O alto tribunal galego considera "en todo caso" vulnerado o dereito á igualdade e non discriminación
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera que o plan de igualdade da maior factoría da automoción en Galicia, a de Stellantis en Vigo, viola os dereitos fundamentais do seu cadro de persoal. Nunha sentenza, condena a empresa por vulnerar o dereito dunha traballadora a reducir a súa xornada laboral para facilitar a conciliación na súa vida persoal e familiar e faino en contra do ditado polo Xulgado do social número 3 de Vigo, que desestimara a demanda inicial.
A traballadora solicitaba incrementar a súa xornada reducida por coidado do seu fillo do 50% ao 62,5% de luns a venres, cinco horas diarias. Unha quenda á que Stellantis se negou por non adaptarse aos supostos que contempla no seu plan de igualdade, apoiado por unha maioría sindical. Agora, o TSXG condena a empresa a respectar este horario "mentres o menor non cumpra 12 anos" e declara un dano patrimonial asociado cuantificado en 267,56 euros/mes que deberá abonar á demandante desde o 1 de febreiro de 2021, data da solicitude, ata a data da sentenza.
O alto tribunal galego considera "en todo caso" vulnerado o dereito á igualdade e non discriminación do artigo 14 da Constitución e decide tamén condenar a Stellantis Vigo ao pago dunha "indemnización resarcitoria" en contía de 6.251 euros, en concepto de danos e prexuízos para a traballadora, que é afiliada da CUT. Este sindicato vén denunciando que o plan de igualdade é "discriminatorio, arbitrario e só contempla as necesidades da empresa para darlle a mínima cobertura legal".
O TSXG estima que a negativa do Xulgado do social de Vigo a recoñecer á traballadora a concreta redución de xornada constitúe unha discriminación indirecta por razón de sexo
"Este plan de igualdade apoiado por unha maioría da representación social, demostra que nas negociacións, esa representación social non pensa nas necesidades das persoas, só o fai nas necesidades da empresa", traslada nun comunicado a sección sindical da CUT en Stellantis, onde esixe que a factoría "se deixe de recursos estériles que o único que conseguen é entorpecer o uso dos dereitos a conciliación laboral e familiar das persoas traballadoras".
Ademais, o TSXG estima que a negativa do Xulgado do social de Vigo a recoñecer á traballadora a concreta redución de xornada solicitada convértese "nun obstáculo inxustificado para a permanencia no emprego da traballadora e para a compatibilidade da súa vida profesional coa súa vida familiar e, en tal sentido, constitúe unha discriminación indirecta por razón de sexo, de acordo coa nosa doutrina". A sentenza non é firme e contra ela pode interpoñerse un recurso de casación no Supremo.