A UE salienta que o Goberno de Rajoy quería axudar a Citroën sen “ningunha obriga de novos postos de traballo”

Fragmento do documento da Comisión Europea e imaxe da fábrica de Vigo da Web de PSA CC-BY-SA Paza Pública

A Comisión Europea revela que a axuda estaría condicionada a que a empresa mantivese “soamente” dous anos o número de empregos, que “descende despois do investimento” subvencionado

A investigación que ten en marcha a UE sobre a axuda de 20,7 millóns de euros que o Goberno de Mariano Rajoy concedeu á fábrica viguesa de Peugeot-Citroën (PCAE Vigo), pendente de ser revisada pola Comisión Europea, revela que esta ten dúbidas da contribución ao desenvolvemento de Galicia dos proxectos de investimento da empresa aos que ía destinada a subvención. Nese eido os datos da investigación agora revelados pola propia Comisión poñen o foco entre outras cuestións na ausencia de creación de emprego con eses investimentos. “A Comisión observa que non existe ningunha obriga de crear novos postos de traballo”, di de xeito expreso o Executivo comunitario.

A carta dirixida pola Comisión ao Goberno de España o pasado xullo cos principais elementos da súa investigación, agora feita pública no Diario Oficial da Unión Europea para recibir alegacións, sinala que durante o proceso de xustificación da subvención o Executivo de Rajoy lle remitiu o denominado “proxecto de acto de concesión da axuda”, documento do que di que “non foi asinado nin polas autoridades españolas nin por PCAE” senón que era un “exemplo de contrato de concesión de axuda”. “As autoridades españolas explicaron que só se facilitará a PCAE unha versión final do contrato de concesión da axuda unha vez aprobado pola Comisión”, sinala esta, que en todo caso debulla os compromisos que ese documento quería impoñerlle a Peugeot-Citroën.

Fabrica de Peugeot-Citroën en Vigo CC-BY-SA CIG

“As intencións de PCAE e as repercusións sobre o número de empregos unha vez transcorrido ese período non quedan claras”, di a Comisión

Segundo o agora feito público pola Comisión, “o número de empregos descende despois do investimento” de xeito que a cifra de denominados ETC (traballadores equivalentes a tempo completo) pasaría da contorna dos 4.500-5.500 aos 4.100-5.100 -o cadro de persoal directo da fábrica de Vigo oscila moito arredor deses 5.000 empregos en función dos picos ou reducións da produción e a propia Comisión considera a cifra exacta “secreto comercial”-. 

O Executivo comunitario engade que segundo ese “proxecto de acto de concesión de axuda” que lle facilitou o Goberno central “parece que PCAE ten a obriga de manter eses [4.100-5.100] empregos na planta de Vigo soamente durante dous anos desde a finalización do investimento”. E engade que “as intencións de PCAE e as repercusións sobre o número de empregos unha vez transcorrido ese período non quedan claras”.

Noutro punto do documento agora desvelado a Comisión é máis directa e sinala que “o proxecto de acto de concesión da axuda recolle a obriga de manter ditos [4.100-5.100] empregos en PCAE Vigo durante 2 anos despois da finalización do investimento”, engadindo que “a Comisión observa que non existe ningunha obriga de crear novos postos de traballo”. 

A axuda outorgaríase “a condición de que o beneficiario manteña o investimento na rexión beneficiaria durante un período mínimo de cinco anos tras a finalización do proxecto de investimento”

A Comisión tamén sinala que o Goberno de Rajoy quería outorgar a axuda “a condición de que o beneficiario manteña o investimento na rexión beneficiaria durante un período mínimo de cinco anos tras a finalización do proxecto de investimento”. Nese eido, o Executivo comunitario sinala que o Goberno español comunicoulle que “os ingresos estimados de PCAE Vigo en 2017 representan o 6,69% do PIB de Galicia” e que “como consecuencia do proxecto notificado, estímase que PCAE Vigo contribuirá nun 8,44% ao PIB de Galicia”. Porén, malia o intercambio de preguntas e explicacións entre a Comisión Europea e o Goberno central, o Executivo comunitario segue a ter dúbidas da contribución desa subvención ao desenvolvemento de Galicia, polo que somete as súas consideracións ás achegas que calquera interesado desexe realizarlle.

A empresa lembra que "non recibiu polo momento a axuda" e asegura que a aprobación, "sometida polas autoridades españolas á Comisión Europea, segue o procedemento habitual"

Consultada por Praza.gal sobre o novo paso dado pola Comisión Europea ao facer públicas as súas dúbidas e o seu intercambio de preguntas e respostas co Goberno español no Diario Oficial da UE, a empresa di non ter “ningún comentario ao respecto, máis alá de lembrar que a aprobación destas axudas, sometidas polas autoridades españolas á Comisión Europea, segue o procedemento habitual”. “A empresa non recibiu polo momento a axuda, dado que se atopa en proceso de aprobación”, lembra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.