Luckia é condenada a indemnizar unha traballadora por tardar en atender a súa denuncia de acoso laboral

Unha sala de apostas do grupo Luckia en Galicia © Luckia Sports Café Vigo

Unha empresa do grupo galego de xogos de azar deberá pagar á afectada 3.750 euros por danos e prexuízos e 38.000 euros por despedimento improcedente

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar que Egasa Ferrol SA, empresa do grupo galego de xogos de azar Luckia, debe indemnizar a unha traballadora polo dano moral que lle causou ao tardar en tramitar o protocolo antiacoso. Desta forma, confirma outra sentenza previa do Xulgado do Social número 1 de Ferrol que declarou extinguida a relación laboral entre a muller e a compañía, á cal lle impuxo o pago dunha indemnización de 38.081 euros por despedimento improcedente e de 3.750 euros por danos e prexuízos.

O tribunal considera acreditado que a compañía incumpriu de forma reiterada e prolongada o protocolo de prevención do acoso do Grupo Luckia ao demorar a constitución da comisión investigadora e a tramitación da denuncia presentada pola traballadora a través da súa canle ética. Na sentenza, os maxistrados destacan que a falta de dilixencia na xestión da denuncia vulnerou obrigas empresariais en materia de prevención de riscos laborais e afectou a un elemento esencial de calquera protocolo antiacoso: a urxencia na actuación.

Sala de vistas na sede do Tribunal Superior de Xustiza © TSXG

"En primeiro lugar, a empresa incumpriu un elemento fundamental do seu protocolo antiacoso, como é a urxencia, cometendo unha acción ou omisión culposa ou neglixente, constitutiva dunha vulneración de dereitos fundamentais, cunha dobre dimensión: individual, sobre a saúde laboral da propia traballadora, así como colectiva, dado que, desde a perspectiva do persoal da propia empresa, ese incumprimento espertará razoables sospeitas con respecto ao cumprimento do protocolo", recalca o TSXG no fallo divulgado polo seu departamento de comunicación, no que engade que "con independencia da situación da incapacidade temporal da traballadora demandante, ese incumprimento xerou un dano moral susceptible de ser indemnizado".

"A empresa incumpriu un elemento fundamental do seu protocolo antiacoso, como é a urxencia, cometendo unha acción ou omisión culposa ou neglixente", di a sentenza

A Sala rexeita os argumentos da compañía sobre a inexistencia de dano moral e conclúe que a tardanza na tramitación da denuncia xerou un prexuízo indemnizable, con independencia de que a traballadora estivese en situación de incapacidade temporal durante parte do procedemento. "A circunstancia de estar a traballadora fóra da empresa durante a tramitación do expediente non exclúe un dano moral derivado da tardanza na tramitación do protocolo antiacoso, que é independente de se a traballadora está traballando ou fóra da empresa", advirten os maxistrados.

Unha máquina comecartos CC-BY-SA Praza Pública

Ademais, salientan que a contía de 3.750 euros fixada na sentenza de primeira instancia resulta proporcionada, á vez que lembran que é habitual tomar como referencia orientadora as sancións previstas para as infraccións moi graves por vulneración empresarial de dereitos fundamentais das persoas traballadoras.

Por iso, o TSXG rexeita integramente o recurso da empresa. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.