asemblea da formación, un encontro que o Bloque aproveitou para fixar as "prioridades" de cara ao inicio do ano. Vivenda, planificación eólica, defensa dos dereitos sociais, a loita contra Altri ou "reverter a crítica situación do galego" están entre elas, o mesmo que a defensa do concerto económico para Galicia.

Neste senso, a portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG proporá reformar o Estatuto de autonomía para incluír o concerto económico "e permitir que Galiza teña a chave dos seus cartos, como xa ten Euskadi e Navarra e como xa negocia Catalunya". Un grupo de expertos será o encargado de redactar unha alternativa de reforma e "darlle a Galiza o financiamento que se merece".

Ana Pontón, líder do BNG © BNG

O BNG proporá reformar o Estatuto de autonomía para incluír o concerto económico

Pontón destacou que o BNG está "no seu mellor momento para lograr o obxectivo que marcou a militancia na cita de decembro: liderar Galiza". A líder do Bloque lembrou que o grande obxectivo da formación é “Gobernar para frear a destrución que o PP está a provocar, gobernar desde a confianza e desde o orgullo de saber que somos un gran País”.

 

A vivenda, prioridade para 2025

A vivenda será outro dos puntos clave da formación soberanista durante os vindeiros meses. Neste senso, Pontón subliñou que “é urxente que a vivenda volva ser un dereito das persoas para desenvolver dignamente as súas vidas”. Esta mesma semana a líder do BNG presentou as tres liñas de actuación nesta materia: aumentar o parque de vivenda protexida que darlle ter esa cualificación a perpetuidade; intervir no mercado para limitar prezos e unha rede social que evite que ningunha persoa quede na rúa.

O BNG propón aumentar o parque de vivenda protexida, darlle ter esa cualificación a perpetuidade. intervir no mercado para limitar prezos e crear unha rede social que evite que ningunha persoa quede na rúa

O pasado xoves Pontón destacou que “as propostas do goberno alternativo do BNG teñen como obxectivo alcanzar as 16.000 vivendas públicas en dúas lexislaturas”, unha cifra que incluiría tanto vivenda de nova construción promovida pola Xunta como a mobilización de inmobles baleiros. Pontón defendeu ademais que a cualificación de protexida sexa permanente tanto no caso dos pisos de promoción pública como privada, pois iso “permitiría incrementar progresivamente o número de vivendas que quedan fora de especulación". 

A terceira gran liña de traballo do Bloque en materia de vivenda ten por obxectivo garantir que “ninguén pase polo drama de quedar na rúa, desaloxado por impagos ou por incapacidade de facer fronte ao alugueiro”. Para iso o BNG propón unha prestación de prevención de perda da vivenda, unha rede de oficinas de vivenda que oriente ás familias, un programa de axudas ao alugueiro “reforzado e mellorado” e un plan contra a exclusión residencia que atenda ás situacións máis graves.

Xuntanza do Grupo parlamentario do BNG, esta semana © BNG

Pontón chamou tamén a apostar pola enerxía eólica "pero cunha planificación a favor deste País e da súa xente, en función dos intereses das familias, da clase traballadora, das pequenas e medianas empresas”.

Outra das prioridades do BNG será "frear a bomba ambiental de ALTRI", porque a política industrial "non pode consistir en cargarse miles de empregos na terra e no mar colocando no noso rural a macrocelulosa que non quere Portugal”, sinalou Pontón.

A portavoz nacional chamou tamén a apostar pola enerxía eólica "pero cunha planificación a favor deste País e da súa xente, en función dos intereses das familias, da clase traballadora, das pequenas e medianas empresas”.

Entre as urxencias do traballo político do BNG está tamén "reverter a crítica situación do galego"

Entre as urxencias do traballo político do BNG está tamén "reverter a crítica situación do galego". Para iso hai que actuar "de inmediato" e “non dentro de quince meses”, subliñou Pontón, que reclamou "derrogar o decreto da vergoña tras constatar que a xeración educada integramente baixo ese decreto é a que menos coñecemento ten do galego de toda a historia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.