A muller, limpadora da sede da Xunta en Ferrol, non logrou que Samaín Servizos á Comunidade actuase ata que soubo que presentara unha denuncia ante a policía
Un xulgado do Social de Ferrol vén de condenar á empresa Samaín Servizos á Comunidade, do grupo ACS, e a un dos seus traballadores, polo acoso laboral e sexual deste contra unha compañeira, limpadora no edificio administrativo da Xunta en Ferrol. A sentenza reflicte que dous superiores da vítima coñeceron os feitos pero a empresa tardou meses en activar o protocolo de loita contra o acoso. Só o fixo cando foi coñecedora de que a acosada presentara unha denuncia ante a Policía Nacional.
Segundo os feitos probados da sentenza, a muller xa traballaba como limpadora do edificio da Xunta en Ferrol cando o condenado se incorporou como compañeiro limpador a finais de 2022 e "comezou a realizar comentarios" como "que rico oles, sabes igual?", "non che dá vergoña vir tan pintarraxeada a traballar?", "os homes deben estar traballando e as mulleres en casiña" ou "aquí tiña que vir un Hitler ou un Franco".
Uns comentarios que o compañeiro lanzou "durante meses, incluso diante do superior xerárquico de ambos", o responsable de limpeza do edificio, "e de forma reiterada".
A muller pediu a un segundo superior, xefe do servizo, primeiro que actuase a mutua da empresa, "que aquel lle negou", e despois, o 31 de maio de 2023, a activación do protocolo de acoso laboral. Ademais, o seu xefe inmediato "puxera en coñecemento" do xefe do servizo o que el mesmo presenciara. Porén, a empresa tardou meses en actuar e non o fixo ata que soubo que a vítima denunciara os feitos ante a Policía Nacional".
"Que rico oles, sabes igual?" ou "non che dá vergoña vir tan pintarraxeada a traballar?" son algúns dos comentarios lanzados "durante meses, incluso diante do superior xerárquico"
A sentenza di que "aínda considerando que a empresa non tivese coñecemento dos feitos senón ata o 31/5/2023, cando a traballadora lle entregou o Anexo do Protocolo cumprimentado, a empresa tardou aquel tempo en reaccionar, ata o punto de que o 14/9/2023 a traballadora presentou outro escrito achegando a denuncia da Policía Nacional e a empresa non iniciou o Protocolo ata o 6/10/2023". O seu resultado foi o despido disciplinario do acosador o 11 de xaneiro seguinte, ratificado á súa vez como despido correcto noutro proceso xudicial distinto. Así que a empresa, di a condena, reaccionou "pero o fixo tarde".
Ante esta situación probada de "existencia dun contexto de acoso laboral, sexual e por razón de xénero", a sentenza conclúe que tanto o acosador como a empresa vulneraron dereitos fundamentais da traballadora, polo que son condenados a indemnizala solidariamente con 10.000 euros.