Ante o acoso laboral e sexual dun compañeiro a muller non logrou que a empresa actuase ata que denunciou o caso á policía e despois viu como a baixa por ansiedade que lle deron era considerada enfermidade común, o que agora corrixe o TSXG
A finais do pasado ano un xulgado de Ferrol condenou á empresa Samaín Servizos á Comunidade, do grupo ACS, e a un dos seus traballadores, polo acoso laboral e sexual deste último contra unha compañeira, limpadora na sede administrativa da Xunta en Ferrol. O home realizaba comentarios como "que rico oles, sabes igual?" ou "aquí tiña que vir un Hitler ou un Franco", e a empresa tardou meses en actuar e non o fixo ata que soubo que a vítima denunciara os feitos ante a Policía Nacional.
A muller acabou recibindo unha baixa médica por ansiedade, pero esta foi cualificada inicialmente como enfermidade común, polo que tivo que recorrer tamén por iso ante a xustiza, que tanto nun xulgado do Social de Ferrol como agora no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) lle dá a razón en que o seu ten que ser considerado accidente laboral.
"Que rico oles, sabes igual?" ou "non che dá vergoña vir tan pintarraxeada a traballar?" son algúns dos comentarios lanzados "durante meses, incluso diante do superior xerárquico"
Segundo a sentenza revelada por Praza.gal en xaneiro que analizou o fondo do seu caso, a muller xa traballaba como limpadora do edificio da Xunta en Ferrol cando a finais de 2022 se incorporou tamén como limpador un compañeiro que "comezou a realizar comentarios" como "que rico oles, sabes igual?", "non che dá vergoña vir tan pintarraxeada a traballar?", "os homes deben estar traballando e as mulleres en casiña" ou "aquí tiña que vir un Hitler ou un Franco". Uns comentarios que o compañeiro lanzou "durante meses, incluso diante do superior xerárquico de ambos", o responsable de limpeza do edificio, "e de forma reiterada".
A muller pediu a un segundo superior, xefe do servizo, primeiro que actuase a mutua da empresa, "que aquel lle negou", e despois, o 31 de maio de 2023, a activación do protocolo de acoso laboral. Ademais, o seu xefe inmediato "puxera en coñecemento" do xefe do servizo o que el mesmo presenciara. Porén, a empresa tardou meses en actuar e non realizou un despido disciplinario do acosador ata outubro de 2023, tras saber que a vítima denunciara os feitos ante a Policía Nacional.
Ao tempo que a vítima pediu a activación do protocolo de acoso laboral, recibiu unha baixa médica por "ansiedade xeralizada", pero a Seguridade Social decidiu declarala "enfermidade común". A muller tivo que recorrer á xustiza e en maio do pasado ano un xulgado do Social de Ferrol deulle a razón e estableceu que fóra "accidente de traballo". Pero Samaín recorreu ante o TSXG e este agora reitera que o sucedido debe ser cualificado como accidente laboral.
Segundo a sentenza do TSXG, "antes dos episodios relacionados coa interacción do outro traballador implicado, a situación de saúde da traballadora era estable e permitía o desempeño do traballo, resultando evidente que tras esa interacción se produce a alteración de saúde que implica o impedimento para o traballo constitutivo da incapacidade temporal".
Para o TSXG é "evidente" que a "alteración de saúde" que impide á muller traballar se produce "tras esa interacción" co compañeiro acosador
A sentenza tamén di que "a propia reacción da empresa, activando o protocolo de acoso, que culminou no despido do outro traballador, axuda a corroborar a transcendencia de dito comportamento no empeoramento do estado de saúde da traballadora que motivou a baixa por incapacidade temporal". Un protocolo no que a propia empresa admitiu que "existen condutas verbais, constitutivas de acoso sexual e por razón de sexo (tras facer comentarios ou bromas sexuais obscenas e comentarios impropios) no ámbito do traballo".
Así que o TSXG conclúe que o sucedido debe ser considerado accidente de traballo e Samaín Servizos á Comunidade debe asumir tamén as costas xudiciais.