O Goberno galego asume a reclamación de PSdeG e BNG de dar rango legal ás relacións internacionais galegas
O presidente Feijóo anunciou o pasado xoves que traballa na elaboración dunha Lei reguladora da Acción Exterior de Galicia, un texto co máis elevado rango legal para impulsar as relacións internacionais galegas, que ata agora dependían de normativa cun nivel inferior, a través dun decreto, aprobado a finais de 2015. O Goberno galego asume así unha petición reiterada tanto por parte de PSdeG e BNG como de distintos actores do sector.
En 2014 o Goberno central de Mariano Rajoy impuxo ás comunidades autónomas unha lei estatal de acción exterior para acoutar as súas competencias nun eido que ata daquela se movera na ambigüidade. Un control estatal que chegaba en medio de sucesivas polémicas pola suposta proliferación de embaixadas autonómicas no exterior. Fronte a enfoques máis políticos doutras autonomías ou mesmo de anteriores gobernos galegos desde a época de Fraga, a Xunta optou por orientar as súas oficinas internacionais ao ámbito económico, entregándoas ao control da patronal, un proxecto que fracasou e no que a Confederación de Empresarios acabou sendo obrigada a devolver medio millón de euros de gastos inxustificados.
A Xunta vén centrando a acción exterior galega no eido da internacionalización empresarial fronte a outros ámbitos
No ronsel daquela intensificación do control estatal da acción exterior autonómica, a Xunta aprobou a finais de 2015 un decreto regulador do sector que establecía a posterior elaboración dunha Estratexia Galega de Acción Exterior (Egaex). Esa estratexia foi debatida co sector e a oposición durante 2017 e aprobada a finais daquel ano. Durante aqueles debates, PSdeG e BNG reiteraron a necesidade de que a acción exterior galega estivese regulada cunha lei e non só cun decreto e, malia que a Xunta non o incluíu na súa proposta de estratexia, acabaron logrando o compromiso do director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, de impulsar un texto legal.
Nos meses seguintes nada se volveu saber desa lei de acción exterior. O Plan Anual Normativo para 2018, o documento no que a Xunta fai públicas as súas previsións de novas leis, non reflectía nada a respecto desa norma. Porén, a comezos deste 2019 a Xunta reactivou a iniciativa e pediu a diversas entidades do sector que lle achegasen as súas propostas para ese texto legal.
Agora é o propio Feijóo o que verbaliza en público o compromiso de impulsar esa lei de acción exterior. Fíxoo este xoves en Vigo nun acto de homenaxe co corpo consular desa cidade e cun discurso que volveu incidir no ámbito económico da acción exterior. Segundo dixo, a nova norma “contribuirá á internacionalización das empresas, incentivando a súa saída ao exterior e captando investimentos”. A lei, engadiu, concretará os principais ámbitos de actuación da estratexia de acción exterior: “a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal; o apoio da Comunidade ao proceso de integración europea; o contrapeso ao eixe Mediterráneo, que contribúe ao equilibrio territorial de España, así como a aposta polas relacións comerciais con Xapón e cos países árabes. Ademais da achega á acción exterior española no que se refire á África lusófona, entre outros aspectos”.