A finais de 2006, o Goberno galego da coalición de PSdeG e BNG rexistrou no Parlamento o proxecto de Lei de Policía de Galicia. Estaba encamiñada a despregar unha policía galega integral abeiradas nas competencias do Estatuto de Autonomía de 1981 (artigo 27), unha vez descarrilada a reforma do seu texto.
No trámite parlamentario da vixente Lei de Policía de Galicia (2007), o PP formulou unha emenda que mudaba diversos aspectos, pero que mantiña intacta a competencia de "vixilancia e control do tráfico en vías interurbanas" para o novo corpo policial galego
En febreiro de 2007, os grupos parlamentarios formularon as súas emendas ao texto. No caso do PP, foi unha emenda á totalidade que sustentaba máis en aspectos de forma que de fondo. Consideraban un retroceso, argumentaban os conservadores, que o Goberno tramitase unha lei de Policía de Galicia e, por separado, outra de coordinación das policías locais. Por iso formulaban un texto alternativo baseado nos plans que manexara o Executivo de Fraga.
Aquela proposta dos conservadores difería da defendida por PSdeG e BNG en diversos puntos, pero non nun aspecto clave: as competencias da futura Policía galega. Así, no seu artigo 10, sinalaba que a Policía galega tería entre as súas funcións as encomendadas pola lexislación estatal ás policías autonómicas, mais tamén outras transferidas "logo de acordo co Goberno do Estado". Estas eran a "vixilancia e control do tráfico en vías interurbanas", e funcións de policía xudicial para, "entre outros", ámbitos de "violencia intrafamiliar e protección de menores, seguridade cidadá" e "aqueloutras que poidan ser obxecto de transferencia".
A proposta do PP non saíra adiante porque o texto aprobado fora o defendido polos grupos que daquela sustentaban o Goberno. A lei quedou daprobada en 2007 e nela, a Policía galega tiña, entre outras, as funcións de "vixilancia e control do tráfico nas vías interurbanas", isto é, exactamente as mesmas que lle atribuía a proposta do PP neste eido.
En 2008, o Parlamento aprobou por unanimidade pedir ao Estado as competencias de tráfico, que implicarían despregar a Policía galega. A iniciativa naufragou ao chegar ao Congreso
Ao ano seguinte, o Parlamento aprobaba por unanimidade iniciar o proceso para reclamar ao Estado as competencias de tráfico. A proposta chegou en 2010 ao Congreso, onde naufragou por mor do "non" do PSOE e tamén pola abstención dun PP que daquela tiña votos dabondo para desequilibrar a balanza se optase polo "si".
Cando se constatou aquel fracaso, Alberto Núñez Feijóo levaba pouco máis dun ano na presidencia da Xunta. Na seguinte década, a demanda do traspaso das competencias de tráfico en particular e o proxecto da Policía galega en xeral permaneceron conxelados, intactos. Pero a principios de 2019, poucos meses despois de que o PSOE retornase ao poder no Estado a través da moción de censura que levou á presidencia a Pedro Sánchez, o PP galego dixo estar disposto a volver a reclamalas e propiciouno absténdose ante unha proposición de lei formulada polo PSdeG neste sentido.
Aquela proposta de 2019 decaeu pola fin da lexislatura galega. Neste 2021, a iniciativa volveu ao Parlamento en termos moi semellantes, pero a través do BNG. O PP volveuse abster, permitindo volver iniciar o debate. No entanto, dous días despois, os de Feijóo comezaron a matizar a súa postura. No medio dun crecente balbordo nas redes sociais por parte dalgunhas asociacións de gardas civís, o PP de Galicia proclamaba que "en ningún caso" vai permitir que a Policía galega regulada por lei dende 2007 asuma o control do tráfico en Galicia.
Neste 2021, o PP volveu permitir tramitar a petición do traspaso do tráfico e, apenas dous días despois, desculpouse ante organizacións de gardas civís asegurando que a Xunta non aceptará a competencia se implica que a exerza a Policía galega
Esas críticas de organizacións do Instituto Armado foron subindo de ton nos seguintes días, axitadas tamén no ámbito estatal polo partido de extrema dereita Vox, formación con fluídas relacións nos últimos anos con algúns deses sindicatos policiais. Neste contexto, o pasado 10 de maio o PP recibiu na sede do Parlamento de Galicia a representantes de gardas civís para asegurarlles que a Xunta, mentres siga nas súas mans, en ningún caso quererá as competencias de tráfico se non as exerce a Garda Civil.
Con gardas reuníronse algúns dos perfís do partido máis duros neste eido: o secretario xeral, Miguel Tellado, a deputada no Parlamento Paula Prado e a deputada no Congreso Ana Vázquez Blanco. Foron os encargados de garantir a renuncia ao despregamento da Policía galega nos termos que o propio PP si defendía con normalidade hai década e media. Esta postura era ratificada ao día seguinte no pleno da Cámara pola deputada Paula Prado. No transcurso dun debate formulado polo BNG para reclamar do Estado competencias pendentes -as contempladas polo Estatuto de 1981-, Prado reiteraba a renuncia porque, mantivo, Galicia non se "entende" sen a Garda Civil. No transcurso do debate, tamén vinculou ao Bloque con ETA.