As incertezas sobre o futuro de Stellantis Vigo pasan polo PERTE, a actualización das instalacións para o coche eléctrico e a liña de alta tensión. Mentres, os traballadores seguen en ERTE, con paradas constantes da produción e unha carga de traballo en aumento; e algúns sindicatos apuntan a un “abuso” do “principio de autoridade” por parte da multinacional
″É incrible, fanse o dobre de coches coa metade da xente″. Roberto leva 26 anos traballando para a principal factoría do automóbil en Galicia, agora Stellantis, antes PSA, pero para todo o mundo en Vigo, a Citroën. ″Hai que estar alí para vivilo, o ritmo e a carga de traballo son impresionantes. Eu non teño nin as mesmas ganas nin a mesma forza que cando entrei, pero é que hoxe miras rapaces de vinte anos que entran alí e ás dúas semanas están con ibuprofeno porque non aguantan. Anos atrás, apetecíache beber un trago de auga e collías a botella e bebíalo. Agora, para poder beber entre coche e coche tes que mirar ben en que momento podes coller a botella, quitarlle o tapón e dar un grolo sen estar agoirado xa no seguinte coche. É así, e iso nalgún lado ten que repercutir″, conta.
Segundo os cálculos dos sindicatos, hai quince anos a fábrica da actual Stellantis na Zona Franca de Vigo tiña preto de 12.000 traballadores. Hoxe rolda os 6.000, dos cales uns 800 teñen contratos eventuais. ″Se non traballan, non cobran. Con isto das paradas, teño compañeiros que me din que non chegan a fin de mes e que xa foron pedir axudas sociais ao Concello. Como pode ser que sexas traballador da Citroën e non chegues a fin de mes?″, asegura a este xornal un dos operarios veteranos. Os traballadores e traballadoras souberon primeiro polos medios de comunicación a existencia da chamada crise dos microchips, a principal causa que alega a empresa desde hai meses para non garantir o preaviso legal para as quendas laborais e para parar por días ou semanas a produción nas súas liñas.
“Con isto das paradas, teño compañeiros que me din que non chegan a fin de mes e que xa foron pedir axudas sociais ao Concello”, conta un traballador
″A ti esíxenche en medio minuto facer un traballo que en realidade antes o facían dúas persoas. Esprémenche, métenche presión con que tes que facer o teu posto; pero eu non son un robot e non teño o mesmo ritmo as oito horas da quenda″, explica Alberto, que leva 24 anos na empresa e é indefinido desde 2005. Para este traballador, que agora ten unha redución de xornada por coidado de fillos menores, a súa situación é das ″privilexiadas″ dentro da fábrica, pois non lle poden obrigar a facer máis horas. ″Sei que son un número para eles, pero eu sei que son unha persoa″, razoa.
″A unión fai a forza, pero aí dentro non hai unión –lamenta Alberto–. Estes son os peores tempos, isto é consecuencia de anos atrás e os responsables somos todos nós por permitir estes abusos. Cando traballaba na fábrica o meu padriño eran outros tempos e había outra forma de pensar″. Hai que lembrar que foron os traballadores da Citroën os que comezaron a histórica folga do ano 1972 en Vigo, da que este ano se celebra o 50 aniversario.
“Agora mesmo non é certo que teñan problemas de abastecemento. A xornada habitual estase producindo”, din desde a CUT
″Hai falta de pezas? Si. Pero unha multinacional coma esta ten capacidade de prever″, asevera Roberto. A Alberto tamén lle resulta difícil de crer que se fagan tan mal os cálculos como para que eles nunca saiban cando van traballar: ″Un venres dinche que a semana seguinte paras, despois resulta que o luns mandan aviso de que só hai paro ata o mércores. Pero de pronto avisan que o martes tes quenda e ao final esa semana acabas traballando todos os días. Vale, pero é que así é imposible organizar a vida″.
