O número de expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) presentados en Galicia relacionados co coronavirus segue a medrar e chegou aos 8.276 este luns, pouco máis dunha semana despois de que se declarase o estado de alarma. De acordo cos datos da Xunta, as persoas afectadas son xa 45.440. A estas cifras sumarase a planta de PSA en Vigo, con máis de 7.000 traballadores, para os que a empresa propón aplicar esta medida.
O número total de expedientes é de 8.276 e nos próximos días sumarase o ERTE de PSA en Vigo, que se aplicará para os máis de 7.000 empregados
A fábrica automobilística presentoulle este luns a proposta aos sindicatos e as partes esperan ter este mesmo martes, case unha semana despois de que pechasen as instalacións, o acordo. UGT, CUT, CCOO e CIG pediron nun comunicado conxunto, no que non participa o sindicato maioritario SIT, que a medida se lle aplique a todo o persoal, que os eventuais manteñan un ano de contrato e que non se supriman pagas extras nin vacacións, entre outros aspectos.
Entre as medidas do paquete económico do Estado para facer fronte ás consecuencias da paralización da actividade e o confinamento está a flexibilización das suspensións temporais de contrato e as reducións de xornadas, que se poden aplicar a través dun ERTE. Os presentados nestas circunstancias poden considerarse de forza maior e recibir a aprobación en cinco días.
As empresas non teñen que abonar as cotas á Seguridade Social e o persoal ten dereito a un mes de paro (a vixencia establecida no real decreto-lei) que non se descontará dos dereitos que xa tivesen xerados e que poderán percibir aínda sen ter cotizado o mínimo.
Os datos da Xunta concretan que na provincia da Coruña xa se presentaron 3.172 ERTE para 15.651 persoas e na de Pontevedra foron 2.732 que afectan a 15.536 persoas. Entre as dúas concentran o 71 por cento. En Ourense rexistráronse 1.055 expedientes e en Lugo, 1.058, que inclúen, respectivamente, a 4.281 e 3.726 persoas. En 251 empresas o ERTE afecta ao conxunto de Galicia e a 5.509 empregados e, en oito casos, a aplicación é estatal e inclúe 737 profesionais.
As provincias da Coruña e de Pontevedra, con máis tecido empresarial, concentran máis do 70 por cento dos ERTE
Entre as compañías que recorren a esta vía está a empresa de telemárketing Bosch, que decidiu aplicar no seu centro de Vigo un ERTE que suspenderá durante seis meses os contratos de 1.309 dos seus 1.549 traballadores fixos. Xa prescindiu do persoal co que contaba a través de empresas de traballo temporal (ETT). Tamén se suceden estas medidas en empresas relacionadas co turismo e en pequenos comercios e negocios de hostalaría, obrigados a pechar as súas portas, o que está a deixar sen ingresos os propietarios, moitos deles autónomos.