A empresa de automoción opta por suspender a produción en Balaídos ao esgotar o seu stock de microchips
A multinacional da automoción Stellantis (antes Grupo PSA - Citroën) cesa de maneira indefinida a súa actividade na planta de Vigo, situada en Balaídos, por falta de abastecemento de "supercondutores", unha peza presente hoxe en todos os vehículos que incrementou a súa demanda a nivel mundial ao formar parte da maioría dos dispositivos electrónicos que se empregan a diario.
Stellantis reuniu ao comité de empresa da fábrica viguesa para trasladarlles a decisión deste paro total na actividade, pero non se comprometeu cos prazos do mesmo. A empresa xa tiña en marcha un ERTE por causas organizativas e de produción para máis de 3.600 traballadores, apoiado polos sindicatos SIT-FSI, UGT e CCOO, que foi denunciado pola CUT nos xulgados ao non consideralo unha medida xustificada.
O desabastecemento deses "supercondutores" depende da chamada crise dos microchips, que está a afectar a múltiples empresas en todo o mundo. Fontes consultadas por Praza.gal explican que houbo unha "falta de previsión" do sector da automoción e que isto é unha nova consecuencia da desaparición dos almacéns intermedios de material. "Trabállase a golpe de pedido, con marxes de días ou incluso de horas", sinalan. Este cese na actividade na planta de Stellantis arrastrará ás empresas auxiliares da automoción galega, que verán diminuída a demanda de materiais por parte da multinacional.
O grupo disponse a reestruturar os seus concesionarios e prevé que todos sexan multimarca
Representantes da CUT en Balaídos trasladan que a posición das traballadoras e traballadores complícase e queda nas marxes da legalidade ao entrar nun ERTE, ter o seu contrato en suspenso coa empresa e, á vez, ter que estar pendentes do teléfono con dispoñibilidade para comezar a traballar en calquera momento cando Stellantis reactive a produción.
Por outra banda, Stellantis comunicou unha reestruturación nos seus concesionarios, que a partir do ano 2023 pasarán a ser todos multimarca. Van deseñar "un novo esquema de distribución" que pon fin, "cun preaviso de dous anos", aos acordos de venta e distribución actuais. "Os concesionarios e as marcas de Stellantis disporán dun modelo de negocio novo e eficiente destinado a crear sinerxias, optimizar custos de distribución", salientan desde a multinacional.