″Antes había uns grandes almacéns intermedios de subministros, que eran un pulmón que conseguía que a fábrica nai non parara″, apunta Roberto. Manuel Domínguez, responsable da sección sindical da CIG na fábrica viguesa, salienta que todo obedece a un ″aforro de custes″ e incide en que ″hai plantas en Galicia para fabricar compoñentes e semicondutores″. Porén, desde a sección sindical da CUT sinalan que ″agora mesmo non é certo que teñan problemas de abastecemento. A xornada habitual estase producindo, o que xa non hai son quendas extraordinarias″.
″A planta máis compacta e produtiva de todo o grupo é a de Vigo. Esa flexibilidade fai que sexamos a fábrica que para, porque ao grupo lle sae máis barato″, debulla Vítor Mariño, secretario xeral da CUT Citroën, quen critica que ″a pesar de todas as paradas o ano pasado o grupo gañou 13.400 millóns de euros. E este 2022, no primeiro semestre, un 37% máis de beneficio con respecto ao ano anterior. Así que a pesar de non producir, a marxe de beneficio que se está a sacar por vehículo fabricado entendemos que é maior porque aquí cada vez somos menos persoal. O índice de produtividade é brutal porque cada vez hai menos postos e a carga de traballo repártese entre o resto de traballadores. De aí as baixas por enfermidades musculoesqueléticas e o alto índice de baixas psicolóxicas que temos agora″.
″Aprovéitanse moito da ansiedade da xente. Non creo que o clima de traballo lle vaia ben á empresa, pero eles queren ter á xente un pouco enfrontada”, conta Antonio, con 30 anos de experiencia na fábrica
Antonio, que traballa na liña dúas de produción, a que fai as furgonetas e a que sufriu máis paradas nestes meses, ve claro que ″a empresa sacou máis beneficios, paradas incluídas″ desde que ten en marcha o ERTE iniciado a causa da pandemia. ″Aprovéitanse moito da ansiedade da xente –afirma Antonio, que leva trinta anos na planta viguesa–. Non creo que o clima de traballo lle vaia ben á empresa, pero eles queren ter á xente un pouco enfrontada. Trátase de convivir con isto, pero hai compañeiros que teñen medo. Tamén, duns anos para aquí, pasan cousas como que un compañeiro di que non dá máis e nun descanso colle e marcha do traballo. Tes necesidade de traballar, pero tamén tes que ver se che compensa ou non. Moita xente bótalle a culpa ao xefe novo, pero aquí sempre foi igual, se lles din que hai que recortar 500 millóns, aquí recortan 700 para quedar ben″.
″A min agora a empresa pode obrigarme a traballar un sábado. Eu non teño culpa de que a fábrica parara, pero co ERTE temos unha bolsa de horas que imos acumulando e que lle debemos á empresa. E só se recuperan as fines de semana ou con horas extraordinarias, cando queira a empresa″, explica Roberto. Desde a CIG lembran que o ERTE está demandado "por discriminación", da mesma maneira que a central sindical volveu presentar unha demanda nos xulgados de Vigo ″ante a reiterada vulneración da dirección″ ao non respectar o preaviso de cinco días para as xornadas non laborais; un asunto sobre o que o Tribunal Supremo xa fallou a favor dos traballadores da factoría viguesa.
Futuro de Stellantis Vigo
Entre as principais incertezas cara á permanencia de Stellantis en Vigo entran o PERTE do vehículo eléctrico e conectado, a implantación dunha nova plataforma eléctrica para a fabricación dos coches que veñen e a instalación dunha liña de alta tensión en Vigo. Sobre este último punto, desde CCOO consideran que debera ser a cidade a que fixera unha aposta decida por esta vía: ″Non vemos que sexa un problema de Stellantis, somos a única planta do Estado que non dispoñemos desa conexión″. Por parte da CUT deixan claro que Stellantis goza dun ″principio de autoridade″ ao que ″non se lle pon coto nin desde a xustiza″. ″Citroën ten dereito de pernada en Vigo e Vigo é o buque insignia de todo Stellantis″, indican.
Esta semana, o delegado do Goberno español en Galicia, José Miñones, volveu insistir en que non se vai ″redefinir″ o PERTE para que entre Stellantis por incompatibilidades entre os prazos que esixe o plan e os que pode garantir o xigante automobilístico. ″Vanse buscar fondos a través doutros financiamentos da Unión Europea″, confirmou Miñones, quen tamén lanzou a pelota á Xunta ao manifestar que ″o importante agora é saber como vai apoiar″ o Goberno galego á fábrica viguesa.
