A Comisión Europea di que “o investimento tería sido máis rendible economicamente ou máis viable” noutra fábrica de Eslovaquia nunha rexión “polo menos igual de desfavorecida” que Galicia
“A Comisión manifesta as súas dúbidas canto á contribución dos proxectos de investimento ao desenvolvemento da rexión en cuestión”. Así amosa a Comisión Europea as súas dúbidas sobre o efecto real para Galicia das axudas de preto de 20,7 millóns de euros que o Goberno central, a través dunha petición da Xunta, outorgou en 2017 á fábrica de Peugeot-Citroën de Vigo. O pasado xullo fíxose público que a UE estaba a analizar esa subvención e agora desvélase o detalle das principais dúbidas da Comisión, que pide a calquera interesado que formule as consideracións ou alegacións que considere oportunas.
O Diario Oficial da UE publicou o pasado 17 de xaneiro a carta coa que a Comisión comunicou formalmente hai seis meses ao Goberno de España a súa decisión de incoar un procedemento de investigación desas axudas, que xa cando foron concedidas polo Goberno de Mariano Rajoy quedaron condicionadas á súa posterior autorización por parte da UE. Esa carta agora desvelada, e que se somete á consideración de calquera interesado por un prazo dun mes, contén tanto as principais dúbidas que as axudas lle producen á Comisión Europea como as explicacións ofrecidas por España, que non convencen á UE.
Segundo o agora desvelado pola Comisión, as axudas, que sumaron un total de 20.660.434 euros, debían ir destinadas a introducir innovacións no proceso global de produción de automóbiles, pero a UE cre que iso non é así e sospeita que realmente están destinadas a unha mellora puntual da técnica empregada na planta viguesa en beneficio da empresa e non da innovación. Iso suporía ir en contra das denominadas Directrices sobre as axudas estatais de finalidade rexional para 2014-2020 (DAR). “Na fase de avaliación preliminar, a Comisión non puido confirmar a admisibilidade da axuda notificada e a súa compatibilidade coas disposicións das DAR”, di.
A comisión tamén dubida de que puidesen recibir ese tipo de axudas tanto a empresa como o proxecto en si xa que “a axuda rexional para investimentos de grandes empresas non é probable que teña un efecto incentivador"
A Comisión non só dubida da contribución ao desenvolvemento de Galicia dos proxectos de investimento de Peugeot-Citroën en Vigo senón tamén de que puidesen recibir ese tipo de axudas tanto a empresa como ese tipo de proxectos en si. A Comisión lembra que as directrices que regulan esas axudas din que “posto que a axuda rexional para investimentos de grandes empresas non é probable que teña un efecto incentivador, non pode considerarse compatible co mercado interior” a non ser que, de xeito excepcional, se outorgue para “novos procesos innovadores”, algo que non foi quen de constatar en Vigo. E explica que, no caso do investimento subvencionado en Vigo, este produciuse en detrimento doutra fábrica da compañía na rexión eslovaca de Trnava. Isto é, a axuda supuxo un obstáculo á libre competencia na UE.
“A axuda puido desviar o investimento 1 de Trnava, onde, sen ningunha axuda, a primeira vista parece que a execución do investimento tería sido máis viable”, chega a dicir a Comisión, que conclúe que “isto constituiría un efecto negativo manifesto da axuda, que [...] non pode compensarse, ao sopesar de xeito global a compatibilidade da axuda, con ningún efecto positivo da mesma, xa que é contrario á propia lóxica da axuda rexional”. Explicado doutro xeito pola propia Comisión, “o investimento tería sido máis rendible economicamente ou máis viable nesa outra localización, polo menos igual de desfavorecida”. Ademais, a Comisión tamén dubida de que o tipo de vehículos para o que vai destinado parte do investimento subvencionado poida formar parte dun "mercado pouco produtivo, o cal podería incluso estar en declive absoluto".
O Goberno central argumentou que "sen a axuda, o investimento [de Peugeot-Citroën Vigo] non sería suficientemente rendible
Pola contra, entre os argumentos ofrecidos polo Goberno central, que non convencen á UE, está o de que “sen a axuda, o investimento non sería suficientemente rendible” e que a axuda “cambiou o comportamento de [Peugeot-Citroën Vigo] ao estimular as innovacións tecnolóxicas e a evolución industrial” e que “sen a axuda [Peugeot- Citroën Vigo] non realizaría os investimentos por importe de 492 millóns de euros tal como estaban previstos no Plan Industrial 2015-2019”.