PSA Financial Services debe entregar os seus vehículos en San Caetano, entre eles a nova berlina do presidente e os 12 SUV para os conselleiros da marca de alta gama DS
A Vicepresidencia Primeira do Goberno galego adxudicou finalmente o mércores o contrato para a renovación de parte do parque móbil da Xunta con 191 vehículos novos en leasing ou arrendamento financeiro que incluirá unha berlina DS-9 como novo coche oficial para o presidente Feijóo e doce SUV DS-7 Crossback para os conselleiros. Eses vehículos de alta gama deberán ser entregados en San Caetano antes de febreiro, segundo os prazos previstos nos pregos de licitación e a oferta realizada pola empresa adxudicataria dese lote do concurso, PSA Financial Services, que tamén deberá entregar noutro lote cinco furgonetas eléctricas Citroën E-Berlingo.
A adxudicataria forma parte do grupo Stellantis que ten tamén as marcas Citroën e Peugeot e cuxa fábrica viguesa visitaron este venres o presidente Feijóo e o Rei con motivo do lanzamento de novas versións eléctricas de vehículos comerciais lixeiros. O presidente do Goberno galego e o xefe do Estado probaron unha furgoneta similar ás que recibirá a Xunta nun dos cinco lotes agora adxudicados para renovar o seu parque móbil.
Malia que a adxudicación do contrato dos novos coches oficiais da Xunta aínda se produciu o mércores tras diversos trámites de xustificación de documentación, a mesa de contratación que valorou as ofertas recibidas xa se pronunciara a comezos de outubro a favor da proposta de PSA que inclúe os vehículos DS eléctricos enchufables como novos coches oficiais. Tras avanzar Praza.gal o modelo e características dos novos vehículos, a Xunta confirmou que os de alta gama da marca DS serán para o presidente e os conselleiros.
Agora, segundo os pregos de condicións e a oferta formulada por PSA, tras a adxudicación a Xunta deberá deixar pasar os 15 días hábiles que prevé a lei de contratos para a posible interposición dalgún recurso. Despois a Xunta dará cinco días á empresa para asinar o contrato, cando comezará a contar o prazo de 30 días que a compañía ofertou para entregar os coches como rebaixa aos 90 días máximos que propuxo o Goberno galego nos pregos do concurso. A suma de todos eses prazos fai que os coches deban ser entregados na sede do parque móbil da Xunta, en San Caetano, antes do mes de febreiro.
A Xunta pon o foco en que “a renovación do parque móbil afecta non só a altos cargos” e di que agora hai un 89% menos con “coche e condutor en exclusiva” que durante a coalición de PSdeG e BNG, pero en renovacións previas o Consello de Contas non foi quen de "verificar, de forma precisa" canto aforrou
Tras recibir os vehículos, a Xunta “disporá do prazo dun mes tras a entrega para inspeccionar o material e comprobar se se cumpren as condicións fixadas”, polo que os novos coches oficiais poderían ser estreados polo presidente e os conselleiros antes da primavera. A Xunta salienta que "a renovación do parque móbil afecta non só a altos cargos" e que "só o Presidente, os Vicepresidentes, os conselleiros e os 5 delegados territoriais da Xunta, dispoñen de coche oficial e condutor en exclusiva, fronte aos 160 cargos que o tiñan no bipartito, o que implica unha redución do 89% fronte ao anterior goberno”.
No entanto, en anteriores renovacións do parque móbil o Consello de Contas non foi quen de "verificar, de forma precisa" canto aforrou a Xunta.