″Agora mesmo as nosas posibilidades de montar os novos coches eléctricos son nulas. Esa é a pelexa e a preocupación fundamental que queremos trasladarlle aos traballadores″, afirman desde CCOO
″É fundamental, porque así o dixo Carlos Tavares [CEO de Stellantis Vigo], que a fábrica participe no reparto do PERTE e nós entendemos que se lle debera conceder, pero non como un cheque en branco. Pediriamos que se garanta como mínimo o emprego actual e unha mellora das condicións laborais″, traslada Santiago García, secretario xeral da sección de CCOO en Stellantis. García tamén se mostra rotundo ante a importancia da plataforma eléctrica que demanda a empresa para montar o coche eléctrico: ″Agora mesmo as nosas posibilidades de montar os novos coches eléctricos son nulas. Esa é a pelexa e a preocupación fundamental que queremos trasladarlle aos traballadores″.
Para a CIG a incerteza non acompaña só aos traballadores e traballadoras da fábrica, ″senón a todo o tecido industrial a nivel galego″. ″Estamos todos pendentes dun fío nunha situación dun uso abusivo do principio de autoridade por nomearte, neste caso, PSA Vigo″, di Manuel Domínguez. Pola súa banda, Antonio rememora como hai 30 anos traballar en Citroën era case un motivo de envexa, ″daquela tiñas máis beneficios, o do economato estaba mellor.. a día de hoxe non deixas de ser como calquera que traballe nunha empresa grande″.
Traballadores da factoría en Balaídos trasladan que hoxe Stellantis, a empresa que tira do sector, ten peores condicións laborais que moitas das auxiliares
Neste sentido, os traballadores consultados por este xornal afirman que 'virou a tortilla' e agora Stellantis –sendo a empresa que tira do sector– ten peores condicións laborais que moitas auxiliares –todas de menor dimensión–. Roberto relembra como cando el entrou na Citroën hai 26 anos cobraba unhas 160.000 pesetas de salario. ″Con iso, un chaval de 20 anos era o rei do mambo″, confesa. Porén, ″hoxe un rapaz que entra non cobra iso e o choio é o dobre ou o triplo. Teño un fillo de 20 anos e non o levei nin de visita á fábrica (porque nós temos esa posibilidade). Pero é que non quero que saiba onde traballa seu pai para que nunca se lle pase pola cabeza entrar aí″, asevera Roberto.
Eleccións sindicais
As eleccións sindicais dentro da planta de Balaídos están previstas para os días 13 e 14 de outubro. O sindicato corporativo, o Sindicato Independiente de Trabajadores (SIT-FSI), é no que case sete de cada dez traballadores deposita a súa confianza. Ante isto, desde CCOO chaman á ″unión dos sindicatos de clase″. Para esta reportaxe achegaron información desde a CUT, CIG e CCOO. Consultado por este xornal, UGT non atopou o tempo para participar.
CIG e CUT presentaron un laudo ″co fin de impedir que o proceso electoral sexa tutelado pola dirección″ de Stellantis Vigo
A organización do proceso electoral acaba de comezar e desde a CUT e mais a CIG xa tiveron que recorrer a un laudo sobre a composición da mesa electoral central, que foi estimado parcialmente pola xustiza, que obriga a que se volva constituír. Un laudo que presentaron, segundo explican na CIG, ″co fin de impedir que o proceso electoral sexa tutelado pola dirección″.
″Na rúa din que Citroën está mal, pois Citroën non está mal. Mal estamos nós, que estamos consumindo o noso paro (os que o teñen) co ERTE, e que dependemos da empresa permanentemente para saber se imos traballar ou non. E mais que a maioría dos traballadores que entran agora teñen contratos a tempo parcial″, resume Vítor Mariño da CUT, que teme “recortes sociais” cando pasen as eleccións e que a empresa propoña unha “actualización salarial” e se “descolgue do convenio”.