A loita contra o acoso laboral na Xunta, cuestionada de novo pola xustiza

Oficinas da Consellería de Educación CC-BY-SA Xunta de Galicia

Un xulgado obriga a reabrir un caso pechado por Educación sen convocar o preceptivo comité de intervención e desmonta o intento do Goberno galego de restrinxir a quen protexe o seu protocolo contra o acoso

Hai tempo que a Valedora do Pobo vén criticando o "lamentablemente recorrente" problema do acoso laboral en toda a Xunta. Pero nos seus dous últimos informes anuais puxo o foco no ámbito da Educación, constatando que os seus profesionais seguían a carecer dun protocolo específico e mesmo revelando un caso arquivado sen escoitar á persoa afectada. 

Agora é un xulgado de Vigo o que obriga á mesma Consellería de Educación a reabrir un caso que pechou sen convocar o preceptivo comité de intervención, no que deben participan representantes sindicais. Unha sentenza que tamén desmonta o intento do Goberno galego de restrinxir ao persoal da administración xeral o seu protocolo de loita contra o acoso, deixando fóra aos profesionais do ensino. 

O conselleiro de Educación ante un 'punto laranxa' de denuncia de acoso escolar nun centro educativo galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

Como vén contando Praza.gal desde hai anos, a Xunta non se dotou do seu primeiro protocolo de loita contra o acoso laboral ata 2016, pero restrinxiuno á administración xeral, deixando fóra entre outros o persoal de Educación ou o de Xustiza, este último cun procedemento específico só desde pasado abril de 2023. En Sanidade hai diversos protocolos, plans de acción e documentos contra a violencia laboral de todo tipo, pero o pasado ano unha sentenza deixou en evidencia as súas eivas cun caso de acoso constatado pola xustiza no que nin sequera se puxera en marcha o procedemento administrativo.

Agora unha sentenza emitida por un xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo non entra a valorar se o caso denunciado é ou non acoso laboral. A resolución xudicial mesmo di que a Consellería de Educación, a través da inspección educativa, realizou "dilixencias de investigación, completas, debidamente documentadas" que a levaron a arquivar o caso. Pero a sentenza invalida o procedemento seguido. 

Sentenza que rexeita que o protocolo contra o acoso laboral da Xunta non se poida aplicar ao persoal de Educación, como pretendía o Goberno galego CC-BY-SA Praza Pública

O xuíz di que lle "chamou a atención" que "de existir un protocolo de actuación [contra o acoso laboral] o seu ámbito de aplicación exclúa á maior parte do sector público autonómico"

A sentenza comeza desmontando a afirmación da Xunta de que "o comité de intervención previsto no Protocolo da Xunta de Galicia de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo só resulta de aplicación ao persoal funcionario ou laboral dentro do ámbito de xestión da Dirección Xeral da Función Pública, quedando excluídos do seu ámbito o persoal sanitario, docente e da administración de xustiza". O xuíz di que lle "chamou a atención" que "de existir un protocolo de actuación [...] o seu ámbito de aplicación exclúa á maior parte do sector público autonómico". E nega esa posibilidade dicindo que o protocolo xeral contra o acoso laboral "comprende todos os empregados públicos da administración autonómica".

A sentenza salienta que a denuncia formulada pola traballadora afectada "invocaba expresamente este protocolo", e nel se establece como "indispensable" a actuación dun comité de intervención, do que forman parte os sindicatos e que é o competente para investigar as denuncias e en última instancia é "indispensable" para acordar o arquivo dun caso.

Sala de vistas na sede do Tribunal Superior de Xustiza © TSXG

Por parte da Xunta "abeirouse deliberada pero indebidamente o protocolo que ela mesma se ditou, non se seguiron as súas determinacións"

Porén, di o xuíz, por parte da Xunta "abeirouse deliberada pero indebidamente o protocolo que ela mesma se ditou ao efecto, respecto de situacións como a denunciada, non se seguiron as súas determinacións". Así que o xuíz condena á Xunta á "retroacción das actuacións ao momento inmediatamente posterior á presentación da denuncia" por parte da afectada para que esta sexa tratada de acordo co protocolo xeral contra o acoso que o Goberno galego non quería aplicar ao persoal de Educación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.