Feijóo volve contemplar delegacións da Xunta no exterior “a través dos empresarios” tras o fracaso do modelo polos gastos sen xustificar

Feijóo nun acto en 2014 da rede de oficinas de internacionalización cuxa xestión encargou á patronal galega CC-BY-SA Xunta de Galicia

Hai un ano a xustiza obrigaba á Confederación de Empresarios a devolver medio millón de euros, en parte gastados en “obsequios” nas embaixadas económicas que o Goberno galego lle encargara xestionar en 2010

Hai un ano a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) era obrigada pola xustiza a devolver á Xunta medio millón de euros que gastara sen xustificar na rede de embaixadas económicas que o Goberno de Feijóo lle encomendara xestionar en 2010. Era a constatación xudicial do fracaso da denominada rede de Plataformas Empresariais no Exterior de Galicia (Pexga), coa que a Xunta deixou a internacionalización da economía galega nas mans dos propios empresarios. O pasado xoves, ao anunciar o inicio da tramitación da primeira Lei de Acción Exterior de Galicia, o propio Feijóo dicía que “o Goberno galego vai seguir abrindo delegacións ou oficinas a través dos empresarios ou de forma directa a través do Igape”, o instituto de promoción económica da Xunta que ten as competencias sobre elas.

Feijóo, na oficina de México D.F. © Xunta

En 2013 a Xunta aseguraba que as oficinas que lle pagaba á patronal no exterior estaban a funcionar con "criterios de máxima eficiencia para procurar facilitar os servizos e apoios en destino previstos cos menores custos posibles"

O primeiro Goberno de Feijóo á fronte da Xunta puxo en marcha, a través do Igape, aquela rede Pexga poñendo a disposición dos empresarios só entre 2010 e 2013 ata 18 millóns de euros para que estes abrisen oficinas en Colombia, México, Arxentina, Brasil, Francia, Reino Unido, Rusia, China, Alemaña, Estados Unidos, Marrocos e Turquía. O Goberno galego negouse a detallar cantos deses 18 millóns se gastaran realmente. Pero nun balance do traballo desa rede feito en 2013 nunha resposta a unha pregunta parlamentaria do BNG a Xunta aseguraba que esas oficinas no exterior estaban a traballar con "criterios de máxima eficiencia para procurar facilitar os servizos e apoios en destino previstos cos menores custos posibles". 

Pero non foi así. Ao tempo que a CEG afondaba nos últimos anos na súa propia crise económica e institucional, a rede Pexga e as relacións da patronal coa Xunta foron deteriorándose, e o Goberno galego foi rebaixando progresivamente a súa achega económica anual ata o punto de que en marzo de 2016 a Xunta esixiu o reintegro de diversos gastos que consideraba inxustificados. A CEG recorreu pero hai agora un ano a xustiza deu a razón ao Goberno galego e obrigouna a reintegrar arredor de medio millón de euros argumentando que os empresarios non foran quen de xustificar a necesidade deses gastos decididos por eles de xeito “unilateral” sen contar coa Xunta. Entre outras cuestións, a sentenza dicía, sobre o gasto en “obsequios” por parte da patronal a través da rede Pexga, que “pese ao esforzo realizado, non se xustifica que foran precisos nin necesarios para a consecución dos obxectivos e finalidade do convenio” entre o Igape e a CEG que puxo en marcha aquelas oficinas internacionais.

Fragmento da sentenza que obrigou á patronal a devolver cartos á Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Feijóo matiza que as oficinas que siga permitindo a nova lei de acción exterior serán "de carácter económico, non embaixadas"

Agora, un ano despois daquela constatación xudicial do mal funcionamento dunhas oficinas que a Xunta presentaba como exemplo de eficiencia, Feijóo volve contemplar a posibilidade de “seguir abrindo delegacións ou oficinas a través dos empresarios”. Faino ao tempo que, segundo insistiu en varias ocasións durante a súa intervención e co conflito catalán de fondo, a nova lei de acción exterior estará consensuada co Estado e esas delegacións serán “oficinas de carácter económico, non embaixadas” que “previamente se notificarán ao Goberno central”. Porén, a Xunta si ten delegacións da propia administración en Bos Aires e Montevideo, as dúas creadas durante o bipartito en 2007 e 2008 pero mantidas por Feijóo con delegados con rango político á súa fronte e denominadas “administración exterior”. 

A nova lei de acción exterior, por outra banda, chega, ao contrario do que adoita ser habitual, despois da aprobación hai tres anos por parte da propia Xunta dun decreto, de inferior rango legal, para regular esa área para a que a oposición reclamaba unha lei.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.