Os populares queren “incluso máis Garda Civil” e consideran “prematuro” dicir se van derrogar ou modificar a lei que desde 2007 prevé que a Policía de Galicia se encargue da “vixilancia e control do tráfico”
En 2007 o Parlamento de Galicia aprobou a Lei de Policía de Galicia que entre outras cuestións atribúe a ese corpo a “vixilancia e control do tráfico nas vías interurbanas” da comunidade. Esa competencia quedou pendente tanto dun posterior desenvolvemento da propia lei que nunca se chegou a concretar coa posta en marcha dese novo corpo, como na transferencia a Galicia das competencias sobre o tráfico.
Hai dúas semanas o Parlamento aceptou comezar a tramitar novamente, como xa fixera en 2008 cando o proceso foi bloqueado polo Congreso, unha proposta do BNG para reclamar ao Estado esa transferencia, o que suscitou críticas por parte especialmente da Asociación Pro Guardia Civil, que puxo o foco en que o PP permitise coa súa abstención que se poida sequera debater sobre a cuestión na Cámara galega. Este luns deputados e deputadas do PP reuníronse con "21 representantes da Garda Civil pertencentes a 10 colectivos de axentes" para garantirlles que, malia non vetar a proposta do BNG, a transferencia da xestión do tráfico non é prioritaria e que, no caso de lograrse, non implicaría unha redución de axentes da Garda Civil. Malia que a lei galega di que a vixilancia do tráfico sería competencia da Policía de Galicia, o PP considera “prematuro” dicir se habería que derrogar ou modificar esa norma.
A reunión entre os populares e a asociación de gardas civís produciuse este luns sen que o PP informase dela na súa axenda pública, como si fai con outros encontros con todo tipo de colectivos. Transcendeu ao revelar a asociación a convocatoria nas súas redes sociais, o que xerou un intercambio de comentarios no que se amosaron especialmente activos varios deputados do PP. A portavoz en materia de interior do PP no Congreso dos Deputados, a galega Ana Vázquez Blanco, asegurou que “xamais imos botar a Garda Civil de Galicia, queremos incluso máis Garda Civil”.
En similar liña se expresou a deputada no Parlamento de Galicia Paula Prado, quen dixo que “en ningún caso queremos que a Garda Civil se vaia de Galicia, queremos as competencias administrativas de tráfico contando coa benemérita. Galicia non é Navarra e o PPdeG demostrou sobradamente a nosa querencia polo corpo”. Pola súa banda, o tamén deputado no Hórreo Alberto Pazos Couñago chegou a asegurar que “a Lei de Policía de Galicia xa está desenvolvida e contempla a coordinación con Policía Nacional e Garda Civil” e non foi impedimento ata agora “para que a Garda Civil continuase exercendo o seu labor en Galicia”.
"Que será o seguinte? Crear embaixadas galegas?", critica unha asociación de gardas civís despois de que a Xunta financiase durante anos oficinas no exterior cuxa xestión entregou á patronal galega sen que esta xustificase gastos
Tras o encontro, a asociación divulgou un comunicado no que asegura sobre o comezo da tramitación da petición das competencias de tráfico, aprobada grazas á abstención do PP, cuxo voto en contra a tombaría, que “apoiala directa ou indirectamente é unha falta de respecto aos cidadáns, pois é unha proposta cun baleiro, e unha falta de fundamentación enorme”. No seu comunicado a asociación advirte do custe que tería a medida e chega a relacionala coa proposta enviada á UE e aínda non concretada por parte do Goberno central de cobrar a algúns vehículos por circular por autovías.
“Esperemos que o diñeiro que nos van cobrar por circular polas autovías e estradas non se destine a aumentar con gastos innecesarios o xa xigantesto déficit. Que será o seguinte? Crear embaixadas galegas?”, di a asociación, despois de que durante anos a Xunta financiase con cartos públicos en parte non xustificados oficinas no exterior cuxa xestión entregou á patronal galega.
O portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, non considera a transferencia como a primeira das prioridades pero di que “as competencias que poidan ser exercidas de forma máis eficientes desde as comunidades deben ser transferidas”
“Non estamos dispostos a asumir as competencias administrativas de Tráfico se iso supón prescindir do labor que realiza a Garda Civil”, valorou tamén tras o encontro o número dous do PP galego, o seu secretario xeral Miguel Tellado.
Pola súa banda, o portavoz dos populares no Parlamento, Pedro Puy, insistiu en que “as competencias que poidan ser exercidas de forma máis eficientes desde as comunidades deben ser transferidas”, e puxo como exemplo “o enterro cuxo cortexo pode atravesar varios concellos e mesmo provincias e pode provocar problemas de tráfico por falta de coordinación”. Porén, a continuación matizou que “hai unha orde de prioridades” e “dentro desas prioridades non é a primeira a transferencia de tráfico”.
Dado que a Lei de Policía de Galicia atribúe a ese corpo a vixilancia e control do tráfico en Galicia cando a competencia estea transferida, Puy foi preguntado sobre se os populares prevén derrogar ou reformar esa norma de 2007 actualmente en vigor. “A eventual transferencia aínda ten un longo percorrido” de tramitación, dixo, e “mentres non haxa un plantexamento máis avanzado é prematuro facer calquera previsión”.