O Tribunal Supremo vén de facer firme unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que estableceu que un traballador da empresa Samaín Servizos á Comunidade -do grupo ACS, presidido por Florentino Pérez- sufriu discriminación por enfermidade ao ser despedido do seu posto de limpador na fábrica de Stellantis en Vigo. Coa ratificación da sentenza o home debe ser readmitido e indemnizado con 7.500 euros.
O alto tribunal ratifica que "o traballador demostrou que pode asumir a súa categoría profesional" e que a empresa non probou nin a súa incapacidade nin que tentase adaptar o seu posto de traballo
Segundo relato dos feitos, o home traballaba desde 2004 para a empresa Samaín como operario e limpeza de instalacións e maquinaria na planta de Stellantis. Desde 2019 viña padecendo epicondilitis ou cóbado de tenista e en febreiro de 2023 iniciou unha baixa por accidente laboral da que se reincorporou a comezos de maio. Un mes máis tarde, a mediados de xuño, recibiu carta de despido por "ineptitude sobrevida que lle impide por completo a realización das principais funcións inherentes ao seu posto de traballo", segundo determinou o servizo de vixilancia da saúde da empresa Cualtis de prevención de riscos laborais.
O traballador recorreu ante a xustiza o seu despido e unha primeira sentenza declarouno improcedente. As dúas partes recorreron e en maio de 2024 o TSXG mudou a valoración declarándoo nulo e censurando que non se valorara unha posible adaptación do seu posto de traballo. Posto que o empregado fora dado de alta da súa recente baixa coa consideración de apto para o traballo e a empresa era coñecedora desde anos atrás da enfermidade que viña padecendo, que polo tanto non era sobreviva, o TSXG considerou que existían indicios suficientes de discriminación por enfermidade que a empresa non puido xustificar.
O Supremo ratifica que o despido foi nulo e o traballador debe ser readmitido e indemnizado con 7.500 euros
A empresa recorreu en casación ante o Supremo e agora o alto tribunal, en auto do 25 de marzo, inadmite o recurso e declara firme a condena do TSXG. Entre outras cuestións, o Supremo desbota que o TSXG emitise un fallo contraditorio con outras sentenzas previas que realmente analizaban supostos distintos aos deste caso. E ratifica que por parte da empresa "non se demostrou nin incapacidade para a realización do traballo, nin a adecuación do posto ás limitacións do traballador".
O Supremo salienta sobre a carta de despido que "identifica con precisión cales son as limitacións concretas detectadas e a súa incidencia sobre as funcións desempeñadas polo traballador de forma xeral pero non delimita nin outras posibilidades nin a incidencia cualitativa ou cuantitativa". "Existen outras posibilidades de recolocación no servizo de limpeza subcontratado", incide o tribunal, que remarca que "ademais o traballador demostrou que pode asumir a súa categoría profesional pois reincorporouse sen tacha ao seu posto tras a alta anterior ao despido".
"Era necesaria a demostración por parte da empresa da incapacidade para a realización do traballo, e no seu caso a de adecuar o posto ás limitacións do traballador, o que non fixo", conclúe o Supremo.